Está o Goberno dificultando o voto dende o exterior?

Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo

O 25 de abril remata o prazo para que todas aquelas persoas que residan neste momento no estranxeiro e queiran votar dende alí nas eleccións municipais do 24 de maio se inscriban no censo de residentes temporais (ERTA). Trátase dun rexistro distinto ao Censo de Residentes Ausentes (CERA) e está pensado para quen non fixou a súa residencia fóra de España de forma permanente. Ademais, mentres os censados no CERA non poden votar nas eleccións municipais, os que figuran no ERTA si poden facelo.

Porén, a Marea Granate, colectivo que agrupa emigrantes españois, novos na súa maioría, vén de denunciar que o Goberno está "dificultando" o dereito ao voto dende o exterior, impedindo ou obstaculizando estas inscripcións, a través de informacións erróneas proporcionadas por consulados de todo o mundo. Nalgúns casos, denuncia o colectivo, están indicando que o prazo de inscrición xa rematou, cando non é certo, ou denegan estas inscricións baseándose en supostas limitacións legais que non figuran na LOREG nin no Real Decreto 1621/2007 que regula o procedemento de votación para os residentes temporais.

Algúns consulados están indicando que o prazo de inscrición xa rematou, cando non é certo, ou denegan estas inscricións baseándose en supostas limitacións legais inexistentes

De feito, na propia páxina que o Ministerio de Asuntos Exteriores dedica a informar sobre a maneira en que se pode exercer o voto dende o estranxeiro especifícase que para a inscrición no ERTA só se require que "o elector acuda persoalmente á Oficina Consular de carreira máis cercana, non máis tarde do 25 de abril".

Entre as denuncias que chegaron á Marea Granate hai casos, coma o do consulado de Londres, que indicou a unha muller que debía presentar unha declaración xurada na que afirmase que non levaba máis de dous meses no país, pois de exceder ese tempo estaba supostamente obrigada a inscribirse no CERA e non no ERTA, perdendo polo tanto o seu dereito ao voto nas municipais. De igual xeito, denuncian, os consulados en Alemaña están denegando “de forma sistemática” a reinscripción como residente temporal a todas as persoas que estiveran rexistradas nese consulado anteriormente. O mesmo lle sucedeu a outro residente en Londres, que se rexistrara hai anos no ERTA durante apenas uns días, por ter perdido o DNI. Dende a Marea Granate explican que nin a lei nin o decreto "establecen unha limitación temporal á inscripción, nin se prohíbe expresamente que unha persoa poida volver inscribirse nesa modalidade máis dunha vez".

“Parece intolerable que dende as institucións se estean realizando prácticas de dubidosa legalidade que complican aínda máis o noso xa difícil exercicio do voto. Esiximos unha flexibilización dos trámites burocráticos”

Noutras ocasións xorden outros problemas, como sucede en Irlanda, onde só se pode realizar o rexistro de matrícula consular e solicitar o voto na oficina da embaixada, en Dublín, mentres que os viceconsulados honorarios, en Castletownbere, Waterford, Galway, Sligo, Limerick ou Cork, non están autorizados para estas funcións. “Parece intolerable que dende as institucións se estean realizando prácticas de dubidosa legalidade que complican aínda máis o noso xa difícil exercicio do voto e esiximos unha flexibilización dos trámites burocráticos para garantir o dereito ao sufraxio dende o estranxeiro”, engaden dende a Marea Granate.

A Marea Granate ten publicado unha información útil para as persoas interesadas, e tamén mapas coa localización dos consulados en Europa e noutros continentes. Entre as recomendacións prácticas que ofrecen está a de buscar información sobre a existencia de consulados honorarios máis próximos, no caso daqueles lugares que non contan cun consulado ou embaixada. O colectivo difundiu tamén un manual indicando, paso a paso, como rogar o voto por Internet. Porén, parte destas previsións e consellos, elaborados a partir das disposicións presentes na lei, están quedado moi limitadas polos incumprimentos realizados polo Estado, ou polas cicateiras e cuestionables interpretacións da norma realizadas polos consulados e embaixadas. Xa nas pasadas eleccións andaluzas, o colectivo denunciou esta situación, indicando as posibles vías de reclamación.

 

Como votar se resides no estranxeiro

O rogo (ou solicitude) do voto pode realizarse ata o 25 abril

O primeiro paso sería a inscrición no censo de residentes temporais (ERTA), para facer despois o rogo do voto. O rogo (ou solicitude) do voto pode realizarse dende a convocatoria de eleccións (publicouse o pasado 31 de marzo) ata 25 días despois desa data, polo tanto ata o 25 abril. No ERTA, o rogo do voto debe facerse de forma presencial, nas embaixadas e consulados. Recoméndase (sobre todo ás persoas que non teñan un consulado preto) realizar de forma conxunta a inscripción no censo de residentes temporais e o rogo de voto ao mesmo tempo, para aforrar unha viaxe.

Unha vez realizada a inscrición no censo e o rogo do voto, o resto do proceso é exacto ao do voto por correo dende calquera punto do interior do Estado

Unha vez realizados eses dous primeiros trámites, que en principio deberían ser automáticos, sen limitacións ligadas ao tempo que unha persoa leva residindo nese país ou outras cuestións, o resto do proceso é exacto ao do voto por correo dende calquera punto do interior do Estado. Cada persoa recibirá no seu domicilio as papeletas e os sobres, acompañados das instrucións para exercer o voto "non máis tarde do día 4 de maio ou do 12 de maio se se producise impugnación de candidatos". O voto realízase por correo certificado, remitíndoo á mesa electoral "ata o día 20 de maio (inclusive)". Será indispensable para a validez do voto "que conste claramente no sobre dirixido á Mesa electoral o selo dunha oficina de correos del Estado correspondente que acredite que se remitiu dentro do prazo previsto".

Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.