Feijóo atrinchéirase para soster o goberno de Santiago

Feijóo, durante a sesión de control © Ana Varela

O grupo de goberno do Concello de Santiago está nunha situación crítica. Con dez dos seus trece membros imputados xudiciamente por unha ou varias causas e sete edís ás portas do banco dos acusados por pretender pagarlle con fondos públicos a un dos incausados na Pokémon o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, tomou a determinación política de manter o gabinete que encabeza Ángel Currás cando menos ata que a Xustiza llo permita. Esta decisión, adoptada tras un encontro con Currás en Monte Pío, semella ter ubicado o presidente nunha caste de trincheira política na que, con mellor ou peor fortuna, tenta despexar e responder non só as peticións de dimisións que lle choven dende as bancadas da oposición, senón tamén os argumentos da Xustiza.

Tanto a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, como o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, preguntáronse retoricamente "que ten que pasar" para que o titular da Xunta e xefe de filas do partido da dereita en Galicia "tome medidas ante a situación do Concello de Santiago", especialmente cando máis de medio goberno está abocado ao xuízo por presunta prevaricación. "Non ten importancia que dez dos trece concelleiros estean imputados?", preguntou o nacionalista. "Non é un problema dunha mazá podre, é que a cesta está podre", ilustrou Díaz que, como o nacionalista, invocou promesas previas de Feijóo a respecto da asunción de responsabilidades no caso da apertura de xuízo oral.

O presidente cuestiona os argumentos da xuíza e da Fiscalía para incausar a sete edís do goberno compostelán

Nesta conxuntura e como xa acontecera hai exactamente un mes, o presidente deu en contestar por aspersión, repartindo unha nada desdeñable cantidade de peticións de explicacións entre toda a oposición previo cuestionamento da xuíza e da Fiscalía. "Sabe igual ca min que as sete imputacións son por un expediente administrativo" que "conta con catro informes favorables", teima o presidente, aínda que no primeiro deses informes, no que en realidade se sustentou a aprobación do pagamento do avogado, o secretario municipal non daba o visto e prace á operación, senón que detallaba os supostos nos que se podería realizar. Así e todo, a xuízo do presidente Jorquera non debera preguntar pola "gobernabilidade de Santiago", senón dar explicacións pola de concellos como Lugo, Ourense ou Teo, mentres que Díaz tería que explicar "por que non dimiten" cargos de Izquierda Unida como un dos responsables da coalición en Asturias.

Debate con Sánchez Bugallo

Alén das habituais peticións de explicacións á oposición o outro principal argumento do presidente foi que no propio Concello de Santiago "hai precedentes de abonar minutas a concelleiros acusados por prevaricación", en referencia á etapa de Goberno de PSdeG e BNG e, nomeadamente a un acordo da Xunta de Goberno Local de novembro de 2009. "Votaron a favor en novembro de 2009 para pagar os honorarios dun concelleiro do PSOE acusado por prevaricación", "asinaron pagarlle os honorarios a un concelleiro do PSOE imputado por prevaricación" e "sen informe de ningún tipo", reiterou.

As acusacións presidenciais indignaron a oposición no seu conxunto pero especialmente ao deputado socialista Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Compostela no momento de asinarse ese acordo. "Acábase de dicir algo que é falso", exclamou dende o escano, retando o presidente a "que presente a factura" dese suposto pagamento. Xa ao remate da sesión de control e nun pouco habitual intercambio de cuestións de orde, Feijóo tentou emendar o seu esvarón argumentando que "non dixen nada de factura nin o direi".

Feijóo reitera que o anterior goberno de Santiago acordou pagarlle o avogado a un edil imputado, aínda que no acordo non figura pagamento ningún

"Grazas ao señor presidente pola súa aclaración, deume a razón", retrucou Bugallo, quen reitera que "non había ningún acordo de pagar e non había ningunha factura", pero Feijóo "repetiu tres veces o de pagar". Minutos despois o gabinete do presidente da Xunta distribuía entre a prensa unha copia do acordo en cuestión no que, efectivamente, o Concello acordaba designarlle un avogado ao concelleiro de Infraestruturas para defenderse ante unha denuncia do PP que foi arquivada. No documento non figuraba pagamento ningún.

Así e todo, a mensaxe que o Goberno quería colocar neste debate é que "neste mes a Xunta, por primeira vez, aprobará un código ético que protocolice as responsabilidades que as leis non concretan" en ámbitos como a recepción de agasallos. Segundo Feijóo, a intención non era converter o debate nun exercicio de "e ti, máis".

Feijóo, durante a sesión de control © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.