En Marea lanza a súa carreira ao 28A afirmando que non dará "cheques en branco" para a investidura

Villares e integrantes das candidaturas de En Marea ás xerais, durante a convención electoral da formación CC-BY-SA EM

O xeito en que quedará recomposto o mapa da esquerda é un dos principais interrogantes que pairan en Galicia sobre as eleccións xerais do 28A. Os prognósticos demoscópicos apuntan a unha alza do PSdeG pero tamén a unha recolocación de pezas á súa esquerda dun xeito moi dispar en función da enquisa que se consulte. Con este pano de fondo En Marea lanzou este sábado simbolicamente cunha convención a súa carreira electoral.

A menos dunha semana do inicio formal da campaña electoral, En Marea xuntou nun dos salóns do Auditorio de Galicia, en Santiago, as persoas que conforman as súas candidaturas ás primeiras eleccións xerais nas que concorre como partido. As expectativas trazadas por algunha das sondaxes da semana serviron ao seu voceiro, Luís Villares, para asegurar que se a formación logra representación no Congreso e os seus votos son precisos para unha investidura, estes non serán un "cheque en branco".

O contexto de recolocación do electorado da esquerda ao que apuntan diversas enquisas marca tamén o inicio da carreira electoral de En Marea

"Non imos conceder ningún cheque en branco" porque a "coherencia", coida, é o "maior aval" de En Marea para estes comicios, nos que subliña que a súa aposta será "unha maioría de progreso". "Temos palabra e imos cumprir", garantiu ante os presentes antes de debullar algunhas das medidas que, afirma, porían sobre a mesa ante unha eventual negociación. "Temos dereito a abrir A Coruña ao mar e á condonación da débeda do seu porto", á "rexeneración da ría do Burgo", a "unha ría de Pontevedra libre de ENCE" ou ao traspaso da AP-9, exemplificou.

Un intre da convención electoral de En Marea, o 6 de abril de 2019 no Auditorio de Galicia CC-BY-SA EM

Villares: "O PP restou todo o tempo, houbo outros que pretenderon sumar restando e houbo quen nos tomou por parvos e tentou contentarnos coa suba das pensións"

En Marea, segundo Villares, procurará inverter a dinámica da lexislatura que vén de rematar. No período iniciado en 2016, afirma, "o PP restou todo o tempo" pero "houbo outros que pretenderon sumar restando", dixo no que foi lido como unha mención velada a Unidas Podemos ."Houbo quen nos tomou por parvos e tentou contentarnos coa suba das pensións" ou a do salario mínimo, medidas coas que, resalta, En Marea concorda pero sen se "resignar". "Non permitiremos que sumar para os demais supoña restar para nós" no investimento territorializado, advirte.

Medidas para combater o cambio climático ou a fenda laboral de xénero, unha reforma tributaria que procure a "xustiza fiscal" ou o impulso á demandada lei de eutanasia son outros dos exemplos que citou Villares durante a convención como mostra das "299 medidas urxentes para Galicia" que compoñen o programa electoral de En Marea.

As cabezas de lista ao Congreso pola Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra -Ana Seijas, Cristina Pérez Herraiz, Iván Olmos e Iris Malvido- e a tamén candidata á Cámara Baixa Alba Nogueira foron outras das persoas que tomaron a palabra nun acto preelectoral no que a formación intercalou tamén intervencións de representantes de colectivos afectados por diversas problemáticas, como a mina de Touro ou as baixas pensións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.