Nin rastro de suborno. A Unidade de Blanqueo de Capitais da Coruña remitiulle ao xulgado de Lugo que instrúe o caso Campeón un informe pormenorizado sobre o patrimonio persoal do ex conselleiro de Industria, Fernando Blanco, do que non se desprende proba ningunha para acreditar que o tamén ex deputado do BNG recibise cartos do presunto líder da trama, o empresario Jorge Dorribo. Son precisamente as declaracións de Dorribo ante a xuíza Estela San José, segundo as cales lle entregara 200.000 euros ao nacionalista a cambio dun suposto trato de favor na Xunta, as que sustentan a imputación de Blanco, cuxos avogados volven reiterar a necesidade de que a causa sexa "arquivada" ao quedar "claro" que ese pagamento non existiu, din.
Nomeadamente, o informe explica que o patrimonio de Fernando Blanco ascende a pouco máis de 73.000 euros, a práctica totalidade en réxime de bens gananciais, como el mesmo detallara nunha comparecencia ante os medios. Do mesmo xeito, sinala que as súas únicas propiedades son unhas viñas na Pobra do Brollón, cun valor duns 8.000 euros, e un vehículo da marca Opel adquirido en 2009 -do que o ex conselleiro amosou publicamente a documentación acreditativa da compra-. Non aparece, polo tanto, o vehículo que segundo Dorribo recibiu o nacionalista como agasallo e tampouco figuran participacións ningunhas na compañía Tramipharma, na que segundo o presunto líder da trama Blanco quixo participar como socio.
Cunha actividade financeira duns 10.000 euros e uns ingresos salariais -do Parlamento e de Telefónica- de 58.918 ao longo de 2011, o avogado Xoán Antón Pérez Lema, que representa a Blanco, considerou probado de novo que o antigo titular de Industia "non recibiu cartos" de Dorribo. "Non hai indicios" para manter a imputación, explica, e dado que esta "non se pode prolongar indefinidamente" só polo testemuño dun imputado -a quen a lei lle permite mentir en defensa propia- que, ademais, incorreu en diversas contradicións no seu relato. Por este motivo, a comezos da semana que vén os letrados de Fernando Blanco reclamarán formalmente ante o xulgado o arquivo da causa.