Enchufes, amizades perigosas e pasado sindicalista: a outra vida do candidato Feijóo

Feijóo nun acto nesta campaña ao día seguinte de desvelarse que vai ter un fillo Dominio Público PP de Galicia

Para a versión 3.0 do candidato Feijóo, o seu equipo de campaña decidiu explotar unha imaxe nova: tras o tecnócrata carente de pasado que sucedeu a Fraga en 2006, o presidenciable sen fixador de 2009, o eficiente xestor que garantía carga de traballo para os estaleiros en 2012, os estrategas electorais do PP galego decidiron apostar esta vez polo pai de familia.

A estratexia foi calculada ao milímetro polo formidable equipo de propaganda que arroupa ao presidente da Xunta e candidato popular. "Este ano deume a peor noticia [faleceu o seu pai hai uns meses] e tamén me vai dar a mellor", anticipou Feijóo nun mitin dous días antes de que La Voz de Galicia adiantase o pasado 12 de setembro, día do debate na CRTVG co resto de candidatos, que ía ser pai. A noticia de que a súa parella, Eva Cárdenas Botas, alta directiva de Inditex coa que mantén unha relación desde 2013, estaba embarazada non foi casual: todo o equipo de campaña estaba avisado, segundo puido comprobar este diario. Desde entón, Feijóo pousou coa roupa para bebé que lle regalaron ante a prensa e repetiu que Galicia, unha das comunidades cun menor índice de natalidade -que non mellorou durante os seus oito anos de mandato- "é o mellor lugar para ter fillos".

O PP explota a paternidade do candidato para humanizalo mentres relativiza as súas amizades con Pachi Lucas, o suposto “conseguidor” imputado na fraude dos cursos de formación, e con Marcial Dorado cando era número dous da sanidade galega

Trátase do penúltimo intento de humanizar a un candidato que recibe un aprobado folgado nas enquisas -é o mellor valorado de todos o partidos- pero que segue sendo percibido como distante e estirado por boa parte dos votantes, segundo recollen as sondaxes internas. "Ten imaxe de sobrado", recoñece de xeito gráfico un dos seus colaboradores. A súa vida persoal tampouco axudou estes anos a dulcificar o seu perfil de frío contable. Apenas quixo airear a súa relación anterior de varios anos coa xornalista Carmen Gámir, quen case non tivo protagonismo nos seus actos políticos ou de partido máis aló de acompañalo a algún mitin e nin sequera viviu na residencia oficial. A nai de Feijóo proclamaba entón nun vídeo electoral do PP que o seu fillo non lle daba netos porque estaba "casado con Galicia". Cando finalizou o noivado, Gámir colocouse en Madrid como xefa de prensa no Ministerio de Facenda ás ordes da ex-conselleira de Facenda Marta Fernández Currás cando esta asumiu a secretaría de Estado de Orzamentos con Montoro. Desde entón, a ex-moza de Feijóo é un dos tres cargos de confianza mellor pagados da Administración: en 2013, cando o portal de transparencia aínda facilitaba eses datos, cobraba  86.816 euros, 7.000 euros máis do que gaña hoxe o presidente Mariano Rajoy.

En 2009 o PP chegou a subcontratarlle "un amigo" para correr polo parque de Castrelos en Vigo que en realidade non era nin coñecido senón un dos extras habituais nos actos do PP que semanas atrás fixera de camioneiro afectado pola crise

Ata que se anunciou en 2013 a nova relación de Feijóo cunha executiva de éxito á fronte de Zara Home no imperio Inditex, os publicistas non sabían que facer con el durante eses momentos familiares que a prensa retrata nas xornadas de reflexión. Nas eleccións de 2009 o PP chegou a subcontratarlle "un amigo" para correr polo parque de Castrelos en Vigo. En realidade, o seu acompañante non era nin coñecido, tratábase dun dos extras habituais nos actos do PP: semanas atrás fixera de camioneiro vítima da crise nun mitin en Santiago sobre economía.

Pero a estratexia do novo Feijóo pai primeirizo aos 55 anos busca sepultar algo máis: a sucesión de casos de corrupción que salpican ao seu Goberno, ao seu partido e a algunhas amizades próximas. Porque o dirixente que marca distancias ante a prensa de Madrid cos escándalos de Bárcenas, Soria e Barberá, ten os seus propios cadáveres no armario. Un dos seus acompañantes habituais, Pachi Lucas, que o seguía en todas as campañas e frecuentaba a residencia oficial e os despachos máis altos da Xunta,  está imputado por unha fraude masiva nos cursos de formación. O sumario que investiga un xulgado da Coruña píntao como o "abrelatas" ou "o conseguidor da trama". A súa proximidade a Feijóo era tan clamorosa que cando os xornalistas preguntaron pola súa omnipresencia nos actos, o equipo de asesores cualificábano como "un amigo do xefe". Pachi Lucas estaba nas noites electorais, en mitins polas catro provincias, na sede rexional do PP en Santiago e ata acompañou a Feijóo xunto a Rajoy  ao tendido da praza de touros de Pontevedra, tal e como lle lembrou no seu día o entón portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, cunha foto na man.

Pachi Lucas frecuentaba a residencia oficial e ata acompañou a Feijóo xunto a Rajoy á praza de touros de Pontevedra

Cando a oposición preguntou ao presidente no Parlamento de Galicia polas súas compañías, Feijóo despexou o tema alegando que se negaba a "falar de persoas que non están presentes". O xulgado namentres segue investigando a Lucas por tráfico de influencias e ten sobre a súa mesa correos electrónicos que el e o suposto cerebro da rede, outro habitual nos actos do PP, o empresario coruñés Gerardo Crespo, intercambiaban co presidente mesmo para comentar as súas xornadas de lecer. Desde entón Lucas converteuse noutro proscrito na Xunta e no PP galego ao que ninguén parece coñecer.

Non é a primeira vez que Feijóo ten que facer números para escapar do seu propio pasado. Esta é tamén a primeira campaña que vive como candidato despois de que El País desvelase en 2013 os seus anos de viaxes e vacacións co narcotraficante Marcial Dorado a finais dos 90. O resto de forzas políticas lembroullo insistentemente nos mitins: como alguén pode presentarse como rexenerador da política compartindo iates e chalés cun dos narcotraficantes máis soados da Ría de Arousa, hoxe en prisión. Os argumentarios do PP tentan revestir aquela vella amizade como un erro de mocidade, obviando que durante aqueles anos de escapadas á neve, o mar e a montaña Feijóo excedía a trintena e era xa o número dous da consellería de sanidade ás ordes de José Manuel Romay Beccaría. Cando a oposición pediu os contratos das empresas legais de Dorado coa Xunta, o Goberno galego alegou que se perderan nunha inundación.

En 1998 Feijóo presentouse a unhas eleccións sindicais para esixir mellores condicións a súa categoría de interino

No álbum sepia do candidato á reelección amarillean outras fotos, esas si máis antigas: as do Feijóo sindicalista. En 1988 presentouse na lista da Agrupación de Funcionarios Interinos e Contratados da Administración Pública (Afica) nunhas eleccións sindicais onde esixía xunto a outros compañeiros como o ex-alcalde da Coruña Carlos Negreira, tamén do PP, o acceso dos interinos á función pública en igualdade de condicións que os funcionarios con praza. Aqueles folletos sindicais tamén perseguen ao candidato popular: a CIG recuperounos para recriminarlle que non mantivese a filosofía daquel recentemente chegado á Administración durante as súas dúas lexislaturas de recortes.

Foto de Feijóo co suposto "conseguidor" Pachi Lucas amosada polo BNG no Parlamento Dominio Público BNG
Feijóo, xunto a Marcial Dorado, nunha das fotografías de El País © El País

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.