Escritores e activistas autoincúlpanse dos delitos que lles imputan a Sànchez e Cuixart

Jordi Sànchez e Jordi Cuixart © ANC

Trinta persoas, entre elas escritores e xornalistas galegos como Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Víctor Sampedro, Suso de Toro, e un importante número de profesores universitario e activistas, dirixiron unha denuncia ao xulgado de garda de Plaza de Castilla, en Madrid, para proclamarse "corresponsables dos feitos e imputacións que pesan sobre Jordi Sánchez e Jordi Cuixart", presidentes en 2017 da Assemblea Nacional Catalana e de Òmnium Cultural e dúas das doce persoas xulgadas no Supremo en relación ao referendo do 1-O e as mobilizacións daquel 20 de setembro.

Trinta persoas, entre elas Manuel Rivas, Suso de Toro, Víctor Sampedro e Xosé Manuel Pereiro, presentan unha denuncia para proclamarse "corresponsables dos feitos e imputacións" que pesan" sobre os Jordis

"Non só ou non tanto en defensa e solidariedade persoal con estes acusados, senón fundamentalmente en defensa e solidariedade da democracia que se ve cuestionada con esta acusación inxusta", di o escrito.  

Os impulsores leron o manifesto este martes ante os xulgados ao que foron autoinculparse. "No xuízo do Procés enxuízanse dereitos que nos pertencen e que é preciso defender, como o de manifestación, acoutado severamente e con violencia o 1-O", di o manifesto, que precisa que a acción non ten que ver con "compartir o seu ideario", senón porque a súa presenza no xuízo, ao seu parecer, "é o selo de que se está penalizando o dereito de asociación de pensar distinto".  

"Convidamos a cidadanía a participar na autoinculpación colectiva", conclúe o documento, asinado por Pepe Beunza, o primeiro obxector insubmiso ao franquismo (1971), e Ovidio Bustillo, un dos insubmisos de Can Serra (1975); escritores, creadores culturais e profesores universitarios (Santiago Alba Rico, Alfonso Cervera, Carlos Fernández-Liria, Belén Gopegui, César Rendueles, Jorge Riechman, Víctor Sampedro); xornalistas (Guillem Martínez, Mariá de Delás), outros activistas. 

"Falamos de desobedientes civís, de votantes insubmisos. A insubmisión é unha opción democrática de dilatada traxectoria"

"Dous millóns de desobedientes civís acudiron á convocatoria do 1-O de 2017 en Cataluña, incluídos os case 200.000 votantes do non, 50.000 en branco e 20.000 nulos. O significado de votar o 1-O, calquera que fose a papeleta, resulta inequívoco. Case a metade do censo electoral catalán desobedeceu as instancias máximas de España: puxeron urnas, papeletas e corpos para facerse ouvir nun acto de protesta multitudinario", destaca o manifesto, lido este martes e que pode ser consultado ao completo, máis abaixo, nesta mesma información.

"Unha parte importante da sociedade catalá rebordou as forzas de orde pública, desafiou o medo aos antidisturbios. Fíxoo de forma pacífica, pública e manifesta, sen máscaras. Aguantaron porrazos e non fuxiron das posibles responsabilidades penais. Falamos de desobedientes civís, de votantes insubmisos. A insubmisión é unha opción democrática de dilatada traxectoria", din.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.