En Marea foi primeira ou segunda forza no 75% dos concellos máis mozos de Galicia

Segunda forza nos concellos con idade media inferior aos 45 anos CC-BY-SA Praza Pública

As eleccións xerais do 20-D trouxeron consigo notables cambios no comportamento electoral da poboación tanto no Estado como en Galicia. Alén do mantemento do PP como primeira forza en ambos territorios, o devalo no apoio dos conservadores e a emerxencia de novas forzas cambiou considerablemente o mapa, cambio no que os concellos cunha menor idade media da súa poboación tiveron un papel especialmente relevante. Así, no caso galego, en tres de cada catro destes municipios En Marea foi primeira ou, sobre todo, segunda forza política.

O PP mantívose no primeiro posto na maioría destes 52 concellos, pero cunha notable redución da súa marxe a respecto da segunda forza

Segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística a idade media da poboación galega é de 45,9 anos, se ben hai ata cincuenta e dous concellos nos que a súa veciñanza ten, de media, menos de 45 anos. Na maioría destes concellos, 41, o PP mantívose como forza máis votada, en 10 esa primeira praza foi para En Marea e no restante, A Illa de Arousa, o PSOE logrou ser o máis votado. No entanto, os datos do escrutinio advirten que en boa parte destes casos a distancia entre a primeira e a segunda forza reduciuse notablemente a respecto de anteriores comicios e, nos máis dos casos, ese segundo posto foi para a coalición de Anova, Podemos e Esquerda Unida. 

Así, aos dez concellos galegos nos que En Marea gañou as eleccións engádense vinte e nove máis nos que a plataforma se estreou como segunda forza política. Nunha decena destes concellos coa poboación máis moza a segunda posición ocupouna o PSOE nunha decena de casos. Mentres, nos municipios nos que En Marea foi primero, o PP ficou na segunda praza do reconto electoral.

Estes municipios de poboación máis moza, a práctica totalidade correspondentes a ámbitos urbanos ou, sobre todo, a vilas medias, son obxectivo preferente das forzas que compoñen En Marea cara a futuras convocatorias electorais, a comezar polas eleccións galegas de 2016. Foi nestes espazos, precisamente, onde a plataforma sustentou a segunda praza obtida no conxunto do país tanto en votos como en escanos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.