EQUO Galicia celebrará o seu primeiro congreso o 15 e 16 de xuño

Cartaz do Congreso Dominio Público Equo Galicia

EQUO Galicia celebrará o seu primeiro congreso os vindeiros 15 e 16 de xuño en Santiago de Compostela. Será na “Sala Multiusos” do Monte do Gozo e o encontro servirá para presentar os seus estatutos e a súa Comisión Executiva e escoller a súa Mesa Nacional. Tamén debaterá a súa relación con AGE e a súa posición de cara á conformación de candidaturas para as eleccións europeas do ano que vén. Búscase que todos os militantes e simpatizantes galegos participen co obxectivo de debater e fixar a liña política da formación "para contribuír ao cambio de modelo social, para conseguir as metas de equidade social, a democracia participativa e a ecoloxía política".

Haberá catro “laboratorios de ideas” centrados en Economía e sociedade, Dereitos e democracia, Sustentabilidade medioambiental e Comunicación interna e externa. Tamén outros encontros para a participación, como un debate sobre as eleccións europeas e unha charla-coloquio sobre a Red Equo Xove.

Presentaranse os Estatutos de Equo Galicia e a Comisión Executiva que foi elixida polo voto directo de todos os militantes da formación a través da rede. E a Asemblea de todos os afiliados e simpatizantes debaterá e escollerá os representantes comarcais na Mesa Nacional. Asistirán o coportavoz federal de EQUO, Juan López de Uralde, e tamén Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, e un representante por confirmar do Espazo Ecosocialista.

Cartaz do Congreso Dominio Público Equo Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.