Feijóo activa o ventilador na Pokémon

Feijóo, nun intre do pleno © Ana Varela

O pasado 11 de abril Alberto Núñez Feijóo pasaba polo seu peor momento político como presidente da Xunta. O diario El País publicara as fotografías nas que aparecía compartindo paseo estival con Marcial Dorado en 1995 e a oposición e a prensa instábano a aclarar se o Goberno galego realizara contratos con empresas do narcotraficante. Neste contexto, Feijóo tentaba trasladar o incómodo foco cara a PSdeG e BNG, afirmando que "onde maiores axudas e subvencións" recibiron estas compañías foi "no período 2005-2009", durante o bipartito. Naquela primeira explicación o presidente obviaba que se trataba dunhas axudas de emerxencia tras unhas inundacións e que o irregular sería non concedelas, pero activaba o ventilador dialéctico nun asunto tan espiñento: este mércores aconteceu algo semellante coa operación Pokémon como argumento central.

Na primeira sesión de control do período de sesións a Feijóo formulábanselle preguntas sobre "nepotismo" e "corrupción". O voceiro do BNG, Francisco Jorquera, comezou a súa intervención citando o primeiro discurso de investidura do actual presidente, en abril de 2009. Naquela intervención Feijóo comprometérase a desterrar o "partidismo" e o "enchufismo" da vida pública e o nacionalista pregúntase se foroma parte daquel compromiso "non facer nada ante os numerosos casos de corrupción" ou non "esixir o cesamento do concelleiro de Deportes de Santiago por pedirlle a Vendex que despedise unha traballadora por cometer o delito de estar casada cun sindicalista da CIG". A inacción presidencial retrata, para Jorquera, a "ética" do titular da Xunta.

A inacción ante as revelacións da Pokémon retrata, para Jorquera, a "ética" do titular da Xunta

"Fago miñas as miñas palabras, todas e cada unha delas", evidenciou Feijóo, quen alén de reiterar que vai "actuar" cando coñeza as "claves" do caso, se centrou en que onde o Bloque "gobernou moitos anos co PSOE", como en Santiago, "contrataban" coas "empresas que utilizaban prácticas presuntamente delitivas". "O seu bipartito contratara 6 millóns con Véndex" e o PP "114.000 euros" e con Aquagest "vostedes 15 millóns e o PP, cero", afirma, obviando algunhas das relacións con estas compañías que figuran no sumario. Feijóo bota man tamén de contratos do período do bipartito da Coruña e retorna por enésima vez ao da Xunta, neste caso para recompilar protestas sindicais contra as consellerías que xestionaba o Blouqe. "Están en condicións de darlle lección a alguén?", cuestionou.

Apoio á conselleira de Sanidade

A actitude irada de Feijóo, lonxe de acougar, foi en aumento ao abordar o ascenso do marido da conselleira de Sanidade no hospital de Santiago, que o TSXG vén de anular por detectar enchufismo nel. Como Jorquera, tamén o socialista José Luis Méndez Romeu lle reclama saldar este "escandaloso caso de nepotismo" coa saída de Rocío Mosquera do Consello da Xunta. "Fágase un favor aceptando a petición de dimisión que lle presentou a conselleira". A estas reclamacións Feijóo respondeu con apoio a Mosquera e ataque á oposición, especialmente cando quen o cuestionou ao respecto foi Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE.

Romeu insta o presidente a "aceptar a dimisión" da conselleira e Díaz esixe que a "remova" do seu cargo

Díaz ve claro o caso de "nepotismo" e enmárcao no "escarnio e saqueo da sanidade pública", con abondosas "privatizacións". "Pedímoslle que remova a conselleira de Sanidade", insistiu a parlamentaria, convencida de que o cónxuxe de Mosquera "chegou a esa praza por ser marido" dela, a non ser que o presidente explique que Mosquera segue "o modelo infanta de Borbón e non sabía nada". Pero para Feijóo non hai motivos para dimisións e si para unha desculpa, a que o seu xuízo lle debe Yolanda Díaz aos membros do tribunal cuestionado. "Non hai trampa nin cartón nin teorías conspiratorias". Para o xefe do Executivo, o que está a "pedir" Díaz é que "tome partido por un dos candidatos" cos que competía o marido da conselleira. "Cal é o seu?", cuestionou.

"Respecte os médicos e lea a sentenza", insistiu Feijóo, especialmente alterado despois de que a vicevoceira de AGE suxerise ligazóns entre empresas concesionarias de servizos sanitarios co actual presidente do Consello de Estado e mentor político do presidente, José Manuel Romay Beccaría. "En relación con esas persoas vostede case non pode balbucear", atacou o líder da dereita. "Pero, qué broma e esta?", pregúntase ante as críticas polas "privatizacións". "Non lle interesa para nada a verdade nin a sanidade pública", "as súas mentiras teñen 132 metros de eslora, os do flotel de Ferrol", concluíu entre aplausos da bancada popular.

Romeu, Díaz e Jorquera formulan as preguntas CC-BY-SA Praza Pública
Mosquera, seguindo o debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.