EU-Os Verdes confirma a Yolanda Díaz como candidata á Xunta

Yolanda Díaz, líder de Esquerda Unida CC-BY M. Pereira

O Consello Nacional de Esquerda Unida (EU) vén de confirmar como candidata da formación para as vindeiras eleccións autonómicas a Yolanda Díaz. Reunido en Compostela o pasado sábado, a xuntanza confirmou tamén "a alianza política de EU e Os Verdes para constituír un referente político alternativo para esa cidadanía crítica que arela o desenvolvemento doutra política".

EU-Os Verdes márcase como obxectivo entrar dunha vez no Parlamento galego tras anos de ausencia

Segundo un comunicado de prensa da formación,  a actual concelleira en Ferrol foi proclamada de xeito unánime como primeira candidata á presidencia da Xunta de Galicia. Yolanda Díaz confirmou  tamén a determinación de EU-Os Verdes para "contribuír á derrota do PP e das políticas de recortes, mediante un traballo arreo que encha o país de propostas distintas e radicais e cunha presenza no Parlamento dunha voz nova e pegada os problemas da xente". O obxectivo da coalición de esquerdas non é outro que entrar poro fin na Cámara galega, logo de varios anos sen presenza malia o crecente apoio da formación nas últimas citas electorais en Galicia.

Yolanda Díaz confía en "erguer unha alianza política e social que poña fin aos recortes, ao paro, á resignación e ao medo social"

“Loita, participación e unidade", reclamou Yolanda Díaz, que confía en "erguer unha alianza política e social  que poña fin os recortes, o paro, a resignación e o medo social". "Sen participación non haberá posibilidade de cambiar este país", asegurou a avogada ferrolá, que animou a xente nova a participar nas loitas e mobilizacións que veñen, "porque nesas rúas está a agromar a derrota do PP, e das políticas de dereitas".

"Honradez na acción pública,  fin dos recortes, protagonismo do sector público e da economía social para crear emprego estable e con dereitos, progresiva transformación dos modos de vida, produción e consumo cara a un decrecemento sustentable e ampliación do autogoberno nacional no marco dunha República Federal". Eses foron os principais fundamentais da alianza política de EU-Os Verdes, segundo asegura a nota de prensa da formación.

Yolanda Díaz, líder de Esquerda Unida CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.