Dez razóns para ir escoitar a Owen Jones á Coruña

Owen Jones © El Diario

Que é o que fai que a esquerda europea escoite con atención a este inglés, insultantemente novo (ten 31 anos) e con cara de neno bo? Que é o que Owen Jones achega ao debate político, nun momento de recomposición de maiorías, nun momento de transformación das canles comunicativas, nun momento en que as clases populares están a votar de forma masiva ao UKIP en Inglaterra ou á Fronte Nacional en Francia, e no que as ata hai pouco sólidos partidos socialdemócratas en Grecia, España, Francia ou Reino Unido amosan uns evidentes signos de debilidade?

Owen Jones estará na Coruña este luns, nun encontro organizado por EnMarea, que comezará ás 19.30 horas no Paraninfo da Universidade, e no que tamén intervirán Antón Gómez-Reino (número 1 pola Coruña), Yolanda Díaz (número 2) e Ángela Rodríguez (número 2 por Pontevedra), presentado por María Antonia Trillo, de Economía Podemos Galicia. Haberá tradución simultánea. Jones, que asesora a Podemos en políticas mediáticas e de dereito da comunicación, participará noutros actos esta semana, o mércores en Madrid e o venres en Valencia.

En The Establishment, Jones analiza como unha pequena elite xestiona o poder e se mantén nel, con papel moi destacado do control dos medios de comunicación e das portas xiratorias

Jones deuse a coñecer hai catro anos coa publicación de Chavs: The Demonization of the Working Class, un libro no que analizaba os estereotipos negativos deitados polo Partido Conservador (e posteriormente polos laboristas) e os medios de comunicación sobre a clase obreira, trasladando o foco da desigualdade cara ao esforzo individual no canto das situacións estruturais ou as políticas públicas. Se a primeira obra falaba dos de abaixo, no seu segundo libro centrouse nos de arriba. En 2014 publicou The Establishment: And how they get away with it, que en castelán foi traducido moi oportunamente como El Establishment: La casta al desnudo, e no que Jones analiza como unha pequena elite xestiona o poder e se mantén nel, con papel moi destacado do control dos medios de comunicación e das portas xiratorias. 

Jones escribe habitualmente, ademais, en The Guardian e é moi activo nas redes sociais, sobre todo a través de youtube e está a adquirir un importante protagonismo no proceso de renovación da esquerda británica, no que o novo líder laborista, Jeremy Corbyn, terá moito que dicir. Owen Jones, de feito, é fillo, neto e bisneto de militantes socialistas na moi industrial e obreira cidade de Sheffield e traballa con algúns políticos da ala esquerda do laborismo. Aquí van dez razóns para ir á Coruña a escoitar a Owen Jones e o seu acento do norte de Inglaterra.

En Chavs sinala a sacralización da clase media como espazo social de referencia, definida sobre todo en termos de consumo, e a definición das desigualdades como un produto do esforzo persoal e condicionantes individuais

  • Con Chavs, Jones conseguiu poñer o foco no esquecemento ao que a socialedemocracia someteu á que fora a súa tradicional base social: as clases traballadoras e os grupos máis desfavorecidos polas situacións de desigualdade. A sacralización da clase media como espazo social de referencia, definida sobre todo en termos de consumo, provocou varios efectos: esluíu o discurso político da esquerda, axudando a que outros partidos, de centro, dereita ou mesmo de extrema dereita competisen por esa base electoral; consolidou -tamén na esquerda- o discurso de que as desigualdades tiñan unha causa individual -de esforzo- e non colectiva ou estrutural; e, ademais, deixou á marxe aos desclasados, aos marxinados. Canto máis desigual é unha sociedade, máis necesitas demonizar os de abaixo para xustificar esa desigualdade, sinala.
  • As críticas de Jones e outros autores están contribuíndo a impulsar unha certa refundación da socialdemocracia, ben sexa dentro dos partidos tradicionais (coma no Reino Unido da man de Corbyn) ben a través de novos movemento. Jones cita a Geoffrey Howe, ministro con Margaret Thatcher, que sinalou que "o verdadeiro triunfo do Thatcherismo non foi transformar un partido, senón dous". 
  • Explora tamén o fenómeno, crecente en moitos países, do voto das clases traballadoras, desempregados e con baixos ingresos, a forzas de extrema dereita, coma o UKIP ou a Fronte Nacional. O autor analiza "o fracaso da esquerda", que non soubo canalizar "a rabia da xente", dirixida cara aos banqueiros e clases altas, cara aos inmigrantes ou cara aos funcionarios.

Centra unha parte importante das súas análises nos medios de comunicación e no seu papel na conformación de ideas e estados de opinión

  • Centra unha parte importante das súas análises nos medios de comunicación e no seu papel na conformación de ideas e estados de opinión. "Boa parte dos medios de comunicación son un instrumento político, traballando en favor dos obxectivos dos seus propietarios; as elites políticas e mediáticas decote mestúranse, compartindo as mesmas visións sobre como debe funcionar a sociedade", escribe. 
  • Nos seus artigos e declaracións públicas anima a unha reflexión crítica dende a esquerda sobre o funcionamento da Unión Europea, unha achega importante, sobre todo no Reino Unido, onde o malestar coas institucións europeas está sendo capitalizado polo UKIP e, máis recentemente, polo Partido Conservador.

Jones alenta a esquerda a retomar o debate ideolóxico que foi perdendo progresivamente nas últimas décadas

  • Jones alenta a esquerda a retomar o debate ideolóxico que foi perdendo progresivamente nas últimas décadas, fronte á asunción do enmarcamento (framing) dos distintos temas realizado pola dereita, a asunción do terreo de xogo ou do campo do posible definido polas elites. Cita neste senso a fiestra Overton (Overton window), a ventá que estreita o rango de ideas que a xente pode atopar "aceptable", de senso común, e que determina a viabilidade política dunha idea, máis definida por esta coherencia con este marco e non tanto polas preferencias individuais da poboación.
  • En The Establishment, Owen Jones popularizou en toda Europa un concepto moi semellante ao de casta empregado en España por Podemos, analizando os nexos de poder entre as elites políticas, económicas e mediáticas, que se intercambian, axudan e retroalimentan, e as súas estratexias. Demanda, neste senso, a supresión das portas xiratorias (revolving doors) e lembra que o 46% das grandes empresas británicas teñen algún deputado ou deputada (ou ex) no seu consello de administración ou entre os seus principais accionistas.

Denuncia os procesos de espolio do Estado levados a cabo polo sector privado e os mecanismos empregados polas grandes fortunas para pagar menos impostos

  • Recupera, ao igual que sucedeu en España dende a aparición do 15M, o concepto de soberanía, alertando contra a "ilusión" da xente, de crerse "soberanos" e de ter o poder de cambiar os fundamentos da sociedade a través do seu voto. Contrapón, ademais, a necesidade dunha "revolución democrática" para devolverlle aos cidadáns e cidadás esa capacidade, unha caste de reivindicación de democracia real, definida a través dunhas determinadas políticas económicas e reforma do funcionamento das estruturas de decisión.
  • Denuncia os procesos de espolio (scrounge) do Estado levados a cabo polo sector privado, que reclama que dende o público se financien infraestruturas, baixadas de impostos, complementos salariais ou rescates de empresas. Owen critica o que denomina "socialismo dos ricos". Tamén chama a atención sobre os mecanismos que as grandes fortunas e compañías atopan para pagar menos impostos. 
  • Owen Jones foi acusado de ser máis efectivo co diagnóstico que coa proposta de solucións para as crises da sociedade e da esquerda. Mesmo así, nos seus libros fai algunhas propostas organizativas (pensadas, sobre todo, para o Reino Unido), chamando aos movementos sociais a un traballo conxunto e a unha renovación de estratexias políticas e comunicativas. "A xente quere unha sociedade máis xusta e equitativa. A razón de que a casta siga gañando a discusión non é que teña mellores ideas, senón porque está mellor organizada", escribe. "As formas tradicionais de oposición á elite -sindicatos, partidos tradicionais- caeron. Alí onde debería haber unha resposta contra o establishment, hai un baleiro en termos políticos", engade. Chama, polo tanto, a unha renovación de discursos, a un novo encontro entre sectores hoxe separados e sen referente.

 

Owen Jones © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.