EU chama a construír nas eleccións europeas "un contrapoder á troika"

Rubén Pérez, Yolanda Díaz e Manuel Monereo CC-BY-SA Praza Pública

Esquerda Unida organiza este sábado en Compostela unha Conferencia sobre o modelo de Europa e que precederá ao encontro que con obxectivos semellantes manterá a nivel federal a vindeira semana en Madrid. Yolanda Díaz e Rubén Pérez, secretario de Organización de EU, presentaron este venres o evento acompañados de Manuel Monereo, membro do Consello Político Federal de Izquierda Unida. Os tres salientaron a importancia da eleccións ao Parlamento europeo que se celebrarán o vindeiro mes de maio -"non son unhas eleccións de segunda", destacou Monereo- e chamaron a convertelas "nun elemento de empoderamento da cidadanía" e a "dende o sur" construír "un contrapoder á troika".

"O cambio ten que nacer dende abaixo e dende os países do sur agredidos"

"O cambio ten que nacer dende abaixo e dende os países do sur agredidos", sinalou Monereo, que engadiu que encontros coma os que a coalición celebrará estes días debe servir para definir "o modelo de construción europea que queremos, unha Europa dende abaixo e para os de abaixo" e que será este modelo compartido o que despois servirá para establecer candidaturas conxuntas e frontes. O obxetivo é conformar unha "ampla fronte en defensa da maiorias sociais" que sirva "de antesala para unha derrota do PP e o desaloxo de Rajoy da Moncloa". Monereo afirmou que "a única posibilidade de que a esquerda europea perda pasa por ir desunidos".

Monereo afirmou que "a única posibilidade de que a esquerda europea perda pasa por ir desunidos"

Yolanda Díaz afirmou que a base desta fronte debe ser "un programa compartido" e sinalou que a alianza non debe atinxir unicamente a partidos senón que debe ser tamén un acordo cos movementos sociais. Díaz revelou que nas vindeiras semanas iniciarán contactos con entidades sociais sindicatos e movementos para comezar a trazar as liñas desa fronte común para as europeas. Monereo destacou a este respecto que no conxunto do Estado estase observando a actividade de Esquerda Unida como "un laboratorio avazado" en canto ás posibilidades de establecer acordos amplos, en referencia a AGE. Monereo sinalou que neste proceso de converxencia "IU ten unha gran responsabilidade de crear as condicións para facelo posible" e destacou que debe ser "xenerosa" sabendo "dar pasos atrás cando sexa necesario" e sendo "respectuosa coa realidade plurinacional do Estado".

Sobre o modelo europeo que defende IU Monereo destacou que é "tempo de abrir o debate sobre o euro e sobre a UE": "xa non estamos nesa imaxe edulcorada da construción europea e as experiencias de Grecia, Portugal ou España están revelando que do soño europeo ao pesadelo europeo hai só un paso". Destacou que a realidade lle acabou dando a razón á formación na súa critica ao proceso europeo e citou a Yourcenar para sinalar o terrible de "acertar antes de tempo".

Rubén Pérez, Yolanda Díaz e Manuel Monereo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.