EU denuncia unha "pinza" de PP e PSOE na Coruña "para protexer os culpables dos pelotazos urbanísticos"

Construción de edificios en Someso © corunopolis.com

Esquerda Unida-Os Verdes denuncian que no pleno do pasado luns "constatouse unha vez máis a pinza do PPSOE" na Coruña "para protexer os culpables dos pelotazos urbanísticos que durante décadas erosionaron as arcas municipais e, xa que logo, os petos de todos os coruñeses e coruñesas". O voceiro municipal da coalición, César Santiso, considera "lamentable" que as dúas formacións evitaran "tan sequera" debater que o Concello se persoase como acusación particular nas dilixencias penais abertas polo xulgado contra Francisco Vázquez.

César Santiso considera "lamentable" que as dúas formacións evitaran "tan sequera" debater que o Concello se persoase como acusación particular nas dilixencias penais abertas polo xulgado contra Francisco Vázquez

Esquerda Unida considera que o PP "non só defende a Paco Vázquez" senón que "tamén o fai cos promotores beneficiados do pelotazo urbanístico, demostrando que PP e PSOE teñen intereses comúns relacionados coa casta de poderosos que durante décadas camparon a súas anchas na nosa cidade". A formación afirma que "non se pode explicar doutra maneira que non se esgoten todas as vías xurídicas para depurar responsabilidades e recuperar o patrimonio perdido", cando conta "cun informe técnico que desenmascara a inexplicable sucesión de eivas que provocaron unha perda patrimonial de 19,2 millóns".

EU salienta que o caso supera os 32 millóns de euros, o que representa máis do 12% do orzamento municipal "que podería destinarse a servizos sociais"

César Santiso di que “hai que ter cara dura para argumentar a inacción e desdén na defensa dos intereses dos coruñeses, afirmando que o goberno municipal non actúa en base a obsesións dalgún grupo político”, cando "o único que se pretende" é "achegar luz e dirimir responsabilidades dun caso que supera os 32 millóns de euros", o que representa máis do 12% do orzamento municipal "que podería destinarse a servizos sociais para asegurar as condicións básicas de vida de todos os coruñeses e coruñesas e para loitar contra a lacra do desemprego, mediante a promoción da reactivación da economía produtiva".

 

Construción de edificios en Someso © corunopolis.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.