EU comprométese a "combater" xunto aos sindicatos na folga xeral

Comparecencia conxunta de EU e CCOO CC-BY-SA CCOO Galicia

Era a súa primeira comparecencia pública tras as eleccións e quixérona convertir nun símbolo do que farán nas institucións autonómicas. Esquerda Unida acudiu este luns á sede de CCOO en Galicia para amosar, coa súa coordinadora nacional á fronte, o seu apoio á folga xeral do 14 de novembro, xornada de protesta na que, anuncia Yolanda Díaz, a formación vai "combater" na rúa a carón das centrais sindicais e, nomeadamente, do seu "sindicato irmán". A deputada electa por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) lembra que a coalición encabezada por Xosé Manuel Beiras centrou o seu discurso electoral "na loita contra a troika" representada en Galicia polo PP e por iso, di, a súa primeira aposta tras os comicios é lograr que a folga "sexa un éxito".

O "apoio expreso" de EU aos sindicatos chega nun momento no que os conservadores procuran, "non por casualidade", o "desmantelamento dos sindicatos de clase", parello ao propio "desmantelamento do Estado de Benestar" que, augura, irá parello "ao novo rescate á banca" do que "estamos en vésperas". Fronte ás chamadas do PP ao consenso parlamentario a "man tendida" de Esquerda Unida, di Díaz, diríxese ás persoas que secunden a folga e, a través de AGE, "aproveitaremos para dicirlle" a Alberto Núñez Feijóo que "cumpra" con promesas como mudar recortes por crecemento e comezar a crear emprego. "Senón, ímolo combater", advirte.

"Coa troika ningunha complicidade, toda a dureza", retrúcalle Díaz a Feijóo

Nesta liña, Díaz retruca ás apelacións de Feijóo a tender pontes no canto de procurar a confrontación. "Coa troika, ningunha complicidade, toda a dureza", resume a futura deputada, quen non ve vías posibles de entendemento co "responsable máximo do endebedamento" de Galicia. "Tildoume de antidemocrática", subliña a líder de EU, se ben na súa opinión non hai "ninguén máis antidemocrático que quen condena á fame" a unha parte substancial da poboación. "Non vou mudar e adianto que esta vai ser a senda" no momento en que os deputados e deputadas de AGE tomen posesión: "o combate ideolóxico".

"Somos molestos"

Tamén o secretario xeral de CCOO en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, ve especialmente relevante a convocatoria de folga xeral ante os "intentos" de "recortar a capacidade" e "desnaturalizar o papel" dos sindicatos, tanto no contexto xeral do Estado como en Galicia. "Véndense como privilexios o que son dereitos conquistados" e por iso, di, dende a Xunta e o Goberno central se aplican, por exemplo, "recortes aos dereitos sindicais" ou á capacidade destas organizacións para representar os empregados e empregadas públicos. "Queren poñer como exemplo o ámbito público" para despois trasladar as restricións ao privado", augura, e todo isto porque "somos molestos", en tanto que os sindicatos representan o "último muro de contención contra esta política bárbara". 

Pero, malia todo, Sánchez Aguión non só se amosa convencido do éxito da folga xeral, senón tamén na capacidade de resistencia dos propios sindicatos: "pasamos épocas máis duras e non foron capaces" de eliminar os sindicatos, subliña. Ante esta "deriva antidemocrática" en opinión do líder de CCOO cómpre ver a participación nas mobilizacións e, nomeadamente, na folga xeral como un "investimento no futuro"

Comparecencia conxunta de EU e CCOO CC-BY-SA CCOO Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.