'En Marea negocia un "grupo confederal" con Podemos

Os deputados e unha senadora de En Marea, ante o Congreso © En Marea

En Marea apura os prazos para rexistrar a súa proposta para organizarse no Congreso. As 20 horas deste martes é o límite fixado pola Cámara Baixa para presentar as solicitudes e a formación galega aínda non ten unha decisión tomada. "Será un día moi longo", advirten fontes da coalición, conscientes da resistencia dos partidos maioritarios da Mesa, que manteñen o seu veto ao grupo propio.

Ademais das continuas conversas entre as diversas formacións de En Marea, deputados galegos manteñen tamén contacto constante con representantes de En Comú Podem e Compromís-Podemos, ademais de con Podemos. PSOE, PP e Ciudadanos manteñen o argumentario de que a reivindicación das coalicións galega, catalá e valenciana só agocha un intento do partido de Pablo Iglesias de multiplicar a súa voz e negan calquera posibilidade. Desde as diferentes confluencias búscanse xa alternativas, pero manterán ata última hora a súa reclamación de grupo propio. 

En Marea só ten tres opcións: grupo propio, grupo plurinacional coas confluencias ou grupo confederal dentro do de Podemos

"Seguiremos pelexando polo grupo propio ata o final", aseguran fontes de En Marea. Esa é a primeira opción: presionar ata última hora pola reivindicación coa que se afrontaron as eleccións xerais. A segunda, formar parte dun "grupo plurinacional" xunto aos representantes de En Comú Podem e Compromís, tal e como se prevé no Senado, pero na Cámara Alta, segundo adiantou o SER, o PP ten previsto imposibilitar tamén este grupo de "nacións sen Estado. 

Esa mesma alternativa para o Congreso fora tamén rexeitada polo presidente do Congreso, Patxi López e negada polos socialistas cando Mónica Oltra, líder da formación valenciana, ofreceulles que prestasen deputados ás confluencias para formar os seus grupos ou, en última instancia, tan só un parlamentario para conformar ese grupo plurinacional. Este mesmo martes, a vicepresidenta do Goberno valenciano insistiu nese grupo con todas as confluencias incluídas como a mellor opción alternativa. 

Podemos presiona para reclamar un grupo confederal das "forzas do cambio" que impediría o recurso ao Constitucional de En Marea

A última alternativa é a "confederal", unha especie de subgrupo que Pablo Iglesias ofrece ás confluencias dentro do grupo de Podemos e que desde a formación galega tan só contemplan como derradeira opción no caso de que se pechasen todas as portas. Pero o partido morado insiste nesta posibilidade, conformando -e presentando a solicitude- dun único grupo confederal que xunte todas as "forzas do cambio". Chamaríase Podemos-En Comú-Compromís-En Marea e non habería disciplina de voto, polo que as confluencias non estarían obrigadas a respectar as directrices de Podemos e poderían votar autonomamente. 

Desde En Marea insístese, precisamente, en que é o PSOE quen con máis decisión fecha calquera opción e que a súa postura "é a determinante". "Hai máis reticencias no Partido Socialista que no PP", advirten fontes da coalición, sabedores tamén de que Pedro Sánchez ve na formación morada e nas coalicións unha ameaza para liderar unha alternativa progresista no Estado. 

"Hai máis reticencias ao grupo propio de En Marea no PSOE que no PP", advirte a coalición galega

Implica o veto do PSOE ao grupo propio unha negativa definitiva das coalicións e de Podemos a apoiar a Pedro Sánchez nunha futura investidura? "Nin se trata ese tema; os socialistas non queren falar diso... Sorprende que si o fagan de portas cara a fóra cando con nós só trataron a problemática dos grupos", din fontes de En Marea, desde onde insisten en que "non é unha cuestión de cartos nin recursos, senón de iniciativa política e de representación galega no Congreso"

Segundo fontes de En Marea, o PSOE ofreceu ás diferentes coalicións unha alternativa: situarse no grupo mixto e configurar alí "unha ficción xurídica", un subgrupo para elas. Ofrecéronlles mesmo incrementar os seus recursos económicos -neste caso si-, pero os espazos de confluencia rexeitárono insistindo en que non era cuestión de cartos senón de "representitividade e iniciativa". "Sorprendeulles, claro", engaden as mesmas fontes, que lembran que incluírse no grupo mixto supón pasar "de falar cada semana a falar unha vez ao ano". 

O PSOE ofreceu ás confluencias integrarse no grupo mixto e configurar alí un subgrupo, mesmo dándolles máis recursos económicos

"Eu sei que non é unha cuestión nin sequera de cartos, pero hai que ir ao sentido común e o Regulamento di que non pode haber grupos distintos de forzas que non se enfrontaron entre si", recoñeceu o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, na entrevista en Praza. Desde En Marea e o resto de confluencias insisten en que aludir ao regulamento cando o PSOE cedeu deputados a ERC e DiL para que saltasen un claro incumprimento demostra dúas varas de medir. 

 

Atrancos para o recurso ao Constitucional

Ademais, En Marea insiste que todas as consultas xurídicas realizadas danlles a razón e coinciden nos argumentos a favor que xa explicara no seu detallado informe o profesor de Dereito Administrativo na UDC e ex deputado, Carlos Aymerich. "Cantas máis facemos, máis nos din que temos razón", insisten, tras advertir que no caso de que se lles negue o grupo propio, esgotarán todas as vías. A primeira delas é a posibilidade que lles dá os tres días de alegacións do Congreso, polo que poderían presentar a súa solicitude de grupo propio e agardar logo á resposta. 

En Marea anunciara xa que presentaría tamén un recurso ao Constitucional, pero esa vía quedaría invalidade se Podemos opta por non reclamar ante a Mesa os grupos propios para as confluencias. E esa é a opción dos de Iglesias de non ter un compromiso por escrito que permita un plan B no caso de que se manteña o veto. "Ao non haber petición formal de catro grupos, non se podería exercer a reclamación", aseguran fontes da negociación a este diario. 

Desde a contorna da formación galega non se desbota tampouco algún tipo de mobilización para reivindicar o seu dereito a ter voz propia no Congreso. 

Alexandra Fernández, xunto a Iglesias e voceiros das confluencias © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.