En Marea condiciona o apoio aos Orzamentos do Estado a que se cumpra cunha "axenda galega"

Díaz, Fernán Vello e Gómez-Reino, na rolda de prensa © En Marea

"Os votos das nosas deputadas e deputados son autónomos. Con responsabilidade faremos valer a nosa posición en defensa de Galicia e dos dereitos da nosa xente". Así se expresou Miguel Anxo Fernán Vello, deputada de En Marea no Congreso, na comparecencia na que el e outros dous parlamentarios da formación galega, Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino, anunciaron a apertura dunha "negociación bilateral" co Goberno do Estado para negociar o apoio do partido aos Orzamentos Xerais do Estado de 2019 e na procura de "acordos favorables a Galicia como país".

 En Marea advirte que os votos dos seus cinco representantes son "autónomos" e condiciona o apoio ás contas a que estas sexan "sociais e plurinacionais"

As conversas oficiais comezarán o vindeiro martes cando estes tres deputados se reunirán coa ministra de Política Territorial e Función Pública, Meritxell Batet. Nelas En Marea incluirá unha "axenda galega", a que "recolle os elementos máis importantes das demandas da sociedade galega" e "condensa os consensos da cidadanía e das institucións de Galicia". Segundo expresou Yolanda Díaz, para que esas contas teñan o apoio dos cinco representantes da formación terán que ser "sociais e plurinacionais".

A formación galega inclúe na "negociación bilateral" unha axenda galega que prioriza a transferencia da AP-9 ou a condonación da débeda do Porto da Coruña

"As demandas da nosa xente teñen que estar dentro. Chegou a hora de Galicia", expresou Díaz, que advertiu que as reivindicacións son "consensuadas" e mesmo "institucionais" como é o caso da transferencia da xestión da AP-9 á Xunta de Galicia. Neste caso, amosou a súa confianza en que o Executivo de Sánchez non vai poñer "ningún obstáculo" máis aínda logo de que se desbloquease o debate

O pasado xullo cumpriuse o décimo aniversario das ata agora últimas transferencias de competencias do Goberno de España ao Goberno galego, aprobadas co PSOE na Moncloa e a coalición de PSdeG e BNG na Xunta. En Marea aspira a que esta negociación reinicie o traspaso de competencias tantos anos paralizado e insisten en lembrar en que os seus cinco votos serán necesarias para a aprobación dos Orzamentos. 

Ademais, Gómez-Reino destacou que tamén será "unha prioridade evidente" a condonación da débeda que o Porto da Coruña mantén co Estado, petición que reiterou a Comisión de Fomento a pasada semana e que se uniu á demanda expresada polo Concello da Coruña, o Parlamento ou a Deputación tras contar agora as mareas co apoio do PP tras sete anos negándose a postura ningunha semellante. 

O portavoz de En Marea no Congreso aclarou que a "situación moi particular" pola que atravesa o Porto da Coruña, sobre todo tras a condonación dunha débeda aínda maior nos peiraos de Valencia, fai que esta iniciativa se cinga polo de agora a esa Autoridade Portuaria. 

En Marea reclamará corrixir o "enorme" déficit de Galicia en infraestruturas e o "ritmo investidor decaente do PP"

Ademais, Fernán Vello denunciou o "enorme" déficit de Galicia en infraestruturas e o "desequilibrio" que sofre o país, e remarcou que o ritmo investidor en materia ferroviaria "decaeu nos últimos anos do PP". Por iso, avisou ao PSOE de que os deputados de En Marea exercerán "a responsabilidade e a conciencia" para facer valer a súa posición en defensa de Galicia e para "paliar o déficit de infraestruturas" no territorio. 

Yolanda Díaz, pola súa banda, lembrou que a negociación incluirá tamén as relacións transfronteirizas ou a presenza de Galicia nas negociacións coa UE. Ao tempo, reclamou que os Orzamentos sexan sociais, "para os de abaixo, que sufriron as consecuencias de máis de seis anos do PP". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.