Espazo Ecosocialista presenta 50 propostas para a 'radicalidade democrática'

Xuntanza do Consello Político Nacional do Espazo Ecosocialista © Espazo Ecosocialista

Espazo Ecosocialista vén de presenta un informe con 50 propostas para "democratizar a democracia" e superar o modelo actual. As propostas fan énfase na radicalidade democrática, republicanismo, transparencia, sustentabilidade, xustiza social, cultura de paz e plurinacionalidade e teñen a súa base nas propostas da Iniciativa BenComún sobre Radicalidade Democrática de xuño do 2011. Agora terán a súa plasmación en diversas iniciativas que a formacion levará ao Parlamento Galego por medio do Grupo de AGE. Tamén se dirixirá ás forzas políticas de AGE e aos partidos membros de Espazo Plural (ICV, Chunta, IPV-Compromis, Iniciativa Vers, Primavera Andaluza) para constituír "unha fronte ampla nacional e democrática".

O informe inclúe propostas para o cambio da lexislación electoral e de financiamento de partidos. Tamén pide a eliminación de estruturas pre-democráticas como as deputacións, delegacións e subdelegacións do goberno, a abolición da monarquía e a posible asunción da xefatura do estado polo presidente do goberno ou a reordenación plurinacional do estado. Demanda igualmente a preservación da independencia dos tres poderes de xeito que, as persoas que compoñen os órganos lexislativo e executivo non tomen parte na designación e nomeamento de membros do poder xudicial. O informe tamén conta cun apartado sobre participación municipal onde se aposta pola coxestión, con propostas para unha maior participación,  transparencia e a eficacia. Entre outras propostas concretas están a supresión dos privilexios dos cargos electos en emolumentos, exencións fiscais, ou na percepción de remuneracións e tamén a posibilidade de que existan mecanismos de revogación do mandato dos cargos electos por parte do corpo electoral que procedeu á súa escolla.

Espazo Ecosocialista cre que corresponde á sociedade civil "xogar un papel central para que o necesario cambio non se vexa secuestrado unha vez máis pola dinámica imposta desde as elites políticas", e neste senso amosa o seu apoio ás mobilizacións do 23-F e cre que a Alianza Social Galega pode ser un instrumento útil para coordinar e globalizar as múltiples demandas cidadás.

Xuntanza do Consello Político Nacional do Espazo Ecosocialista © Espazo Ecosocialista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.