"En Anova danse as mesmas friccións que noutras organizacións, entre unha vella e unha nova cultura política"

Beiras, nun debate parlamentario recente CC-BY-SA AGE

O 8 e 9 de xuño Anova celebrará a súa primeira Asemblea Nacional, despois da constituínte do pasado ano e a asemblea deliberativa celebrada en abríl. Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, será elixido novamente máximo responsable dunha formación que tamén escollerá a súa Coordinadora Nacional. Alén deste proceso interno, Beiras mantivo nos últimos meses unha intensa actividade parlamentaria como voceiro de AGE na cámara, na que sostivo sonoros e moi comentados enfrontamentos con Alberto Núñez Feijoo. Sobre as análises que salientan que esta cofrontación retroalimenta as dúas forzas políticas e os dous líderes, Beiras responde: "de que lle vale a Feijoo fidelizar o seu electorado se as enquisas lle están dando unha caida de 16 puntos? E cal é alternativa? Facer cortesía parlamentaria? Quen lle está creando problemas de credibilidade ao PP? Nós".

"Onde falla todo? Na esquerda política. Nas organizacións estase producindo algo que nós mesmos estamos vivindo no proceso de Anova: a convivencia entre as fórmulas políticas dun ciclo que está rematado e as novas fórmulas dun novo ciclo"

A esquerda dispón de instrumentos organizativos e discursivos axeitados para levar a cabo a creba democrática que se invoca?

Ao falar de esquerda eu sempre distingo por unha banda a esquerda pensante. Cando se falaba do desarme ideolóxico da esquerda nos anos noventa, eu sempre sostiven que o desarme non afectaba ao pensamento, pero o problema era que este pensamento estaba condenado ao ostracismo. Esa esquerda si ten alternativas e ás veces con propostas moi concretas. O libro de Navarro, Garzón e Torres está aí, por exemplo. Tamén distingo a esquerda social, na que hai un movemento moi forte e que tamén formula alternativas programáticas. Penso por exemplo nas ILP que se presentaron no Parlamento. Onde falla todo? Na esquerda política. Nas organizacións estase producindo algo que nós mesmos estamos vivindo no proceso de Anova: a convivencia entre as fórmulas políticas dun ciclo que está rematado e as novas fórmulas dun novo ciclo.

O lóxico e o que eu confío que ocorra é que a cultura política da esquerda se desfaga de todos os vicios adquiridos, de todos os procesos de deturpación vividos, pero que se incorporen as grandes herdanzas da loita de clases, tanto as obreiras coma as campesiñas, as loitas de descolonización e as loitas polos dereitos civís. Pero, mantendo iso, ten que incorporarse unha maneira de entender a translación das dinámicas da esquerda social ás instancias políticas e a propia cultura política dos movementos altermundistas e dos foros sociais. E tamén o convencemento de que o centro de gravidade da actividade política da esquerda debe estar na sociedade civil e nos movementos sociais. A confluencia desas dúas grandes correntes: unha que vén de moitas décadas atrás e outra que naceu máis recentemente, é o que ten que dar lugar a esa nova esquerda, que ten que ser rupturista. Pero o problema é que os partidos de esquerda seguen sendo aparatos e xorden fenómenos espurios e inercias. A clave é ter unha visión de conxunto e sermos conscientes de que estamos nun proceso de aprendizaxe.

Imos cara atrás? Dá a impresión que nos últimos meses varios destes actores están mirando máis cara a dentro e marcando o seu territorio. Falo tamén da división sindical ou das plataformas en defensa do ensino...

Pode que sexa certo que imos cara atrás, pode que aparentemente o proceso estea máis atrasado que hai un ano ou ano e pico. Porque hai elementos que no proceso de ruptura quedaron aparcados e despois, no proceso de consolidación dos cambios, eses vicios pasados fanse máis evidentes. Pero eu falaba antes a nivel político, sen incluír os sindicatos. Porque os sindicatos actualmente forman parte da superestrutura e están enganchados ao aparato do Estado. E precisamente por iso hai contradicións entre as bases dos sindicatos e as súas cúpulas, como sucede por exemplo en CC.OO.

"Moitos esperaban que non houbese entendemento entre AGE e BNG. E mesmo a hai entre AGE e PSdeG dunha maneira recíproca, a pesar do moito que o PP queira intoxicar esas relacións"

Veremos a curto ou medio prazo unha candidatura na que se inclúan Anova, EU -e os demais partidos que forman AGE- e BNG?

Hai un espazo institucional onde está habendo algo que non se daba na lexislatura pasada: a capacidade de atopar espazos de confluencia entre os tres grupos que formamos a oposición. E creo que AGE contribuíu moi positivamente a iso. Moitos esperaban que non houbese entendemento entre AGE e BNG. E mesmo a hai entre AGE e PSdeG dunha maneira recíproca, a pesar do moito que o PP queira intoxicar esas relacións. Ese traballo conxunto no Parlamento é un primeiro paso. E na revolta cívica cada un estamos participando á nosa maneira, e ese é outro espazo de encontro. Sucede que nos últimos meses no BNG houbo un cambio de dirección e Xavier Vence lanza mensaxes de tender pontes, arroupado polos continxentes do seu mesmo estilo que entraron na nova dirección. Eu nisto teño a seguinte opinión, que é o que lle dixen a Vence cando falamos: o BNG necesita facer, ao seu xeito, o que nós tentamos que o BNG fixese cando aínda estabamos dentro, é dicir, rexeneración, democracia interna, recuperación das regras de xogo, autocrítica e refundación. O BNG necesita facer iso para recuperar a credibilidade. Porque se non fan este proceso, os movementos actuais son interpretados dende fora como un “dado que están baixo mínimos daquela teñen que lavar a cara”. Se o BNG pretende recuperar a centralidade sen facer isto non será de fiar. Se pretendes queimar etapas vas fracasar: tes que dar todos os pasos.

"O BNG necesita rexeneración, democracia interna, autocrítica e refundación. Necesita facer iso para recuperar a credibilidade"

O mesmo que digo que AGE non pode tampouco queimar etapas senón que debe servir de precedente para futuras reformulacións. Eu dicíalle a Vence: ti podes ter dúas actitudes con respecto a Esquerda Unida: podes dicir “é unha forza españolista e non quero ter nada que ver con eles” e así o único que fas é botala en mans do españolismo. E a outra actitude é tirar dela para que se decaten de que o espazo político no que debe actuar é Galicia. Despois eu non sei o que se entende por "unidade do nacionalismo". Unidade orgánica? Non a descarto, pero non a vexo no horizonte. E ti o que non podes facer é saltar do trampolín para tentar chegar ao horizonte, porque daquela vas caer. Hoxe por hoxe non podes plantexar iso, porque o BNG acabou o seu ciclo. O BNG creouse nun momento determinado e foi evolucionando até rematar o seu ciclo. Eu tamén lle preguntaba a Vence: ti cres que o nacionalismo galego ten o potencial social para poder dar o paso á libre decisión, como unha abstracción dos procesos abertos no Estado? Ti cres que cunha actitude isolacionista o nacionalismo galego pode levar Galicia a dar ese salto adiante? Eu non o creo. O salto adiante do nacionalismo galego non se pode facer sen participar na dinámica rupturista do Estado español. E nesa dinámica rupturista a cuestión fundamental é a cuestión da esquerda.

"O salto adiante do nacionalismo galego non se pode facer sen participar na dinámica rupturista do Estado español. E nesa dinámica rupturista a cuestión fundamental é a cuestión da esquerda"

Que eixo cres que debe primar á hora de conformar candidaturas de cara ás eleccións europeas?

Vouche dar a mesma resposta que lle dei a Vence. Anova aínda non tratou o asunto e tampouco vai fixar a súa posición nesta asemblea, pero está claro que hai tres escenarios. O primeiro, como escribían o outro dia en Sin Permiso, se as eleccións europeas se plantexan como un anticipo das eleccións ás Cortes e o obxectivo é derrotar os dous partidos do réxime entón hai que compoñer unha gran fronte en todo o Estado na que as fórmulas sexan as adecuadas para que as nacións teñamos presenza como tal e co obxectivo de promover unha ruptura, e unha ruptura con Europa tamén. Tamén se pode facer unha alianza dos nacionalismos de esquerda, con Bildu e as CUP e algúns máis. E outra alternativa é facer unha candidatura do nacionalismo galego de esquerdas e de toda a esquerda que asuma a cuestión nacional. Non che teño resposta sobre cal das tres fórmulas é mellor.

Cres posible que no PSOE ou no PSdeG un sector máis esquerdista rache co partido, como fixo Lafontaine en Alemaña?

Eu para o PSOE só vexo dous escenarios: ou ben unha refundación e que regrese aos seus valores históricos anteriores a Suresnes, á socialdemocracia verdadeira. Ou apostar á pervivencia do réxime: pedir apenas a abdicación do monarca, reformiñas da Constitución... Se se dá esta segunda opción teño claro que un sector esgazará. Pero creo que o desenlace vai depender máis da dinámica xeral do proceso e non tanto das dinámicas internas do PSOE.

"De que lle vale a Feijoo fidelizar o seu electorado se as enquisas lle están dando unha caida de 16 puntos? E cal é alternativa? Facer cortesía parlamentaria?"

Que pensas cando les ou escoitas que PP e AGE se retroalimentan?

Lembro que iso tamén se dicía de min e do BNG na lexislatura na que Fraga chegou a Galicia. Eu daquela propúxenlle ao PSOE facer o mesmo que estamos facendo agora para, cada un no noso papel, queimar a Fraga. E non quixeron. A oposición que fixemos daquela é certo que nos fixo subir de 5 a 13 deputados. Que tamén afortalou a Fraga? Pois, home, non o sei, nós fixemos o noso traballo. Que fixeron os demais? Agora pode que estea pasando algo semellante, pero de que lle vale a Feijoo fidelizar o seu electorado se as enquisas lle están dando unha caida de 16 puntos? E cal é alternativa? Facer cortesía parlamentaria? Esgrima parlamentaria como fixo a oposición na lexislatura pasada? Quen lle está creando problemas de credibilidade ao PP? Nós.

"Feijoo non ten outra estratexia de defensa que meterse no castelo e botar cousas por riba da oposición"

Cres que Feijoo vai estirar moito a súa actual estratexia agresiva?

Eu creo que non ten outra alternativa. Non pode ser sincero, porque sabe que é mentira o que di. E non ten outra estratexia de defensa que meterse no castelo e botar cousas por riba da oposición. E, terceiro, isto forma parte da súa idiosincrasia: Núñez non é demócrata, é un buscavidas e un arribista, e só pensa na súa carreira persoal. Pero estase trabucando, porque o seu futuro está moito máis nebuloso agora que hai tres meses. É un tipo que está estigmatizado, que sae nas televisións europeas como un presidente que ten relacións co narcotráfico.

Beiras conversa con membros da AGE, nun pleno CC-BY-NC-SA AGE
Beiras diríxese a Feijóo, durante o debate © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.