Educación confirma onde se examinarán a metade dos opositores a 48 horas dos exames

Localidades dos tribunais das oposicións de educación CC-BY-SA Praza Pública

O sábado é un día sinalado para 14.449 que están citadas a primeira hora da mañá en 57 centros educativos de Galicia para concorreren a algunha das 1.043 prazas, 912 delas de ingreso, que a Consellería de Educación convocou o pasado abril tras manter durante meses a dúbida sobre a súa convocatoria pola non aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, demostrando así que, ao contrario do afirmado, si era posible convocalas con independencia do ritmo negociador no Congreso. A esa incerteza inicial o Goberno galego engadiu desta volta outra para case a metade de quen aspiran a seren docentes do ensino público: non coñeceron ata este xoves, a 48 horas do inicio dos exames, o lugar ao que terán que dirixirse para realizaren as probas.

A convocatoria oficial das oposicións, ditada o pasado 17 de abril, deixa claro que a Consellería se obriga a si mesma a detallar as horas e lugares das probas cun "mínimo" de "cinco días naturais de antelación", prazo que expiraba o pasado luns, día 19. O día 14 a Consellería publicou a resolución que indica as horas das presentacións e primeira proba dos exames, a localidade e o centro no que se atopa cada tribunal. Pero non fixo o mesmo coa distribución do persoal opositor entre os tribunais ata este xoves, día 22, cando estiveron dispoñibles no seu sitio web.

A convocatoria das oposicións obriga a Xunta a asignar os tribunais cun "mínimo" de "cinco días naturais de antelación"

Este incumprimento dos prazos previstos provocou que só coñecesen as localidades das oposicións cunha marxe maior de dous días as persoas que aspiran a prazas docentes na ESO e en Formación Profesional. A razón é que en ambos niveis os exames de cada especialidade se realizan nunha única cidade; así, por exemplo, as 936 persoas -continxente máis numeroso do nivel- que optan a algunha das 63 prazas de Xeografía e Historia confirmaron o día 14 que terán que examinarse na Facultade de Económicas de Santiago. Noutros casos, como o das 713 aspirantes ás 100 prazas de Matemáticas, souberon que acudirán a Pontevedra, mantendo ata este xoves a dúbida de a cal dos dous institutos que acollen as probas terían que ir.

Os tribunais de Infantil e Primaria distribúense por ata seis localidades diferentes

A incerteza foi moito maior para as máis de 7.300 persoas anotadas ás oposicións do corpo de mestres -todas agás agás as 169 que optan a unha praza de docente de lingua francesa-. Nas súas especialidades máis numerosas, as de Educación Infantil -2.550 para 50 prazas- e Primaria -1.866 con 65 prazas en xogo- os exames celébranse en 21 e 15 tribunais, respectivamente, que se distribúen por distintas cidades do país. Aínda que ao tramitar a inscrición nas probas o persoal opositor indica unha localidade de preferencia, esta só é asignada se é "posible". Cando unha cidade acumula demasiadas solicitudes, o resto de aspirantes son reubicados noutras.

Así, ata estes xoves as persoas inscritas nas oposicións de Infantil e nas de Primaria non puideron confirmar se o sábado realizarán os seus exames na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago ou Vigo, cidades nas que a celebración das oposicións xa se percibe na demanda de prazas hoteleiras para a fin de semana, especialmente nas de menor dimensión. Noutras especialidades do corpo de mestres, como Inglés ou algunha das modalidades de Educación Especial, os exames celébranse tamén en ata cinco cidades distintas.

Emprazamento dos tribunais das oposicións de educación. Utiliza o zoom para veres os de cada cidade

"A Consellería continúa instalada na improvisación e na desconsideración"

Para o sindicato maioritario no sector, a CIG-Ensino, a demora na asignación do persoal opositor aos diferentes tribunais amosa que a Consellería de Educación "continúa instalada na improvisación e desconsideración" con quen farán os exames, xa que "é inxustificábel" que non puidesen coñecer no prazo fixado pola propia orde "onde van realizar a presentación e a primeira proba", o que supón un exercicio de "irresponsabilidade" da Xunta, ademais dunha irregularidade. Tamén a federación educativa da UGT lamenta a "desorganización" do departamento autonómico, unha "incerteza constante" durante todo o proceso que impediu ás aspirantes "organizar a viaxe ou reservar hotel" con antelación, "incrementando a ansiedade" previa ás probas, o que len como un "desprezo" por parte do goberno. 

Unha docente imparte clase nun instituto galego Dominio Público IES da Cañiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.