"Aqueles que utilicen o nome de calquera político en van, incluído o do presidente da Xunta, terán que enfrontarse a ese tipo de procesos nos que están incursos". Visiblemente molesto, Alberto Núñez Feijóo respostou deste xeito ao ser cuestionado este xoves en torno ao encontro que, segundo figura no sumario da Operación Campeón e tal e como el mesmo recoñeceu no Parlamento, mantivo co empresario Jorge Dorrubo, suposto líder da trama de presuntos delitos de fraude de subvencións, branqueo de capitais e tráfico de influencias.
Despois de que o diario El País dese conta das gravacións de conversas telefónicas nas que Dorribo afirmaba, en conversa co ex deputado Pablo Cobián, que Feijóo "lle ía mover as axudas do Igape", o xefe do Goberno galego remarca que "todos nos coñecemos e todos sabemos o que fixemos". "Hai un Goberno autonómico e o partido que o sustenta que tomou decisións claras" mesmo "antes de coñecer un sumario" que "non revela grandes cousas".
"Hai personaxes que están metidos neste sumario, parece que con eles non vai nada e os seus partidos dan leccións"
A xuízo do presidente, a quen lle corresponde "dar explicacións" é "a quen non ten tomado ningunha decisión contundente" pola súa presunta implicación no caso, en referencia ao ex ministro José Blanco e ao PSOE. "Nós non facemos unha diferenciación entre os políticos dun partido e os doutro" e por iso "os políticos do PP que tiveron unha relación eticamente reprochable xa non están nas institucións nin nos seus cargos", sinalou ao ser preguntado pola posibilidade de novos cesamentos na Xunta a raíz das novas revelacións do caso. Do mesmo xeito, explica que "vin no sumario que este señor [Dorribo] di que eu chamei por teléfono". "Na miña vida chamei eu a este señor", explica, para a continuación remarcar que "o que queira utilizar o nome de políticos honestos ao final vai acabar nun proceso como no que xa está". "Paga a pena facer diferenciacións entre o que di un señor e os feitos probados doutros personaxes que si están metidos neste sumario e parece con eles non vai nada, e os seus partidos se atreven a dar leccións".