En Marea, PSdeG e BNG censuran que o PP integre a Xunta na fronte da dereita contra Sánchez

Feijóo e Casado, nun acto de partido na Coruña en decembro de 2018 © PP

O Goberno galego integrouse oficialmente este xoves na fronte da dereita contra Pedro Sánchez a conta da súa política a respecto de Catalunya. Nunha declaración institucional o Consello da Xunta encabezado en ausencia do presidente polo vicepresidente, Alfonso Rueda, o Goberno galego clamou contra o que considera un "rosario de cesións" do Goberno de España ante as forzas soberanistas catalás. Todo por mor do anuncio da posible inclusión dun "relator" nas conversas do PSOE cos partidos independentistas.

Villares lembra que hai escasos días Rueda negouse a fixar posición sobre os pactos con Vox porque non atinxían a Galicia e Caballero reprocha que Feijóo "poña a Xunta á disposición de Casado e da ultradereita"

A xustificación do PP para este movemento -que o que aconteza entre o Goberno central e Catalunya afecta a Galicia como comunidade autónoma- non convenceu as forzas da oposición. Observan unha utilización partidista do Executivo galego, subliñan.

Hai escasos días, lembra Luís Villares no nome de En Marea, a súa formación tentou sen éxito que o propio Rueda se pronunciase no Parlamento "sobre os pactos con Vox en Andalucía, porque nos parecen inaceptables" por mor dos postulados do partido de extrema dereita contra a lei que protexe as vítimas da violencia machista e mais pola súa esixencia de "supresión" das comunidades autónomas. E o número dous de Feijóo "dixo que non tiña nada que opinar, porque non atinxía a Galicia". Pero agora, lamenta, "sobre a figura que pode promover o diálogo" en Catalunya a Xunta si se pronuncia oficialmente, o que é unha mostra de "hipocrisía".

Luís Villares, Gonzalo Caballero e Ana Pontón, este venres na Estrada, Santiago e Vigo CC-BY-NC-SA EM/PSdeG/BNG

Ana Pontón lamenta que o PP "utilice a Xunta para facer partidismo cutre" ao carón da "dereita botada ao monte": "Se queren criticar o modelo de Pedro Sánchez, que vaian á sede do PP"

O malestar tamén é evidente nas filas do PSdeG, cuxo secretario xeral quixo dar máis peso a este rexeitamento a través dunha declaración pública da cúpula do partido en Galicia. Feijóo, lamenta, "puxo os intereses do PP por riba dos de Galicia" e situou a Xunta, que debera representar o conxunto da poboación, "á disposición de Casado, de Vox e da ultradereita". A declaración da Xunta sobre Catalunya é para Gonzalo Caballero "irresponsable, impropia e desleal coa Constitución e o Estatuto". Todo, lamenta, para inserir a propia Xunta nos intentos do PP para "gañar os electores que se lle están indo a Vox".

Pola banda do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, pon o foco na coincidencia de que Feijóo vaia "manifestarse en Madrid coa extrema dereita" mentres "miles de galegos e galegas se manifestarán en defensa da sanidade pública". Para a líder do Bloque é unha mágoa a "escalada" que tornou o presidente galego "nun monicreque de Pablo Casado e da estratexia de radicalización extrema do PP". Por iso, razoa, resulta "gravísimo" que "o PP utilice a Xunta para facer partidismo cutre" e encaixar o Goberno galego na fronte da "dereita botada ao monte, desbocada, que perdeu o sentido da realidade". "Se queren criticar o modelo de Sánchez, que vaian á sede do PP e fagan todas a valoracións que desexen; pero nunca no nome dos galegos e galegas" conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.