"España está obrigada a extraditar ou xulgar" os torturadores franquistas

Joan Garcés © El Diario

O prestixioso xurista que se puxo á fronte da defensa de Hervás Falciani, Joan Garcés, sostén que a decisión da xuíza arxentina María Servini de Cubría de imputar e pedir a captura internacional de catro dos acusados na querela contra os crimes franquistas abre horizontes políticos e xudiciais inexplorados para as vítimas da ditadura.

Cal é a importancia deste auto da xuíza Servini de Cubría para a xustiza internacional e para as vítimas de delitos cometidos durante o franquismo en España?

Abre a protección do espazo xudicial do Convenio Americano de Dereitos Humanos ás vítimas republicanas cuxos crimes seguen impunes en España, despois de que entre 2008 e 2013 accións coordinadas desde o Estado español lles pechasenlles o espazo do Convenio Europeo de Dereitos Humanos. A querela inicial foi interposta en Buenos Aires un 14 de abril (de 2010), en homenaxe á achega que os xuristas republicanos fixeron á nación arxentina, entre eles o penalista profesor Jiménez de Asúa, un dos redactores da Constitución da República española de 1931.

De momento non hai unha orde de extradición senón un pedido de detención preventiva (no marco do procedemento de extradición previsto no tratado de extradicion e asistencia penal...).

As etapas subseguintes están normadas nos convenios bilaterais e multilaterais vixentes entre España e Arxentina, que vinculan a ambos os dous países.

"España está obrigada a respectar e aplicar o principio xurídico que di "ou os extraditas ou os xulgas", que busca evitar a impunidade"

Este procedemento necesita unha decisión política para activarse?

A decisión de solicitar a detención a efectos de extradición é xudicial, e foi tomada o 18 de setembro polo Xuíz Federal de Arxentina.

Aos catro imputados pola xuíza preténdeselles xulgar polo delito de torturas, tipificado no Código Penal arxentino, e que é delito tamén en España. Pero se España non cumpre coa extradición e non van declarar a Arxentina non se lles pode xulgar, verdade?

España está obrigada a respectar e aplicar o principio xurídico que di "ou os extraditas ou os xulgas", que busca evitar a impunidade.

"A decisión da xustiza arxentina é transcendente en si mesma e abre horizontes políticos e xudiciais inexplorados máis transcendentes aínda"

Os argumentos da denuncia baséanse no principio de xustiza universal e nos acordos aos que España está subscrita, coma o convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais. Un país pode incumprir deliberadamente con este pedido? Con que argumentos?

A decisión da xustiza arxentina é transcendente en si mesma e abre horizontes políticos e xudiciais inexplorados máis transcendentes aínda. Segundo como se desenvolvan os feitos, cabería a posibilidade de que, no seu momento, algún Estado da Comunidade Iberoamericana, no interese dos seus propios membros e da Humanidade, puidese demandarlle á Corte Internacional de Xustiza unha opinión consultiva sobre o incumprimento por España, hoxe, das súas obrigas segundo o Convenio sobre a prevención e sanción do xenocidio en relación coa destrución do grupo nacional republicano español. Esa sería unha decisión política soberana. Ou tamén que se inicien accións de compensación económica ante Tribunais de América contra empresas españolas, hoxe con investimentos en América, sucesoras das que se beneficiaron do traballo escravo de republicanos españois entre 1936 e os anos cincuenta. Esa é unha iniciativa que está en mans dos familiares herdeiros dos traballadores forzados. Existe unha xurisprudencia internacional respecto diso desde que Krupp, Farben e outras grandes empresas privadas foron xulgadas e sancionadas por explotar a traballadores forzados en Alemaña

"Cabería a posibilidade de que se inicien accións de compensación económica ante Tribunais de América contra empresas españolas, hoxe con investimentos en América, sucesoras das que se beneficiaron do traballo escravo de republicanos españois entre 1936 e os anos cincuenta"

A Lei de Amnistía é desmontada con argumentos xurídicos pola xuíz Servini de Cubría. O Goberno poderíase amparar nela?

A lei española de amnistía de 1977, se se interpreta e aplica conforme ao dereito internacional vinculante para España, non fai falla nin abrogala nin modificala. Non cobre os delitos de xenocidio nin de lesa humanidade prohibidos desde antes de 1936.

Por que cre que non prosperaron as denuncias presentadas por crimes franquistas nos tribunais españois desde 2006?

Por razóns coñecidas. Entre outras, porque foron resoltas en último extremo pola cúspide do Tribunal Supremo cando a maior parte dos integrantes que a formaban eran, e son hoxe, maxistrados que xuraron lealdade aos Principios do partido único fascista e ao Caudillo e que rexeitaron ser recusados cando se lles fixo presente este aparente conflito de intereses.

"A lei española de amnistía de 1977 non cobre os delitos de xenocidio nin de lesa humanidade prohibidos desde antes de 1936"

E tampouco no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos?

Sucesivas resolucións do TEDH en 2012-2013 negáronse a admitir a trámite denuncias de matanzas e crimes de lesa humanidade cometidos de maneira continuada contra españois entre 1936 e 1977. En contraste, o tribunal condenou a Rusia por negarse a investigar a matanza dos bosques de Katin en 1940. Non se pode perder de vista que entre 1936 e 1939 corpos do Exército profesional de Alemaña e Italia mataron miles de civís desarmados en Barcelona, Mallorca, Valencia, Guernica e moitos outros lugares de España.

Non atender este exhorto por parte do Goberno español en que lugar deixaría a España?

A tramitación da petición arxentina ofrécelle a España unha oportunidade para actualizarse e deixar de ser o único país de Europa que non investigou os crimes de lesa humanidade cometidos no Século XX.

 

Os seguintes na lista de posibles imputados son Martín Villa e o sogro de Gallardón, José Utrera Molina

A xuíza deberá resolver se imputa a Martín Vila polo asasinato de cinco obreiros en Vitoria en 1976, e a Utrera Molina, que asinou a condena á morte de Salvador Puig Antich

"É un triunfo parcial, si, pero tamén histórico". A avogada Marcela Messuti, unha das sete que impulsan a causa contra crimes do franquismo presentada en Arxentina, celebra así a decisión da xuíza María Servini de Cubría de imputar catro do nove acusados na querela e de pedir a súa detención internacional.

A xuíza deberá resolver se imputa a Martín Vila polo asasinato de cinco obreiros durante unha folga en Vitoria en 1976, e a Utrera Molina, que asinou a condena á morte de Salvador Puig Antich, executado con garrote vil en 1974. Fernando Suárez asinou a sentenza para matar os últimos asasinados polo franquismo en setembro de 1975: José Humberto Baena, José Luís Sánchez Bravo, Ramón García Sanz, Juan Paredes Manot, Txiki, e Anxo Otaegi. Os ex xuíces Jesús Cellas Mohedano e Rafael Gómez Chaparro integraron o consello de guerra.

Non está claro canto tardará Servini en resolver estas posibles imputacións. "A xuíza empezou polos que estaban acusados do mesmo delito, pero o auto resolutorio fai un repaso a toda a querela, dotándoa de entidade", explica a avogada. E advirte: "Isto comezou desde o máis recente, pero non imos esquecernos dos demais, porque esta causa inclúe máis de 170 denuncias: nenos roubados, represaliados... vítimas dun xenocidio", resumiu.

Esta "viaxe de ida e volta da Xustiza" representa "un futuro esperanzador para un país que non contaba con iso"

Para Bonifacio Sánchez, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, esta "viaxe de ida e volta da Xustiza" -España xulgou a represores arxentinos tamén polo concepto de xurisdición universal- representa "un futuro esperanzador para un país que non contaba con iso".

Joan Garcés © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.