O galego Xabier Fortes (Pontevedra, 1966) é vicepresidente do Consello de Informativos de TVE, o órgano que representa os xornalistas dos servizos informativos da televisión pública estatal e que vén de presentar un documento onde se denuncia "a utilización partidista e progobernamental" das informacións e a "situación límite" da canle. O texto foi asinado por máis de 1.500 profesionais da cadea e, case a un tempo, o PP propuxo ao até o de agora director xeral de Telemadrid, José Antonio Sánchez, como novo presidente da corporación RTVE. O seu nomeamento será efectivo a vindeira semana grazas á maioría absoluta popular e co rexeitamento masivo da oposición e dos traballadores do ente. "Parece unha provocación", di Fortes, ex director do centro territorial da TVE en Galicia e ex presentador de La noche en 24h, que repasa aquí a "censura e manipulación" que sofren uns informativos que ata non hai tanto eran admirados e premiados en todo o mundo pola súa pluralidade.
Parece que ese "modelo Telemadrid" que denuncian está asentándose en TVE...
O proceso de reacción que houbo na redacción, non só no Consello de Informativos, vén avalado por 1.500 sinaturas, o que é unha auténtica barbaridade para un documento no que se fala da importación dun modelo que se caracteriza pola censura e a manipulación. Nestes dous últimos anos, na TVE rachouse co modelo anterior, recoñecido internacionalmente pola calidade e pluralidade dos seus informativos. Houbo unha primeira etapa de manipulación de baixa intensidade, por dicilo así, pero ante a inminencia dalgunhas cuestións políticas, como o proceso catalán ou as vindeiras eleccións, quixéronlle dar unha triple volta de porca ao tema coa ocupación ou asalto aos últimos postos editoriais que quedaban por parte de xente que procede dese modelo Telemadrid. O director e subdirector de informativos proceden de Telemadrid, o primeiro informativo do día ten unha editora da versión estremeña de Telemadrid, o informativo matinal ten editor de Telemadrid tamén e o do Telediario 1 da Cope, mentres que a editora do 24 Horas Internacional vén do ABC... Están acantoando xente da casa que entre 2006 e 2012 demostrou a súa valía. E non porque o digamos nós, senón porque o dixeron os organismos internacionais que avalan a calidade dos medios públicos. Os profesionais pensaron que xa era dabondo e empezaron a protestar.
"Durante dous anos a manipulación era de baixa intensidade, pero co proceso catalán e a chegada das eleccións, aumentou"
Pero a recollida de sinaturas chega incluso antes de que o PP propuxese o novo presidente.
Si. A iniciativa de recollida de sinaturas chega tras os nomeamentos de agosto. Logo en setembro, coa chegada da Diada en Cataluña, compróbase unha suba desta marea de manipulación e de censura existente ao chamar só a unha parte das implicadas ou ao dar máis voces a unha das partes que á outra de maneira descarada. A xente protesta por todo isto e xusto no medio da campaña iniciada para recoller firmas, prodúcese a proposta dun novo presidente da corporación de RTVE, unha persoa que vén marcada por ocupar a dirección de TVE na etapa máis negra da súa historia en canto á manipulación, condenada incluso a canle pola xustiza, e que loga marcha a Telemadrid para perpetuar ese sistema perverso que foi coroado cun ERE do 70%... Como para non preocuparse.
"Os profesionais decidimos dar un paso máis e facer visible fóra a censura e manipulación que sufriamos dentro"
Era necesario dar a coñecer á opinión pública o que está a acontecer na TVE?
Si, era necesario. O Consello de Informativos é un órgano democrático escollido polos traballadores que durante anos informou internamente de que as cousas ían no mal camiño. Durante dous anos só fixemos dous comunicados públicos, xa que o resto eran comunicados internos, cada mes, para os traballadores. Pero a situación foi a peor, deteriorouse a calidade e a marca dos informativos de RTVE e a xente decidiu que había que dar un paso máis e ese paso era facer visible fóra da canle a situación que estaban denunciando os profesionais. Non é doado asinar un documento no que se fala de censura e manipulación, así que se acadamos máis de 1.500 sinaturas de todas as áreas e organismos dos informativos é porque hai malestar co que está pasando. Agora queremos que se saiba fóra para que haxa unha reacción e poidamos recuperar o sistema de consenso que deu os seus mellores anos aos informativos da televisión pública.
Como se vive esta situación desde dentro?
Pois con moito cansazo a nivel persoal porque lle estou roubando tempo á familia. Hai un desgaste persoal e profesional porque non é fácil saír a denunciar o que está pasando, pero hai que facelo porque o noso compromiso é cunha televisión pública e de calidade. Unha televisión pública só ten sentido cando está ao servizo dos cidadáns e non dun goberno. Temos un peso sobre nós, pero temos que denuncialo.
"Que o PP propoña o director de Telemadrid como presidente de RTVE parece unha provocación"
O nomeamento do novo presidente de RTVE parece inminente, hai solución?
Os trámites parlamentarios van claramente no sentido contrario e case parece unha provocación propoñer como presidente a alguén que se destacou por dirixir a etapa máis negra de manipulación de TVE, que foi a Telemadrid facer o mesmo e que agora nos vén de volta. Parece unha provocación, si. Non sei se o que facemos vai server de algo, pero a nosa obriga é facelo e que non nos teñan que dicir logo que estivemos calados ou que chegamos tarde. Pode ser que non pase nada ou que as cousas vaian a peor, pero quedaremos coa conciencia tranquila por denunciar unha situación que é inxusta. Había que facelo porque senón ía ser demasiado tarde.
É a situación actual semellante á que se vivía na TVE co Prestige ou co 11-M?
Home, pois o que será novo presidente da corporación era o director xeral de TVE na etapa do atentado do 11-M e durante a etapa de manipulación do altourdacismo. Mantivo no cargo o xefe de informativos que foi condenado pola xustiza por atentar contra a liberdade sindical e a censura e a manipulación eran evidentes. Os partidos foron incapaces de pactar un modelo de televisión pública e independente e a nosa obriga é denuncialo.
"Non entro en se o PP lle sacará rendemento político á censura, o que me importa é defender a dignidade profesional e a televisión pública"
Págalle a pena ao PP esnaquizar así a televisión pública por, aparentemente, obter réditos electorais?
Nós queremos facer unha defensa da dignidade profesional. Hai outros organismos que poderán entrar nese debate por outras vías, a través de protestas sindicais ou de propostas políticas, pero o noso é unha defensa da dignidade dos profesionais. As intencións ocultas ou menos ocultas dos gobernos? Xa non entro neses intereses, nin sei se lles paga a pena nin me importa. O que me importa é defender a utilidade dunha televisión pública para a cidadanía e non para os gobernos. Se lle sacan rendemento político, xa se verá, pero o noso compromiso é defender a dignidade dos profesionais e os medios públicos como un servizo para a cidadanía.