Esquerda Unida alerta do desmantelamento do servizo público de tren

Rafael González Escudero, Yolanda Díaz e César Santiso CC-BY-SA Praza Pública

Esquerda Unida mobilizarase en apoio do servizo público de transporte por ferrocarril e do mantemento e mellora das liñas de proximidade en Galicia. Para iso apoiará as accións do Sindicato Ferroviario Intersindical Estatal, que leva varias semanas de mobilizacións (entre elas unha folga o pasado 3 de agosto) e que prepara unha folga para o vindeiro 17 de setembro.

O sindicato, a través do seu secretario xeral Rafael González Escudero, denunciou na Coruña os plans do Goberno de Mariano Rajoy de liberalización do transporte ferroviario para xullo de 2013, e de segregación de Renfe e Adif en catro empresas encamiñados a unha "privatización e desmantelamento do sector público ferroviario".

Gonzalez Escudero alertou de que o proxecto do Goberno persegue poñer "en mans privadas" un patrimonio, como é a rede de ferrocarrís, "que é de toda a cidadanía"

Gonzalez Escudero, que estivo acompañado dos responsables sindicais de Coruña, Pontevedra e Feve-Galicia, alertou de que o proxecto do Goberno central persegue poñer "en mans privadas" un patrimonio, como é a rede de ferrocarrís, "que é de toda a cidadanía". Gonzalez Escudero considera que "non hai razóns para cambiar de modelo ferroviario" e afirmou, por exemplo, que se os cartos gastados na construción do tren de alta velocidade se investiran na mellora da actuais liñas galegas, na súa electrificación e no sistema de bloqueo automático, "a alta velocidade non seria necesaria pois Galicia xa contaría cunha rede de trens de proximidade rápida e útil".

En relación coa desaparición de Feve, que ameaza o futuro do tren no norte de Galicia, Gonzalez Escudero afirmou que os sindicatos sempre apostaron pola súa integración en Renfe, pero denunciou que agora a integración vai supoñer, como no resto de Renfe, "a súa segregación en catro empresas para a súa venda". Avogou polo mantemento das liñas e o incremento das frecuencias, o mesmo que entre Ferrol e A Coruña e entre A Coruña e Lugo.

Yolanda Díaz: "algo terá que dicir Feijoo sobre isto"

Pola súa banda, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, despois de poñer en relación as medidas que prepara o Goberno central con "experiencias históricas nefastas", coma as privatizacións levadas a cabo por Thatcher en Gran Bretaña, sinalou que "os servizos públicos non teñen por que ser rendibles", senón que teñen que asegurar o servizo á poboación. Díaz acusou á Xunta de estar "desaparecida" e cominou a Alberto Núñez Feijoo a pronunciarse sobre o futuro do tren en Galicia: "algo terá que dicir Feijoo sobre isto". Esquerda Unida maniféstase "preocupada" polo mantemento das actuais liñas en funcionamento no país, despois de que o pasado mes de xuño o Goberno "non garantise a súa continuidade" ante unha pregunta parlamentaria de Izquierda Plural.

Imaxe das mobilizacións do pasado 3 de agosto en Vigo © Sindicato Ferroviario Intersindical

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.