En vídeo: Da praza ao concello, das mareas aos feitos

Vista do acto, celebrado na Facultade de Historia da USC CC-BY-SA Praza Pública

"Da praza ao concello, das mareas aos feitos". Foi o título baixo o que este mércores os novos alcaldes da Coruña, Ferrol e Santiago sentaron á mesma mesa en Compostela para dialogaren sobre os gobernos municipais das mareas. No encontro convocado por Praza.gal e eldiario.es e moderado polos xornalistas Montse Dopico e David Lombao os rexedores debullaron ante unhas duascentas persoas o xeito en que, en verbas do coruñés Xulio Ferreiro, comezan a "testar todo aquilo que nos permitiu construír un suxeito político diferente".

Tras as súas simbólicas tomas de posesión tanto Ferreiro como Martiño Noriega e Jorge Suárez concordan en sinalar que as súas primeiras medidas, como a redución de salarios ou a renuncia a empregar vehículos oficiais, combinan simbolismo con política "real". "Estas medidas iniciais teñen carga de fondo, desafían o statu quo", afirma Noriega, en referencia aos asuntos internos do Concello pero tamén, por exemplo, á decisión de non acudir á ofrenda na Catedral de Lugo. "Como primeiro acto institucional fomos á homenaxe a unha científica", resalta Ferreiro.

O xeito de canalizar a prometida participación cidadá ou a relación cos "poderes fácticos" das respectivas cidades foron outros dos asuntos abordados nun contexto no que, subliña o alcalde ferrolán, o proceso que agora se inicia é "unha carreira de fondo". "Para mudar as cousas non abondan seis meses", resalta Suárez, quen subliña as dificultades coas que se atopan os novos gobernos locais para, por exemplo, reverter concesións de servizos privatizados antes de que remate o período concesional. "O alcalde de Ferrol ata agora era Florentino Pérez", ilustra.

Co reto de "non descapitalizar as mareas" e "tecer rede" entre as respectivas cidades os alcaldes ollan tamén con esperanza a posibilidade da conformación dunha "marea galega", asunto que estivo entre as preguntas lanzadas polo público. De formarse, din, esa posible candidatura tería que ter o "paraugas da cidadanía", e non o dun ou varios partidos. Estas e outras reflexións pódense recuperar na gravación do encontro que acompaña este texto. Nos vindeiros meses Praza Pública organizará outros diálogos abertos con representantes de diversas forzas políticas.

Suárez, Noriega e Ferreiro, ao inicio do acto CC-BY-SA Sandra G. Rey
Un intre do encontro CC-BY-SA Sandra G. Rey

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.