ENCE racha o seu silencio para celebrar que o Goberno de España en funcións lle permitiu ficar na ría de Pontevedra ata 2073 -se os recursos contra a prórroga non o impiden-, pero tamén para matizar algúns dos seus compromiso e, sobre todo, para desdeñar as críticas contra a empresa. Case un mes despois da nova autorización o director da planta pontevedresa da pasteira, Antonio Casal, defende a súa compañía como un "referente punteiro no medio ambiente e no coidado das rías" e, ao tempo que desliga a súa actividades de problemas en actividades como o marisqueo, admite que o compromiso de eliminar os molestos cheiros da fábrica, o "cheiro cero", é "moi difícil".
Nunha entrevista concedida á Radio Galega Casal foi cuestionado por un dos efectos máis evidentes da factoría, o que denomina "impacto oloroso". "Calquera que viva por alí sabe que se reduciu enormemente", afirmou Casal, antes de lembrar o seu "compromiso de chegar ao cheiro cero", ao que "aínda non chegamos, pero seguimos traballando". Ao ser convidado a concretar cando se producirá esa eliminación total de cheiros, o dirixente da empresa non foi quen de concretar máis: "Canto antes", di, se ben matiza que "é moi difícil de chegar ao cero absoluto". Se cadra si "ao cero coma un", ilustra, pero eliminar a "incidencia olorosa" cada vez "é máis difícil" porque xa só fica "un restiño".
O directivo defende que "o cheiro de ENCE practicamente desapareceu" e por iso "practicamente ninguén" na cidade "se lembra" xa da fábrica
En calquera caso, Casal rexeita que os cheiros de ENCE afecten xa á vida diaria de Pontevedra e a súa contorna. "Calquera que viva en Pontevedra sabe que a redución de cheiros é impresionante" e "non ten nada que ver" coa de hai anos. Tanto é así, defende, que na cidade "ninguén se lembra" xa de ENCE "agás cando sae nos xornais" ou "cando hai unha manifestación". "Porque o cheiro de ENCE -resalta- practicamente desapareceu".
"Nada que ver" co "problema marisqueiro"
O directivo de ENCE desbota que a fábrica teña impacto no aire e tamén na auga, nomeadamente, na actividade marisqueira na ría. Lanzar esta acusación "non obedece a ningunha base", afirma, ata o punto de que "o problema marisqueiro da ría non ten nada que ver coa factoría de ENCE". Segundo Casal só está ligado á depuradora de augas residuais "que está alí, é coñecida e está denunciado pola UE". A ligazón entre a pasteira e a imposibilidade de mariscar con normalidade na ría é, ao seu xuízo, produto dos "grupos aos que lles interesa atacar a ENCE e non decatarse de cal é a realidade", pero "as propias mariscadoras saben cal é o problema da ría e non é ENCE".
O director da pasteira considera que a extensión do eucalipto por Galicia é "unha plantación como outra calquera, como prantar patacas ou tomates"
Neste contexto, no marco dun futuro "ilusionante" para ENCE Pontevedra, o seu responsable considera "xusto" que a presenza da empresa en Galicia se ligue tamén á extensión do eucalipto polo país. "É xusto para ben", agrega, porque "moitísimas familias viven deses eucaliptos". Fronte ás críticas a respecto da degradación que o eucalipto produce nos hábitats autóctonos, o directivo tamén as desdeña. A do eucalipto é "unha plantación como calquera outra, como quen vive de plantar patacas, tomates ou calquera outra cousa", defende.
Así as cousas, e dende a consideración de que a autorización por parte do Goberno en funcións non é "cómoda nin incómoda", ENCE disponse a seguir coa súa actividade no mesmo lugar que dende 1957 pero sementa, non obstante, dúbidas a respecto da ampliación dos seus investimentos en Galicia cunha planta de biomasa de 40 megavatios. "Estamos decidindo onde debemos facela" e "Pontevedra é unha moi boa opción", pero dependerá, advirte, de que exista "apoio institucional", isto é, axudas "por parte de todas as administracións".