Nun acto con Casado en Abegondo o presidente do PP galego insta ao líder estatal a facer política con “serenidade” e di que o seu partido “nunca foi populista nin nunca o seremos”
O presidente do PP estatal, Pablo Casado, participou este venres en Abegondo nunha reunión da xunta directiva provincial do PP da Coruña na que tanto el como o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, realizaron intervencións públicas centradas en criticar ao Goberno de España. Segundo Feijóo, o actual é “o peor Goberno da historia de España”, o que o situaría á cola dos gobernos das ditaduras ou das monarquías absolutistas previas desde que hai rexistros históricos.
O presidente galego, que mantén no seu goberno unha Secretaría Xeral de Política Lingüística, como todos os anteriores da Xunta, tamén criticou este venres a situación política actual en “unha España na que se fai política con todo, ata coa lingua”. Fronte a iso Feijóo reivindicou “a Galicia cordial, o bilingüísmo cordial, a Galicia onde falamos español e castelán e onde o que nos interesa é aspirar a falar inglés”, frase textual na que non citou o galego.
Feijóo tamén asegurou na súa intervención que o PP non é un partido “populista”. “Nunca o fomos nin nunca o seremos”, dixo, defendendo ante Casado a necesidade de facer política con “serenidade”.
Na súa intervención posterior o líder do PP estatal cualificou á vicepresidenta primeira do Goberno de España, Nadia Calviño, de “incompetente” e “defraudadora fiscal” porque, segundo dixo, “utilizou unha sociedade instrumental con dous testaferros” para “mercar a súa mansión de 300 metros cadrados, defraudando decenas de miles de euros”.
Casado chamou "incompetente" e "defraudadora fiscal" á vicepresidenta Calviño e dixo que o PP "sempre foi a vos dos máis débiles"
Casado tamén dixo que o PP “sempre foi a voz dos máis débiles e os máis abandonados polos poderosos” e asegurou que así o seguirá a ser, convencido de que a cidadanía o vai “recompensar” nas urnas. Segundo di, o ascenso popular xa se ve nas enquisas e por iso hai quen quere dividilos “falando do que a ninguén lle importa”.