Espazo Ecosocialista propón unha "alianza ampla" para un novo proceso constituínte

Asemblea constituínte do Espazo Ecosocialista © Praza Pública

Espazo Ecosocialista ten previsto dirixirse nas vindeiras semanas a outras forzas políticas e sociais para propoñer a necesidade "dunha alianza democrática ampla". A formación considera que os últimos casos de corrupción que afectan ao PP, PSOE, CiU e á Casa Real "veñen amosar unha crise institucional sen precedentes que non se resolve única e exclusivamente con unhas cantas dimisións ou cunhas cantas xustificacións" e revelan que asistimos a un esgotamento do modelo saído da transición. Ademais cre que a crise económica e política está a "acentuar a desafección da cidadanía e a desconfianza cara a unha elites que levan manexando un  modelo limitado de democracia saído da transición".

A formación cre necesario un novo proceso constituínte "sen tutelas" que se debe vertebrar sobre os principios de "radicalidade democrática, republicanismo, transparencia, sustentabilidade, xustiza social, cultura de paz e plurinacionalidade"

Para Espazo Ecosocialista a situación actual esixe da dimisión do actual goberno e a convocatoria dunhas eleccións e failles un chamamento ás forzas políticas alleas ás elites dominantes para converxer nunha alianza democrática ampla cun programa de cambio "que permita construír unha alternativa á dereita política e aos oligopolios". A formación cre necesario un novo proceso constituínte "sen tutelas" que se debe vertebrar sobre os principios de "radicalidade democrática, republicanismo, transparencia, sustentabilidade, xustiza social, cultura de paz e plurinacionalidade".

Espazo Ecosocialista está a traballar ademais nun informe sobre radicalidade democrática que converterá en mocións nos concellos e levará ao parlamento galego a traves do grupo parlamentar de AGE. A formación cre que lle corresponde á sociedade civil xogar un papel central "para que o necesario cambio non se vexa secuestrado unha vez máis pola dinámica imposta desde as elites políticas". Neste senso amosa o seu apoio ás mobilizacións do 23-F contra o golpe de estado financeiro e cre que a Alianza Social Galega pode ser un instrumento útil para coordinar e globalizar as múltiples demandas cidadás.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.