Esquerda Unida pide un pacto para a rexeneración da democracia

Comitiva de Esquerda Unida CC-BY-SA Merixo

“Contra a corrupción, democracia participativa”. Así se podería resumir a posición da Executiva Nacional de Esquerda Unida, que vén de pedir un pacto para a rexeneración da democracia, un pacto subscrito por partidos políticos e organizacións sociais para garantir a transparencia, a participación e a pluralidade nas decisións que se adopten na actividade pública. A formación reclama que se dote á cidadanía "dunha maior participación e control sobre os cargos públicos" e considera que "as políticas neoliberais que percorren Europa son a razón estrutural, as responsables últimas, da maior parte dos casos de corrupción que están a afectar á sociedade".

EU cre que "as políticas neoliberais son a razón estrutural da maior parte dos casos de corrupción que están a afectar á sociedade"

Esquerda Unida afirma "que outro xeito de facer política é posible". Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU, di que “é necesaria a elaboración dun Código Ético específico que inclúa a loita efectiva contra a corrupción, que regule estritamente as incompatibilidades e penalice coa expropiación os bens adquiridos mediante prácticas corruptas”. Díaz salientou que "a participación da cidadanía nun réxime político de democracia avanzada" é "a mellor vacina contra esa lacra que hoxendía bandeira o PP pero que se estende aos partidos do réxime restauracionista".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.