En Marea apóiase nas cidades para o treito transcendental da campaña

Inicio do mitin de En Marea, no teatro Jofre de Ferrol CC-BY-SA En Marea

A campaña de Alternativa Galega de Esquerda, hai agora catro anos, comezou para o seu cabeza de cartel coas sondaxes a debuxar un escenario semellante ao que Xosé Manuel Beiras vivira case tres décadas antes. O histórico nacionalista, dicía o CIS, ía ser o único deputado de AGE nos seguintes catro anos. Nas seguintes semanas e, sobre todo, na derradeira semana de campaña, a coalición daquela apoiada en Anova e EU impregnouse da vertixe que lle producía un crecemento case explosivo. De mitins de concorrencia escasa pasaron a auditorios rebordantes nas principais cidades e do escano augurado polo CIS, a oito máis -tres representantes acabaron, co tempo, fóra do grupo. Un pulo semellante a aquel é o que procura En Marea para o treito decisivo da carreira ao 25-S.

A formación que encabeza Luís Villares iniciou este mércores en Ferrol a súa xeira de mitins urbanos. Nunha campaña que é, en boa medida, tamén a presentación do candidato ante a base social da organización e o potencial electorado, o paso dos actos rurais ás cidades preséntase como termómetro esencial do potencial apoio cara á cita coas urnas. Tras uns primeiros compases dispares -mitin ateigado en Monforte, por exemplo, pero discreta asistencia noutros actos de días previos-, o resultado do test ferrolán deixou bo regusto na caravana de En Marea.

O teatro Jofre recibiu a caravana de Villares practicamente cheo e o acto rematou con encontros cara a cara tan inéditos como alentadores para un novel, deses nos que o candidato acaba recibindo un par de bicos dunha veterana simpatizante que lle desexa velo "de presidente". O aspirante a titular da Xunta foi presentado á concorrencia, na que abondaban as canas salferidas por rostros xuvenís, polo propio Beiras. "O PP vén dicir que o noso candidato, o meu candidato, foi posto por un alcalde" para "silenciar que houbo tres alcaldes que derrotaron o PP" e que "deron o paso para relanzar En Marea", reprochoulle a Feijóo, "falsario" e "mentirán institucional", el si "posto a dedo por Rajoy e Romay Beccaría, ave María, cando quixeron decapitar politicamente a Xosé Cuiña".

Beiras erixe a Villares no "mellor candidato" para formar "un goberno solvente e incorruptible"

Retratado por Beiras como "o mellor candidato na actual circunstancia social, cultural, económica e política" para "configurar un equipo de goberno solvente e incorruptible", Villares comezou o seu discurso repasando os últimos titulares da crónica de sucesos que atinxe ao PP. "Volvérono facer!", ironizou evocando o mítico Magnum da TVG para caricaturizar o retorno de Rajoy ao plasma, "vergoña" do mesmo partido que se "retrata" defendendo a Baltar. "E fronte a iso, nós, un proxecto de dignidade, de decencia, que non é de plasma", proclamou.

Villares fixa un "decreto de garantías sociais mínimas" como medida prioritaria se En Marea chega á Xunta

Inspirados pola "alongada luz de Beiras" o candidato de En Marea pediu apoio para un "programa de xustiza social" que, se ten a oportunidade de ser aplicado, di, comezará pola aprobación "dun decreto de garantías sociais mínimas" que "garanta" prestacións esenciais como "que todo o mundo teña teito aínda que os bancos lle quiten o dereito a casa" ou "que todo o mundo teña dereito a levar o pan á boca todos os días do mes". En clave local Villares reiterou a súa aposta por "negociar" que a Xunta entre no Consello de Administración de Navantia para condicionar a súa "política industrial e comercial" e solventar os déficits de comunicación de Ferrolterra cunha rede de cercanías xestionada dende unha compañía ferroviaria galega.

Á fin do acto candidatos e membros de En Marea amosaban o seu desexo de que o ambiente do mitin de Ferrol sexa o prolegómeno dunha campaña á alza. "Só nos poden derrotar se non imos votar. Só teñen unha posibilidade: desmobilizarnos. Somos moitos máis os que queremos unha vida digna e témonos que mover", arengara dende o atril o cabeza de lista pola Coruña, Antón Sánchez. Por diante, avanzan, fica semana e media na que o papel dos alcaldes e mais de visitantes como a rexedora de Barcelona, Ada Colau, prevén, contribuirá a axitar o fulcral treito urbano da carreira cara ás urnas.

Intervención de Villares, ante Luca Chao e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.