En Marea chama a votar "contra o medo" para derrotar o PP

Entrada dos e das participantes no mitin © En Marea

Tres grandes ideas cruzaron as intervencións de Íñigo Errejón, Alberto Garzón, Mónica Oltra, Xulio Ferreiro, Yolanda Díaz ou Antón Gomez-Reino no acto que En Marea celebrou este domingo na Coruña: o voto "da ilusión" fronte "ao medo", a recuperación do "acordo interxeracional" e a apelación ao PSOE para que se "defina" sobre se apoiarán "un goberno de Unidos Podemos ou un goberno do Partido Popular". O espazo central dos xardíns de Méndez Núñez, ao pé do monumento a Curros Enríquez, quedou pequeno para acoller os centos de asistentes ao mitin, que estivo acompañado (novidade nesta campaña) dun asollado día de xuño de boa temperatura.

Se este sábado Mariano Rajoy fixo un chamamento a evitar que gañen "os malos", En Marea escolleu a Marcha Imperial de Star Wars para a entrada dos e das participantes no acto. A frase de Rajoy estivo presente en varias das intervencións, tamén para dar pé a unha das ideas forza máis repetidas, contida igualmente no minuto final de Pablo Iglesias no debate a 4 do pasado luns: o voto "contra o medo". "O cambio asusta a uns poucos, pero que teñen moito poder", denunciou Mónica Oltra, moi aplaudida. "Por que credes que non se formou Goberno a pesar de que había 11 millóns de votos que apostaban polo cambio? Ese medo ao cambio é o que explica o abrazo entre Sánchez e Rivera. Non credes que Florentino Pérez ou Angela Merkel levantaron o teléfono nestes meses preocupados polo cambio? Cantos anos levamos resistindo? Moitos. Agora resisten eles, porque saben que imos a por eles e que imos gañar", sinalou. 

"O PP tenta usar o discurso do medo contra nós. A xente sabe quen somos: somos os que pedimos sanidade pública, e eles os que a venden. Nós somos os que pedimos unha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois e eles os que a negan. Nós somos os que estamos cos enfermos de hepatite, e eles os que utilizan os medicamentos imprescindibles para cadrar o déficit", afirmou de igual xeito Antón Sánchez (Anova).

Errejón: "As eleccións non son só unha escolla entre PP e Unidos Podemos. Temos un referendo entre o pasado e o futuro, entre un modelo que non funcionou e a posibilidade de construír un país distinto"

"Non me gusta a dialéctica de bos e malos" -salientou Errejón, pola súa banda- "Non hai cidadáns malos, hai gobernantes malos. Moitos dos que votaban os partidos tradicionais tamén sufriron desafiuzamentos, tamén arroibaron de vergonza ao ver a corrupción, tamén tiveron que ir ao aeroporto a despedir aos seus netos. Votara o que votara a xente, son os nosos cidadáns". Errejón sinalou tamén que "as eleccións do vindeiro domingo non son só unha escolla entre PP e Unidos Podemos. É moito máis que iso. Temos un referendo entre o pasado e o futuro, entre un modelo que non funcionou e a posibilidade de construír un país distinto. Temos que construír unha patria plurinacional, que respecte o dereito a decidir dos pobos".

 

Acordo interxeracional

Garzón: "Os dereitos de hoxe son as loitas de onte. E as loitas de hoxe son os dereitos de mañá. Esta é unha cuestión interxeracional. Os salarios dos netos son as pensións dos avós, o que obriga a loitar todos xuntos"

Errejón chamou tamén a "refacer o acordo interxeracional entre mozos e maiores", nunha mensaxe especialmente dirixida aos grupos de idade (maiores de 55 anos) nos que Unidos Podemos se atopa a gran distancia de PP e PSOE. "Deixáronos unha herdanza, un país de benestar, máis xusto e democrático, construído co seu suor. Eles cumpriron o seu cometido, pero outros destrozaron esa herdanza. E nós dicímoslles: grazas e perdón por chegar tan tarde, temos que loitar e votar xuntos", dixo. De igual xeito, Alberto Garzón trazou esa liña unindo xeracións: "Os dereitos de hoxe son as loitas de onte. E as loitas de hoxe son os dereitos de mañá. Esta é unha cuestión interxeracional. Os salarios dos netos son as pensións dos avós, o que obriga a loitar todos xuntos".

Yolanda Díaz tamén afondou nesta idea: "Esta é a campaña dos avós e das avoas que non podían pensar en que se fosen perder os dereitos conquistados. Esta é a campaña da xente do común, da xente que se ergue ás sete da mañá todos os días, dos exiliados e exiliadas económicas que tiveron que marchar traballar fóra". "É por eles, polos nosos pais, nais, avós, avoas, que temos que gañar as eleccións. Non pode ser que despois de traballar toda a vida teñan medo que ir ao hospital e de perder os dereitos que gañáramos. Non admitimos que o PP diga que non hai cartos para manter o sistema público, cando sabemos onde están eses cartos: en paraísos fiscais e contas no estranxeiro", recuncou Carmen Santos (Podemos).

 

Apelación ao PSOE

Ferreiro: "O PSOE ten que decidir de que parte vai estar a partir do 26X, se da parte dos bos e xenerosos ou da parte de Felipe González e das portas xiratorias"

A terceira gran mensaxe lanzada por En Marea e Unidos Podemos neste mitin ía dirixida ao PSOE, para o que houbo man tendida, pero tamén unha apelación "a que se defina". "Fixemos unha campaña tranquila, non nos trabucamos de adversario. O PSOE vai ter que definirse, ou goberno co PP ou goberno con Unidos Podemos", subliñou Errejón, engadindo que "o problema do PP non se chama Rajoy, o problema do Partido Popular chámase Partido Popular e só se rexenera enviándoos á oposición". De igual xeito, o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, salientou que "o PSOE ten que decidir de que parte vai estar a partir do 26X, se da parte dos bos e xenerosos ou da parte de Felipe González e das portas xiratorias". "Que non se trabuquen de inimigo, aquí os agardaremos cos brazos abertos", concluíu. Neste senso, Antón Gómez Reino pediu "que sexan as bases do PSOE as que decidan" se queren un pacto con Unidos Podemos ou non.

 

A xestión nos concellos

"O seu medo non lles vai dar a vitoria, en cambio o noso sorriso, a nosa alegría e a nosa ilusión si que nos impulsa. Agora xa non somos só ilusión. Demostramos que se pode gobernar doutro xeito, que se poder gobernar para a xente"

Tamén Ferreiro botou man no seu discurso dese argumento do voto "contra o medo" e ante el opuxo a xestión realizada nos gobernos municipais. "O seu medo non lles vai dar a vitoria, en cambio o noso sorriso, a nosa alegría e a nosa ilusión si que nos impulsa", dixo, engadindo que "agora xa non somos só ilusión. Demostramos que se pode gobernar doutro xeito, que se poder gobernar para a xente: Renda Social, investimento nos colexios públicos da cidade, remunicipalización das bibliotecas...". A esta reivindicación do traballo desenvolvido nos concellos por parte das candidaturas de confluencia, como A Coruña, Compostela e Ferrol, uníronse outras intervencións, coma as de Yolanda Díaz, Mónica Oltra, Alberto Garzón ou Carmen Santos, que salientou que "o cambio comezou en cidades coma Coruña. Aquí, en Santiago ou en Ferrol demostrouse que non todos os políticos son iguais. As rendas sociais municipais demostraron que se pode facer política para a xente. Para iso son os cartos públicos: para que a xente sexa un pouco máis feliz".

"Este movemento non naceu para resistir, nacemos para gañar" -subliñou Gómez Reino. "Non nos xogamos só os vindeiros catro anos, senón que nos xogamos o futuro da seguinte xeración, os vindeiros 15 ou 20 anos", dixo, destacando que En Marea pode estar moi preto de conseguir o terceiro escano pola Coruña e o terceiro por Pontevedra.

 

A confluencia

"Recoñeceredes nas caras que tedes ao voso lado neste mitin as caras das mesmas persoas coas que estivestes loitando na rúa, nas folgas xerais, parando desafiuzamentos, manifestándovos contra os recortes"

Garzón reivindicou así mesmo o valor da confluencia: "Recoñeceredes nas caras que tedes ao voso lado neste mitin as caras das mesmas persoas coas que estivestes loitando na rúa, nas folgas xerais, parando desafiuzamentos, manifestándovos contra os recortes. É a mesma loita. Conseguimos xa moito, pero quédanos dar un último paso". E engadiu que "Galicia foi sempre un exemplo de saber entender este camiñar unidos, chámese confluencia ou unidade popular ou como cada quen a queira denominar. Nas eleccións do 2012 e nas municipais do ano pasado". "A confluencia construístela vós dende abaixo", concluíu. "Tratamos de traducir unha maioría social que hai na rúa nunha maioría política. Esa maioría social é diversa, xente que pensa distinto, que vén de distintos lugares. E diversa ten que ser polo tanto esa ferramenta política", engadiu Antón Sánchez.

 

Intervención de Alberto Garzón © En Marea
Imaxe xeral da asistencia ao mitin © En Marea
Outra imaxe do acto © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.