En Marea ábrese a apoiar un "goberno alternativo" se o PSOE fai "propostas de esquerdas"

O rei Felipe VI recibe a Alexandra Fernández © Casa Real

En Marea trasladou ao rei Felipe VI a súa disposición a apoiar a investidura do líder do PSOE, Pedro Sánchez, como presidente do Goberno se este presenta un "proxecto reformista e de esquerdas". Así llo dixo a deputada Alexandra Fernández ao xefe do Estado, ante o que reivindicou a necesidade dun Executivo "alternativo" ao do Partido Popular porque cre que foi iso o que expresaron os cidadáns o 20D, ademais dunha "realidade plurinacional" que só se "poderá comprender con máis e mellor democracia".

En Marea apoiará a investidura de Pedro Sánchez se o PSOE presenta "un proxecto reformista e de esquerdas"

A parlamentaria de En Marea insistiu en rolda de prensa tras a súa xuntanza co rei na disposición da súa formación a facilitar un goberno alternativo, pero coa condición de que o PSOE ofreza nese acordo a blindaxe ante os "ataques" ao Estado de Benestar ou a loita conra a corrupción. Ademais, destacou a necesidade e capacidade para chegar a acordos e puxo como exemplo os que acadaron Anova, Podemos e EU na coalición que representa. 

En Marea insiste en "tender a man" ao PSOE pero para que goberne centrándose nas "bases" do partido, aquelas que cren na "redistribución da riqueza" e a "igualdade" e as que reclaman ese "proxecto de esquerdas". 

A voceira de En Marea quixo destacar tamén o feito de que Felipe VI a recibise como representante dunha formación autónoma e independente malia o rexeitamento do Congreso a concederlle grupo propio e viuno "moi receptivo" a escoitar "todas as voces". Segundo dixo Fernández, o rei trasladoulle a súa intención de ser "facilitador" para a investidura pero sen "interferir" no ámbito de decisión parlamentario. 

Alexandra Fernández traslada ao rei a necesidade dun "proceso constituínte" que permita "o exercicio real da soberanía popular"

Ao tempo, Alexandra Fernández mostroulle tamén a postura de En Marea en canto á Constitución, que cre que debe ser reformada para lograr "un futuro decidido por todos" que permita "unha remodelación institucional" e outro modelo de Estado. A voceira da formación galega insistiulle na necesidade dun "proceso constituínte" para permitir o "exercicio real da soberanía popular".

Malia as diferenzas amosadas por En Marea, En Comú Podem ou Podemos co PSOE polo seu veto á conformación de grupo propio para as coalicións catalá, galega e valenciana, todo parece máis preto dunha investidura de Pedro Sánchez. Alberto Garzón, líder de IU e que se reuniu co rei xusto antes de Alexandra Fernández, insistiu en que a súa formación "falicitará un goberno de esquerdas, co programa por diante". "Hai deputados dabondo no Congreso para conseguilo", engadiu. Tamén Compromís mostrou a súa disposición a facilitar unha alternativa ao PP. 

Non obstante, son moitas tamén as voces que desde En Marea ou desde plataformas achegadas amosan o seu malestar co PSOE. Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, cre que a actitude dos socialistas enténdense polo seu intento de "bloquear" a alternativa ao PP en Galicia. O rexedor coruñés advertiu que a integración da formación galega no Grupo Plurinacional "non é o sistema perfecto" aínda que destacou a "entidade política diferenciada" da coalición. 

Aínda así, Ferreiro tamén cre que se chegará a un acordo para evitar que o PP continúe no Goberno central. "Os españois votaron claramente contra as políticas do Partido Popular e as forzas que se opoñen a iso teñen que intentar chegar a un acordo", explicou. 

 

Garzón pide explicacións a EU

Pero a conformación do Grupo Plurinacional coa inclusión de En Marea provoca tamén as dúbidas doutras formacións, como IU. O seu líder e deputado, Alberto Garzón, admitiu este mércores que non coñece o contido "real" do pacto das forzas que conforman a coalición galega e destaca o "paradoxo" de que mentres Garzón e a parlamentaria Sol Sánchez ocuparán o grupo mixto, tres deputados de IU formarán parte do que integra a Podemos, entre eles a coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz

Así, Garzón pide unha xuntanza ás súas federacións galega e catalá -a outra que achega deputados ao grupo con Podemos- para que informen do acordo e das "solucións posibles a esta situación", segundo informa Europa Press. O líder de IU-UP criticou tamén a formación de Pablo Iglesias por non permitir que os parlamentarios de Compromís-Podemos formasen grupo xunto á súa formación. 

O rei Felipe VI recibe a Alexandra Fernández © Casa Real

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.