Feijóo 'celebra' cinco anos na Xunta con cinco preguntas á oposición

Primeiro Consello da Xunta tras o retorno do PP ao Goberno © Vieiros

O 16 de abril de 2009 Alberto Núñez Feijóo era elixido presidente da Xunta polo Parlamento. Cinco anos e unha semana despois Feijóo situouse no mesmo escenario para responder ás preguntas da oposición na sesión de control. PSdeG, AGE e BNG coincidiron en pedirlle ao xefe do Executivo un balance da súa xestión nuns anos nos que os datos oficiais do IGE acreditan que hai un 9% máis de persoas no paro, un 14% menos de persoas ocupadas, unha poboación activa minguada en case un 4%, un 12% menos de afiliación á Seguridade Social e case un 70% máis de fogares sen ingresos. Todo isto, nun país no que viven 30.000 persoas menos, segundo os datos do padrón. Como adoito, os grupos opositores foron por respostas e volveron con preguntas.

"Cales son as súas políticas?"

O encargado de abrir fogo foi o socialista José Luis Méndez Romeu, que aquel 16 de abril sentaba na cadeira do conselleiro da Presidencia. "Nin un só indicador está mellor que hai cinco anos" e "o país está esmorecendo", diagnostica. "Reaccione, o que estamos vendo é o fracaso da falta de política e do exceso de ideoloxía e dogma", esixiu. Ante este emprazamento Feijóo botou man dunha das liñas argumentais da precampaña europea do PP, "nin ao bipartito nin ao Goberno de Zapatero os galegos os botamos de menos" , para, acto seguido, cuestionar o socialista a respecto de "cales son as súas políticas".

Feijóo culpa o bipartito de "deixarnos sen entidades financeiras"

"Estou convencido de que temos dereito a saber na Cámara cales son as súas políticas", teimou, xusto antes de botarlle en cara a Romeu non só a manida xestión do bipartito, senón tamén os recortes que está a aplicar o primeiro ministro francés, o socialista Manuel Valls. O PSdeG, pola súa banda, di, non ten demasiada marxe para a protesta porque, entre outras cousas, asegura, "nos deixaron sen entidades financeiras" e "con máis de 50.000 parados". Agora "hai menos paro que cando empezou a lexislatura" e "sobre todo, hai máis futuro", mantén.

"Teñen outras propostas?"

O segundo en pedir un balance foi o nacionalista Francisco Jorquera, a cuxo xuízo a Feijóo "só lle falta" emular a Felipe II e "dicir 'no envié a mis naves a luchar contra los elementos". O problema, a xuízo de Jorquera, é que o barco de Feijóo "non ten outro rumbo que presumir de campión dos recortes e ser obediente a Madrid", aínda que isto implique "que a xente estea máis empobrecida e teña menos dereitos". O país, retrucou Feijóo, non está moito mellor que no inicio da crise pero, asegura, "aplicando as políticas do BNG estaríamos moitísimo peor". "Non tente enganar a ninguén, porque os galegos sabemos ler e escribir", sentencia.

Jorquera: "Non ten outro rumbo que presumir de recortes e ser obediente a Madrid"

Partindo da base de que Jorquera mente cos datos que ofrece en materias como o desemprego ou a demografía Feijóo saca peito con medidas como considerar "un nasciturus como membro dunha familia" para a concesión de axudas públicas e pregúntase se o BNG "ten outras propostas" ou se limita a desexar "unha Galicia indpendente". O do Bloque non é máis ca "unha sarta de ausencia de ideas e de políticas concretas" e o seu proxecto, descualifica, "non vale nin para Galicia nin para ningún sitio". O BNG fala de "problemas inventados" e, aínda por riba, "vai con Bildu ás eleccións europeas". "Non nos representan", proclamou entre aplausos da bancada popular.

"Saben como deixaron as caixas?", "Cal é o seu modelo económico?", "Vai pedir unha comisión en Andalucía?"

Na sesión do balance o maior número de preguntas foi para a vicevoceira de AGE, grupo contra o que presidente adoita acumular maior desdén en público e en privado. Yolanda Díaz reprochoulle ao presidente a situación xeral de "destrución de emprego" e pediulle medidas concretas para paliar a situación, especialmente en comarcas deprimidas como Ferrolterra. "Velo actuar é para poñerse a chorar", lamentou, nun contexto no que a parlamentaria ferrolá esvarou ao asegurar que Feijóo prometera rematar con paro en 45 días -nunca chegou a formular esa promesa-. Non obstante, o presidente non aproveitou o esvarón, senón que se centrou en denigrar a AGE en xeral e a Esquerda Unida en particular.

Díaz: "Velo actuar é para poñerse a chorar"

Díaz "dá datos a barullo" para obviar, asegura, que co bipartito se destruían "140 postos de traballo diarios" e agora hai "38 postos de creación de emprego diarios". "Votede sabe como deixaron as caixas de aforro?", "cal é o seu modelo económico", preguntoulle, xusto antes de acusala de "vivir a conta de Ferrol" e aferrarse a un dos puntais do argumentario do PP en todo o Estado: a presunta fraude dos ERE de Andalucía. "Esquerda Unida vai pedir unha comisión de investigación na fraude da formación [en Andalucía] si ou non?", preguntou iradamente. Mentres isto non aconteza, di, o PP galego non vai aceptar "ningunha lección contra a corrupción".

Feijóo, nun intre do pleno © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.