En Marea apela á "intelixencia colectiva" para culminar o seu programa "en construción"

Presentación do programa de En Marea, en Santiago CC-BY-SA En Marea

"Un exercicio de intelixencia colectiva". É a apelación que lanzan os membros das candidaturas de En Marea para culminar o seu programa electoral, cuxas liñas mestras presentaron este sábado e que dende o domingo estará dispoñible na súa web para ser consultado e recibir achegas cidadás. "A democracia exércese día a día", di o número 3 da formación pola Coruña, Xaime Subiela, e por iso non apostan por "un programa clásico", senón por "unha ferramenta de participación social", unha "condensación dea ideas" a partir das propostas que a propia coalición xa lanza.

Apelando á experiencia das mareas municipais, a candidatura avalada por Anova, Podemos e Esquerda Unida explica que divide as súas propostas en catro grandes eixos: estado social, recursos e ben común, rescate da democracia e proceso constituínte. O primeiro eixo, indica o número un pola Coruña, Antón Gómez-Reino, inclúe iniciativas como a derrogación da reforma do artigo 135 da Constitución, que prima o pagamento da débdeda, e a súa reformulación para "asegurar e consolidar o gasto público e social". Neste ámbito, indica, inclúese tamén unha reforma fiscal, a loita contra a fraude ou o "fortalecemento" dunha sanidade pública sen copagos.

"Galicia ten que ser dona da enerxía que produce"

No ámbito de "ben común", explica a número dous por Ourense, Sofía Díaz, as propostas de En Marea procuran un cambio de modelo, mudar o actual "proceso de destrución" por "un modelo respectuoso co medio ambiente e as persoas" e unha economía inclusiva. No caso de Galicia, di, este é o apartado que inclúe as medidas encamiñadas "a manter un rural vivo e á soberanía alimentaria", así como a reclamación de "repartos xustos das cotas pesqueiras" ou as propostas en materia enerxética: "Galicia -resume- ten que ser dona da enerxía que produce" e non afondar nun "sistema capitalista que xera pobreza e impide que poidamos xerar enerxía máis xusta".

"O pobo galego precisa o recoñecemento do carácter nacional de Galicia como suxeito con dereito a decidir sobre a súa autodeterminación"

Un novo sistema impositivo para as grandes superficies comerciais ou a banca pública fan tamén parte dun apartado que abrangue tamén as propostas de organización territorial e medio ambiente. Neste sentido, din, xoga un papel fundamental un novo xeito de investir os fondos europeos a a "recuperación integral das nosas rías". A "catastrófica situación" dalgunhas delas, afirman, "demostra que non se investiron no que debían".

O cabeza de lista de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, resumiu durante o acto o apartado de proceso constituínte. As iniciativas neste eido, asegura, parten da base de que "o pobo galego ten dereito a participar e precisa o recoñecemento do carácter nacional de Galicia como suxeito que ten dereito a decidir sobre o seu futuro e autodeterminación". "A cidadanía -abonda- ten dereito a participar en todo o proceso de configuración político que lle afecte, e a Constitución carece destes mecanismos". Nesta liña, a número un por Pontevedra, Alexandra Fernańdez, resalta que o programa de "rescate da democracia e dereitos humanos" aposta tamén pola "soberanía cidadá", facilitando a presentación de iniciativas lexislativas populares ou promovendo unha lei de consultas.

Presentación do programa de En Marea, en Santiago CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.