Esquerda Unida pide o apoio dos votantes desencantados do PSOE

Dominio Público Praza Pública

Esquerda Unida di ter recibido unha negativa dos socialistas á proposta de conformar unha fronte ampla esquerdas e afirma que “sabíamos que era difícil un cambio de actitude mais non quixemos renunciar a que rectificasen a súa deriva neoliberal". En consecuencia, Esquerda Unida chama a todos os simpatizantes do PSOE desencantados coas súas políticas a participaren na Syriza galega, pois segundo a coalición de esquerdas "vivimos tempos excepcionais que requiren actuacións excepcionais nos que a esquerda, máis que nunca, debe actuar conxuntamente para que rematen os ataques contra os traballadores e traballadoras e os recortes de dereitos contra a maioría social, porque está en xogo o modelo de sociedade, os dereitos sociais e ate a propia democracia".

EU di que “sabíamos que era difícil un cambio de actitude mais non quixemos renunciar a que rectificasen a súa deriva neoliberal"

A executiva nacional de EU considera que a negativa do PSdeG a formar unha fronte ampla de esquerdas contra o PP demostra "o seu nulo interese por transformar a situación actual de sufrimento que viven as familias traballadoras". Esquerda Unida di que a oferta ao PSOE inscribiuse nunha forma de actuar sen "apriorismos", e cun diálogo aberto "a todas as organizacións de esquerdas que pulen por rachar coa situación de inxustiza social e insustentabilidade medioambiental na que vivimos".

Esquerda Unida mantén en calquera caso o seu ofrecemento de diálogo "sempre que estean dispostos a rectificar a súa errática política" e afirma que deben ser os socialistas "os que decidan se queren formar parte da Syriza galega ou prefiren conformar o bloque sistémico co PP, ao estilo do PASOK".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.