Feijóo axita o medo aos novos gobernos da Coruña, Santiago e Ferrol: "Non admiten a Constitución"

Feijóo, co PP de Ourense, este venres © PP Ourense

Volven os clásicos. O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, vén de culminar a rolda de xuntas directivas provinciais nas que o seu partido analizou os resultados electorais do 24M. Fíxoo nun dos contexto máis complexos para a formación conservadora en Galicia en décadas, tras sufrir uns resultados electorais que sitúan o partido cun apoio cidadán semellante ao de finais dos anos 80 e, no caso concreto das municipais, co menor número de votos da súa historia. Con este pano de fondo e despois dunha campaña electoral na que as alertas presidenciais sobre a suposta conversión "en Venezuela" semellaron ter escaso resultado, Feijóo recupera agora un dos lugares comúns máis recorrentes do PP: as novas formacións políticas poñen en perigo a orde constitucional, di.

Mentres no ámbito estatal se continúa especulando co posible e definitivo salto de Feijóo á escena política española, onde Mariano Rajoy teima en alertar dos riscos polo advenimento do que dá en chamar "esquerda radical", o xefe de filas da dereita en Galicia rematou o repaso ao 24M nas provincias de Pontevedra e Ourense, onde tivo que admitir ante os de Baltar que lograran "os mellores resultados das catro provincias", algo que "non era fácil". Foi neste escenario onde o presidente lanzou a alerta sobre os novos gobernos locais da Coruña, Santiago e Ferrol ou, o que é o mesmo, sobre os concellos que foron núcleo principal do devalo do PP provincial coruñés, piar fundamental dos apoios internos do titular da Xunta.

Aínda que Compostela Aberta superou o PP e a Marea Atlántica ten os mesmos edís que os populares Feijóo teima en que gobernarán malia seren "minoritarios"

"Estamos nunha fase de incertidume", alerta Feijóo, "porque as alcaldías de cidades importantes como Santiago, Ferrol e A Coruña estarán en mans de partidos que non admiten a Constitución Española, o Estatuto de Autonomía nin o funcionamento institucional dos últimos 35 anos". Aínda que no Concello santiagués Compostela Aberta conta con máis votos e supera o PP nun edil e na Coruña a Marea Atlántica iguala os populares en concelleiros e só ten 28 votos menos, segundo o reconto final, Feijóo insiste en que estes serán gobernos de "grupos minoritarios" que "van gobernar dende a minoría". Ademais de ausencia de respecto pola legalidade institucional vixente, vén dicir, haberá ademais inestabilidade para, por exemplo, aprobar "os presupostos" de cada ano.

O presidente cualifica de "espectáculo" as negociacións dos pactos pero adhírese a proposta de Louzán para reclamarlle ao BNG que o axude a reter a Deputación de Pontevedra

Feijóo responsabiliza do que debuxa como panorama caótico ás mareas pero tamén ao PSdeG. Case á mesma hora que Rajoy lle reprochaba a Pedro Sánchez os posibles pactos con Podemos en varias autonomías Feijóo proclama que "hai partidos que se comprometeron a nunca pactar cos Podemos galegos -en referencia ás mareas, compromiso que nunca se formulou pola banda do PSdeG-" e que "están agora entregando cidades e pobos a eses cos que dixeron que non pactarían". "Os galegos", asegura, "están dándose conta e tomando boa nota" e por iso os socialistas, teoriza, non entran nos gobernos das mareas: "non queren comprometerse para que os electores non poidan tomar nota de cara as eleccións xerais e se dean conta de que hai un engano electoral".

Todo isto, remata Feijóo, sucede nun panorama no que "nunha cidade un partido di unha cousa" e "exactamente a contraria noutra cidade". A negociación dos pactos, critica, estase convertendo nun "espectáculo que lamento profundamente" e polo que "a xente está sorprendida", xa que "estas actitudes de pouco rigor e respecto polas institucións non se tiñan dado no municipalismo galego", "non son correctas" nin "respectuosas coa xente". No entanto, xunto a esta argumentación Feijóo explicita o seu apoio a unha proposta inédita: a lanzada por Rafael Louzán ao BNG, xa rexeitada polo Bloque, para tentar reter a presidencia da Deputación de Pontevedra. Ese pacto, di o líder do PPdeG, sería tan "lexítimo" como que Miguel Anxo Fernández Lores continúe á fronte da alcaldía de Pontevedra.

Feijóo, avaliando as municipais CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.