O líder dos populares galegos presenta en Santiago os seus cabezas de lista: Diego Calvo na Coruña, Francisco Conde en Lugo, Marisol Díaz en Ourense e el mesmo e Alfonso Rueda de segundo en Pontevedra.
Ás 12.30 horas deste mércores comezou en Madrid a reunión da executiva do PP, formada por preto dun cento de dirixentes do partido, que avala o acordo con Ciudadanos para obter o seu apoio á investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno. Pouco antes, en Santiago, Feijóo, que forma parte dese órgano directivo, contraprogramábao e evitaba vincular a súa imaxe con esa decisión ao presentar de xeito imprevisto os cabezas de lista da súa formación ás autonómicas do 25 de setembro.
Hai unha semana que o propio Rajoy convocou para este mércores a reunión da súa executiva para que avalase o pacto con Ciudadanos, que entre as súas implicacións en Galicia suporía a marcha de José Manuel Baltar da presidencia da Deputación de Ourense por estar imputado nun caso de presunta corrupción política así como a posible investigación política do financiamento do PP galego. Cando Rajoy convocou esa reunión, a Feijóo preguntóuselle pola súa postura persoal, pero o presidente evitou explicitala asegurando que esa era unha cuestión menor comparada cos incendios forestais que a semana pasada estaban a intensificarse.
O pacto con Ciudadanos obrigaría a Baltar a deixar a Deputación por estar imputado nun caso de corrupción política por presuntamente ofrecer un emprego público a cambio de sexo
Chegado o día do encontro en Madrid, o PP galego convocou aos medios de comunicación na súa sede en Santiago para presentar os seus cabezas de lista na mañá do propio mércores, só unha hora e cuarto antes do acto, e non o día antes, como adoita ser habitual. Nesa presentación desvelouse que o número 1 pola Coruña será Diego Calvo, delegado da Xunta nesa provincia logo de perder a presidencia da Deputación tras as municipais do ano pasado e presidente provincial do partido desde hai cinco meses. En Lugo o cabeza de lista será o conselleiro de Economía, Francisco Conde, que antes fora asesor persoal de Feijóo e con pouco peso no partido. En Ourense o posto é para a delegada da Xunta na provincia, Marisol Díaz, persoa con boas relacións tanto co PP provincial de Baltar como coa dirección autonómica. Por último, en Pontevedra será o propio Feijóo o que encabece a lista, seguido do vicepresidente Alfonso Rueda.
Feijóo presentou os seus cabezas de lista como “renovación”, co argumento de que non foran antes neses mesmos postos, malia que calquera deles leva anos en cargos públicos e mesmo no Parlamento de Galicia. O candidato popular tamén presentou a candidatura do PP como un exemplo de unidade e estabilidade fronte ás leas internas do resto de partidos.