Feijóo apoia en Bildu a súa resistencia a explicar a presunta corrupción no PP

Feijóo, con Rueda nun intre do pleno © Conchi Paz

Resistencia. Tras catro solicitudes de comparecencia e outros tantos vetos por parte do PP o presidente da Xunta viuse este mércores novamente forzado a responder a unha pregunta sobre os casos de presunta corrupción que lle afectan ao seu partido. Desta volta foi o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, quen lle pediu saber "que vai facer vostede para perseguir a corrupción", alén das "palabras". Como hai dúas semanas, Alberto Núñez Feijóo apostou por recoller as preguntas e lanzalas de volta cara á bancada opositora sen que mediase resposta previa. Desta volta fíxoo cun convidado adicional: Bildu, a coalición que actualmente agrupa en Euskadi a boa parte da esquerda abertzale.

O voceiro nacionalista "confesou", retranqueiramente, que tivo a "tentación" de emular o xornalista deportivo que lle formulou "a pregunta total" ao ex adestrador do Deportivo da Coruña. "Feijóo, que?", ironizou Jorquera, quen lamenta que as actuacións do presidente nestes casos se limiten aos "titulares", "frases moi bonitas para protexer a súa imaxe, obsesionado como está para promocionarse como posíbel sucesor de Rajoy". Pero a Audiencia Nacional, "baseándose nun informe policial, vén de vencellar a contabilidade de Bárcenas coa trama Gürtel", co PPdeG como "peza central". Feijóo, di, debe explicar "o presunto financiamento ilegal dos actos e das campañas" da súa formación entre 1997 e 1999 e facelo á marxe da "retórica".

O xefe do Executivo recolleu dalgún xeito a mención a Arsenio, pero para atribuírlle a mítica frase do xogador peruano Wiliam Huapaya. En plena "recesión" el está "moi esixido" como tamén o estaba o ex adestrador do Deportivo, di, "o cal non significa que o equipo que dirixía non gañase a Liga, a Copa, e fose un dos mellores equipos de Europa", sentenzou. Pero, anécdotas futbolísticas máis ou menos reais á marxe, para o presidente as únicas "novidades" sobre corrupción das últimas semanas son a "imputación da tenente de alcalde do Concello de Ourense e da concelleira de Urbanismo de Ourense (PSdeG)", un goberno local ao que o Bloque "lle dá todo o seu apoio", acusa.

Jorquera pide contas polo "presunto financiamento ilegal dos actos e das campañas" do PPdeG

Nas bancadas do BNG comezaron a agromar carteis coa lenda "Feijóo, STOP corrupción". "Se queren, poñan eses carteis mirando para o seu grupo, que teñen dabondo", esixiu o presidente despois de apelar aos "graves problemas coa xustiza" que ten "o conselleiro que máis orzamento manexou no bipartito do BNG". "Vaia directamente ao xulgado se coñece algunha irregularidade", retárao previamente Jorquera, en cuxa opinión o líder conservador non só debe explicarse sobre Bárcenas, tameń sobre "José Luis Baltar, imputado por presunta prevaricación continuada, o delegado da Xunta en Ourense, condenado por defraudar fondos públicos, os alcaldes de Santaigo, do Carballiño, Baltar, Fisterra, Mazaricos, Muras, Barreiros, Abegondo e Vilasantar, imputados por presuntos delitos de corrupción" ou sobre o rexedor de Barbadás, "investigado" por "un pequeno desequilibrio" de 200.000 euros non declarados a facenda. Pero Feijóo "parole, parole, parole, nin unha mala palabra, nin unha boa acción", reprochou.

"Avergóñame que un partido nacionalista galego pacte con Bildu", retrucou Feijóo ante as peticións de explicacións sobre presuntas condutas corruptas

Jorquera tampouco o conseguiu este mércores. Feijóo empregou a súa última quenda para reprocharlle que o Bloque "goberne na Deputación de Lugo con persoas imputadas", recuperando ademais un dos clásicos do seu argumentario: os nacionalistas, din, deben "deixar gobernar aos que ganan". Foi neste punto onde o titular da Xunta recorreu a Euskadi. "Dado que me propón algunha cuestión ética, non pacten vostedes con Bildu", porque "como galego e como presidente da Xunta avergóñame que un partido nacionalista galego pacte con Bildu". Nos últimos segundos, o popular engadiu que impulsará que a publicación do patrimonio dos deputados e deputadas, que agora se realiza sen que sexa obrigatoria, pase a ser unha norma de obrigado cumprimento.

Feijóo, con Rueda nun intre do pleno © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.