Prietas las filas. As supostas diverxencias internas escenificadas nas semanas posteriores á presentación da contrarreforma da lei do aborto quedaron onte sepultadas baixo a monolítica disciplina do PP no Congreso dos Deputados. O PSOE forzou unha votación secreta dunha proposición para instar o gabinete de Mariano Rajoy a non seguir tramitando a norma que abandeira o ministro Alberto Ruiz-Gallardón e o resultado non puido ser máis desesperanzador para quen reclama que as mulleres poidan decidir ser nais ou non. Os 183 votos en contra da iniciativa socialista permiten observar que, dado que tamén UPN e Foro Asturias defenden a contrarreforma, só se produciron, como moito, tres votacións fóra da liña oficial.
"Non voten como deputadas o que non votarían como mulleres, sexan libres e déixennos ser libres", apelou sen éxito á bancada conservadora a autora da iniciativa, Elena Valenciano. O Goberno, argumentou, debe "retirar o seu texto, non agochalo ata que pasen as eleccións europeas por medo ao desgaste". A contrarreforma, advirte, é unha "agresión á liberdade e á dignidade das mulleres" porque "non serán elas as que decidan". O PP, censura, "non quere escoitar falar" de "educación sexual nos colexios e non de catecismo, de recursos e de acceso doado aos anticonceptivos". "A castidade -subliña- non goza de moitos seguidores".
A xuízo de Valenciano a única explicación posibel para sabe "por que o Goberno se meteu nesta contrarreforma" hai que buscala nos "problemas" da dirección do partido "coa súa á dura". Pero "as mulleres non deberíamos ser moeda de cambio" para tentar maquillar as estatísticas de interrupcións voluntarias do embarazo. "Mellorarán as estatísticas" pero "aumentará o número de abortos", só que estes esrán "ocultos e ilegais" sempre e cando as mulleres "non se poidan permitir viaxar a un país veciños e acceder a un aborto seguro".
"Non voten como deputadas o que non votarían como mulleres", instou o PSOE
O PP fixo ouvidos xordos aos argumentos do PSOE e tamén aos do resto da oposición que tamén rexeita a reforma, tamén o PNV malia á súa raíz católica. Este rexeitamento, explicou dende a tribuna a voceira do BNG, Olaia Fernández Davila, chega porque a actual lei é unha norma "sen imposicións", que "respecta e garante os dereitos da muller". Pero o gabinete de Rajoy "proponnos unha lei opresiva e represiva, na que unha minoría impón as súas crenzas" e "obrigan e condenan as mulleres" que teñan que abortar a facelo na "clandestinidade".
O PP atribúe o rexeitamento a un "feminismo rancio" con "complexos" e "animadversión aos homes"
A defensa da postura conservadora correspondeulle á deputada Marta Torrado de Castro que, tras asegurar que o Goberno e o partido que o sustenta están "dispostos a dialogar", tentou deslexitimar calquera postura diferente da oficial. A proposta que se votaba onte responde, a xuízo de Torrado de Castro, a dous principios: o "método de oposición por derrogación", que non é "tolerante", e a unha "forma moi particular de exercer a democracia". "Din que falan no nome de todas as mulleres pero non é así, hai mulleres que non pensamos coma vostedes e non somos nin menso modernas nin menos formadas", proclamou. As mulleres do PP "superamos ese femininismo rancio que algunhas non poden quitar de enriba" e que, sempre segundo a súa teoría inclúe "unha animadversión patolóxica aos homes".
"Hai que subir a autoestima e eliminar os complexos", abondou a parlamentaria, rematando por advertir de que, neste asunto, "o PP non pode dobregarse". Acto seguido o paso pola urna converteuse nun alarde de disciplina interna e aplausos equiparables ao da votación, tamén secreta, que o PP gañou en 2003 sobre a guerra de Irak. Poucas horas antes, no Parlamento de Galicia, o propio PP animaba ao diálogo e aseguraba que, no que atinxe ao aborto, "dentro de cada partido hai distintas sensibilidades" e "non todas as mulleres e os homes do PP pensan o mesmo da lei".