Feijoo ascende a Agustín Hernández e Paula Prado

Hernández, durante a presentación dos orzamentos © Xoán Crespo

Alfonso Rueda, Agustín Hernández e Paula Prado. O congreso do PPdeG, que se veu celebrando ao longo desta fin de semana en Lugo, deixa sobre todo estes tres nomes e protagonista. Descontada a reelección de Alberto Núñez Feijoo por unha esmagadora maioría: 98,4% dos votos, e con poucas sorpresas e novidades no debate de ponencias e propostas, quedaba por despexar a incógnita de que persoas acompañarían o presidente da Xunta na dirección do partido nos vindeiros anos. 

Rueda manterá todas as súas atribucións co obxectivo de afianzar a súa posición de poder no partido, deixando claro o seu lugar de sucesor de Feijoo, sobre todo se o presidente abandonase a Xunta a curto prazo en dirección a Madrid

O número dous é Alfonso Rueda, cada día máis. Rueda recunca como secretario xeral do partido, mantendo a súa actual acumulación de cargos, pola que suma esta responsabilidade ás súas condicións de deputado, vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia. Rueda manterá todas as súas atribucións co obxectivo de afianzar a súa posición de poder no partido, deixando claro o seu lugar de sucesor de Feijoo, sobre todo se o presidente abandonase a Xunta a curto prazo en dirección a Madrid. Pero a reelección de Rueda tamén serve para evitar calqueira loita interna, sobre todo entre os distintos baróns territoriais, para facerse co control da Secretaría Xeral. 

Por debaixo de Rueda si hai cambios. En primeiro lugar de estrutura. As Vicesecretarías Xerais pasan de cinco a unha, que gaña peso e poder, e o partido incorpora a figura dun portavoz. O número tres do PPdeG pasa a ser o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. Hernández gaña enteiros no partido e tamén o fai a provincia de Pontevedra, onde o PP atopou dificultades nalgunhas das últimas eleccións. Tanto Hernández coma Rueda proceden desa provincia.

Con este nomeamento Núñez Feijoo vén de posicionarse claramente en favor de Paula Prado e en contra de Ángel Currás, que semella que recibe un golpe de gracia

A portavoz do partido a partir deste congreso será Paula Prado. E aquí si que está a gran noticia deste congreso. A deputada autonómica e concelleira en Santiago de Compostela mantén dende hai meses un enfrontamento político aberto e pouco disimulado con alcalde popular compostelán, Ángel Currás. Cando Gerardo Conde Roa abandonou a alcaldía hai uns meses, a súa sucesora natural á fronte do consistorio era Prado, que contaba ademais co beneplácito da dirección galega do PP. Porén, o escollido foi Ángel Currás, apoiado por Conde Roa e un grupo de concelleiros. Dende entón o PP está partido en dous en Compostela. E con este nomeamento Núñez Feijoo vén de posicionarse claramente en favor de Paula Prado e en contra de Ángel Currás, que semella que recibe un golpe de gracia. 

 

Feijoo: "Temos o partido máis honesto de España"

Nun discurso con escasas referencias concretas e ningunha para o escándalo de Bárcenas, Feijoo concluíu que "temos o partido máis honesto de España"

O Comité Executivo renovouse nun 60% dos seus membros e Alberto Núñez Feijoo foi reelixido co voto de 1.843 compromisarios sobre un total de 1.873. Houbo 24 votos en branco e seis nulos para completar unha maioría do 98,4%. Nun discurso escasamente orixinal o presidente da Xunta definiu a Mariano Rajoy como "un político honrado a carta cabal" e tivo palabras para Manuel Fraga, falecido hai un ano, do que dixo que lle cabía "o Estado na cabeza" e "levaba Galicia no corazón". Ademais enxalzou o labor dos catro presidentes provinciais do PPdeG, as "catro rodas" do partido.

Tivo tamén palabras de autocrítica para os políticos: "temos a obriga da renovación do partido pero tamén da renovación da política" ou "os ciudadans teñen dereito ás explicacións, por eso os dirixentes políticos temos deberes". Con todo, a autocrítica acabou aí e nun discurso con escasas referencias concretas e ningunha para o escándalo de Bárcenas, Feijoo concluíu que "temos o partido máis honesto de España".

 

Libre elección de hospital

Os populares propóñense empregar tamén o galego canda ao castelán nos seus perfis abertos nas redes sociais

En canto ao debate de ideas, o PPdeG fará da "liberdade de elección individual" a súa bandeira. Deste xeito o partido aprobrará na súa ponencia social unha proposta para converter nun dereito dos ciudadáns a libre elección de centro escolar, de médico de familia, de pediatra, de persoal de enfermeiría, e tamén de centro hospitalario. En canto á situación económica, a ponencia fai énfase na situación do sector naval e demándalles á SEPI e a Navantia que intensifiquen o seu traballo fóra de Galicia para buscar carga de traballo para los estaleiros de Vigo e Ferrol. O PP tamén promoverá a instauración de "grandes cooperativas para incrementar o valor engadido e corrixir o minifundismo local".

Coincidindo co primeiro cabodano de Manuel Fraga, a ponencia oficial inclúe unha mención ao seu galeguismo para incorporalo ao actual PPdeG. Nese senso, por exemplo, os populares propóñense empregar tamén o galego canda ao castelán nos seus perfis abertos nas redes sociais.

Hernández, durante a presentación dos orzamentos © Xoán Crespo
Paula Prado © Concello de Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.