E se as vítimas do machismo morresen en atentados terroristas?

Ataúdes para protestar contra a violencia machista, no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG Compostela

O Parlamento galego retomou este martes a súa actividade plenaria ordinaria tras o período inhábil do verán e fíxoo abordando, entre outros asuntos, a escalada de violencia machista que, en poucas semanas, provocou que as vítimas das agresións de xénero con resultado de morte xa duplicasen en agosto as de todo o ano 2013. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, de quen depende a Secretaría Xeral de Igualdade, acudiu a comparecer chamado pola oposición e tamén a petición propia. Tras a súa primeira intervención sentou na bancada do Goberno para escoitar as intervencións dos grupos e neses escanos azuis non había ninguén máis ca el. "Imaxinemos, por un momento, que estivésemos a falar de sete persoas mortas por terrorismo. Vostedes cren que non estaría aquí o señor Feijóo?", preguntouse a voceira do BNG, Carme Adán.

"Ese é parte do problema", diagnosticaba Adán mentres o presidente acudía a un acto en Bruxelas e o resto de conselleiros atendían as súas respectivas axendas. "Non podemos seguir pensando que os temas de igualdade son sectoriais", senón "fundamentais". Mentres isto non aconteza seguirase a "normalizar o problema da violencia de xénero". "Ou cremos que o terrorismo machista é un problema de Estado ou non vale volver darnos leccións de lugares comúns" que é, ao seu xuízo, o que fixo o vicepresidente no seu discurso. "O machismo mata", resumía a nacionalista, acabada de chegar da concentración que, no exterior do recinto parlamentario, materializou con sete ataúdes -representando as seis asasinadas polas súas parellas ou ex parellas e a nai dunha delas- a repulsa contra as agresións de xénero. Desa concentración, impulsada polo Bloque e colectivos feministas, emanou unha táboa reivindicativa que Adán lle entregou Rueda.

O paralelismo co terrorismo foi tamén aludido pola banda socialista cuxa voceira, Carmen Acuña, se uniu ao resto de grupos para reclamar accións concretas para frear este "ataque terrorista selectivo, que só mata mulleres". É terrorismo porque se trata de "dominación por medio do terror" e "se estas vítimas as producise outro tipo de terrorismo, o señor Feijóo estaría aquí", concorda. Igual que para Adán, Acuña alerta de que o machismo non se atalla só abordando as consecuencias máis graves do maltrato, unha advertencia que lanza tamén dende AGE Consuelo Martínez: tamén hai "violencia contra a liberdade reprodutiva", en "declaracións dos políticos", nos "centros que segregan por xénero" ou en programas televisivos. Non abonda, polo tanto, con "cifras" e "campañas que non modifican nada", di a parlamentaria de Alternativa.

Rueda admite que o Goberno está "fallando" nalgúns puntos da loita contra a violencia pero detecta "demagoxia" na oposición

As críticas de PSdeG, AGE, BNG e da deputada do Grupo Mixto, Carmen Iglesias, chegaban despois dunha primeira intervención na que Rueda repasou algunhas das medidas gobernamentais na materia fronte a as "cifras arrepiantes" dos asasinatos machistas, un "problema de enorme magnitude" ante o que, di, cómpre "incidir no intercambio de información, perfeccionar os protocolos e reforzar a protección dos menores", así como poñer en marcha novas accións como unha "rede de alerta" dende os Concellos. O propio vicepresidente dá en admitir que "estamos fallando" dado que segue a haber vítimas, se ben as voceiras da oposición, acusa, están a caer "na demagoxia", na busca de "titulares" e no "oportunismo político", acusación que dirixiu con especial intensidade contra o PSdeG

A versión do PP

Algunhas das verbas de Rueda acenderon os ánimos da oposición, que se irritou aínda máis coa intervención da voceira do PP no debate, Rosa Oubiña, que achaca ao resto de grupos a intención de "facer política" coa violencia machista e mesmo de "poñer as vítimas enriba da mesa dependendo" só cando están na oposición. Oubiña lanzaba esta acusación xusto antes de asegurar que se houbo un "ano negro" neste ámbito foi o 2008, e daquela "non gobernaba o PP" nin en Galicia nin no Estado. "Nos dous estaba o PSOE apoiado polo BNG", sentencia.

Oubiña (PP) mantén que os colexios que separan os nenos das nenas "non segregan"

A parlamentaria conservadora caldeou tamén o debate ao tentar contrarrestar unha dos reproches da oposición, verbalizado por Adán ao acusar o PP de "lexislar contra a igualdade" e tamén por Martínez na súa crítica aos colexiso segregacionistas. Segudo a deputada do PP eses colexios, subvencionados pola Xunta, "non segregan por sexos". "Non é segregar, son modelos de educación que o único que fan é deixar que os pais elixan que educación queren para os seus fillos". "Minten cando din que non poden estudar xuntos", porque "en Galicia os nenos e as nenas poden estudar xuntos".

Rueda, durante a súa comparecencia © Ana Varela
Adán entrégalle a táboa reivindicativa ao vicepresidente CC-BY-NC-SA BNG
A protesta, no exterior do Pazo do Hórreo CC-BY-NC-SA BNG Compostela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.