En Marea insiste no seu dereito a ter grupo propio, no cumprimento dos requisitos do regulamento e na "fraude de lei" que suporía que a Mesa do Congreso non o permitise. Pero o horizonte é escuro para a formación galega. PP e Ciudadanos teñen a maioría da devandita Mesa grazas ao acordo co PSOE, que a cambio se fixo coa presidencia da Cámara Baixa da man de Patxi López. E ante esta situación, xa se buscan alternativas.
O espazo galego de confluencia advirte de que loitará ata o final e non descarta, nin moito menos, levar o caso aos tribunais, pero de non haber un cambio radical de última hora, populares, socialistas e Ciudadanos manterán o seu criterio na Mesa para negar cadanseu grupo a En Marea, En Comú Podem e Compromís-Podemos. Os deputados das tres formacións deberían integrarse no grupo de Podemos, pero esa opción está descartada. Tamén a de que os parlamentarios se separen segundo a súa militancia. "Iso non vai suceder de ningunha forma. En Marea vai continuar xunta e unida e os seus deputados son e serán de En Marea", asegura Antón Gómez-Reino, parlamentario no Congreso pola Coruña.
Os deputados descartan integrarse no grupo de Podemos ou separarse: "En Marea vai continuar xunta e unida"
A alternativa que manexan todas elas é a de unirse para crear un grupo plurinacional coas tres coalicións, evitando así integrarse nun grupo mixto cun número de representantes que faría moi difícil o traballo parlamentario. É unha posibilidade que non se descarta en ningúnha das tres formacións e que sería vista con bos ollos, pero sempre como última opción porque "a primeira e única que debería haber, democraticamente falando, é a de ter grupo propio".
Quedan cinco días, ata o vindeiro martes, para presentar propostas definitivas de grupo e desde En Marea están convencidos de que "hai aínda posibilidades" e de que serán xornadas moi intensas de diálogo e debate. A formación galega conta con dous interlocutores para defender as súas propostas na Mesa, un representante de Podemos e outro de En Comú Podem, e conta con que o PSOE cambie a súa postura e sexa quen de flexibilizar tamén a posición de Ciudadanos. "Hai marxe, sobre todo se o PSOE quere aspirar a construír algunha alternativa de goberno", insiste Gómez-Reino, que cre que a primeira xuntanza da Mesa este venres "dará as claves" sobre o futuro.
En Marea cre que "hai marxe" para o grupo propio "se o PSOE quere aspirar a construír algunha alternativa de goberno"
En Podemos e nos espazos de confluencia son conscientes de que a actual situación tampouco é favorable para os socialistas, que ven como pechar á primeira a porta a calquera acordo co partido morado e os espazos de confluencia pode provocar unha situación de bloqueo constante e de difícil organización no Congreso. Desde En Marea insístese en que "non é un problema de tempos nin de cartos", como advirten constantemente Ciudadanos, PSOE e PP, e aseguran que "xa se puxo enriba da mesa" algunha proposta alternativa.
"Hai completa disposición a falar deses temas e hai marxe para deseñar métodos que impliquen non ocupar demasiado espazo e facilitar as cousas", insiste Gómez-Reino. Mesmo se fala xa de fórmulas para minguar nalgún caso o peso das portavocías porque non é cuestión de diñeiro e tempo, "senón de organización da Cámara e de visibilización da realidade plurinacional e do novo panorama".
As confluencias están dispostas a ceder tempo e cartos e mesmo buscar fórmulas para reducir o peso das portavocías
De pecharse todas as portas, En Marea ten decidido acudir aos tribunais, pero sabe tamén que malia que haxa moitas posibilidades de vencer nun contencioso-administrativo, os posibles recursos que se deriven implicarían un gasto e un enguedello burocrático e legal que xa evitaron outras formacións no pasado.
De pecharse todas as portas, En Marea aposta por conformar un grupo plurinacional xunto a En Comú Podem e Compromís-Podemos
En todo caso, En Marea mantén a súa esperanza na presión que pode realizar sobre un PSOE que sabe que as súas posibilidades de liderar un goberno alternativo pasan por ceder, pero tamén que manter a organización prevista creará un bloque constante e moitas dificultades para o traballo no Congreso. Sexa como for, a alternativa para a formación galega será integrarse nun grupo plurinacional xunto a En Comú Podem e Compromís-Podemos.
Esta proposta sería diferente á que ofertou Pablo Iglesias, que deixou caer a posibilidade dun grupo confederal, unha opción que non se prevé no regulamento da Cámara e que, legalmente, mantería as tres coalicións dentro da disciplina do partido morado e cada unha das marcas diluídas nun gran grupo. Esa opción é descartada por En Marea e En Comú Podem, que optan pola conformación do grupo plurinacional como alternativa. No caso da formación valenciá, a situación é diferente porque os seus acordos aclaran que os deputados de Compromís poderían pasar a formar parte do grupo de IU, ao que lle faltan escanos para ter grupo propio, mentres que os de Podemos integraríanse no de Pablo Iglesias.
Mentres, a formación nacionalista Cerna expresou o seu "rexeitamento" á decisión prevista da Mesa do Congreso de "negarlle a Galiza o dereito a conformar grupo parlamentar", ademais de "expresar o apoio a En Marea nas accións políticas ou xudiciais que decida emprender na defensa dos seus dereitos".