A Autovía das Rías Baixas (A-52) entre Benavente e Vigo non remata en Vigo senón máis de 10 quilómetros antes, no Porriño. Alí deuse por finalizada hai dúas décadas a infraestrutura que articula todo o sur de Galicia e o conecta coa Meseta, de xeito que a entrada na principal cidade do país se realiza a través doutra vía, a moi perigosa A-55 Tui-O Porriño-Vigo, limitada en boa parte do seu percorrido a 60 quilómetros por hora. Este luns, dúas décadas despois de rematarse o resto da A-52, o presidente Rajoy anunciou que o Goberno central destinará 337 millóns para retomar o proxecto de construír o último treito desa autovía entre O Porriño e Vigo a través dun túnel.
O presidente do Goberno central anuncia que retoma o proxecto paralizado pola crise de construír un túnel alternativo ás perigosas curvas do acceso actual a Vigo
Ao igual que a Autovía do Noroeste A-6 non remata na Coruña senón en Arteixo, e houbo que agardar ata 2015 para a entrada en servizo da Terceira Rolda que a comunica coa cidade, a finais da última década do século pasado o Ministerio de Fomento deu por rematada a A-52 no Porriño e a súa prolongación ata Vigo deixou de ser unha prioridade. Conformouse con que o percorrido entre O Porriño e Vigo se realice, desde a súa apertura a principios dos 90, a través da A-55, que nese treito foi construída como unha duplicación da calzada da vella sinuosa N-120, un dos maiores puntos negros da Península que a Administración só é quen de combater con radares e limitacións a 60.
Durante estes anos sucesivos gobernos avanzaron lentamente cos estudos previos da prolongación da A-52 ata Vigo, pero a crise arrombounos nun caixón. Agora Rajoy anuncia a súa decisión de incluír ese proxecto no seu denominado Plan Extraordinario de Inversiones en Carreteras (PIC), que prevé un investimento de 5.000 millóns de euros en construír ou mellorar uns 2.000 quilómetros de estradas. Segundo o presidente, serán 337 millóns o destinado a esa prolongación da A-52 nun treito duns 10 quilómetros que inclúe un túnel de preto de 3 quilómetros baixo o alto de Puxeiros que permitirá evitar as curvas actuais.
O anunciou de Rajoy produciuse na súa visita ao único treito en obras da circunvalación de Pontevedra, que forma parte da polémica A-57 que conectará o norte da provincia co Porriño e Autovía das Rías Baixas
O anuncio foi realizado por Rajoy nunha visita que fixo este luns, ao remate de varios días de vacacións en Sanxenxo, ao único treito en obras da circunvalación de Pontevedra, cuxa primeira pedra foi colocada pola daquela ministra de Fomento Ana Pastor pouco antes das últimas eleccións xerais. Unha vía que forma parte da futura A-57, autovía sen peaxe entre o norte da cidade de Pontevedra e O Porriño paralela á AP-9 e rodeada de polémica polo seu trazado e pola acumulación de infraestruturas que supón nesa zona do sur da provincia de Pontevedra. De feito, a A-57, que no resto de treitos non pasou aínda da fase de estudos previos, permitirá evitar as perigosas curvas da A-55 a todo o tráfico do norte da provincia que agora se ve obrigado a circular por ela para poder incorporarse á A-52.
A visita de Rajoy ao único treito en obras da A-57 produciuse tres meses despois de que o pasado Nadal, tamén coincidindo con outro período vacacional seu en Pontevedra, o presidente inaugurase a ampliación da AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande sen que as obras rematasen aínda a día de hoxe. De feito, tras parar temporalmente durante Semana Santa, este luns retómanse os cortes de carrís na ponte para facilitar o remate dos traballos.
A oposición criticou por propagandístico o acto de Rajoy, que se produce tres meses despois de que, coincidindo con outro período vacacional seu en Pontevedra, inaugurase a ampliación da ponte de Rande sen estar aínda rematada
Ao igual que no acto de xaneiro, acompañado polo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Rajoy aproveitou para facer repaso as diversas actuacións en materia de infraestruturas pendentes en Galicia. A valoración que fixo a oposición foi a dun acto propagandístico, de xeito que o PSdeG criticou que Fomento deixase de investir nos últimos anos en Galicia uns 2.000 millóns de euros orzamentados pero non executados mentres que o BNG censurou que o Goberno central siga a vetar a transferencia a Galicia da AP-9 ao tempo que segue a rescatar autoestradas noutras comunidades.