Feijóo culpa da burbulla inmobiliaria a PSOE e BNG, que o instan a "deixar paso"

Feijóo responde ás preguntas da oposición, este mércores © Xoán Crespo

Choven culpas. O secretario xeral do PSdeG e a voceira parlamentaria do BNG chegaron este martes á sesión de control ao presidente da Xunta con dúas preguntas semellantes. Reclamaban explicacións sobre a "situación económica" de Galicia á luz dos datos acumulados durante tres anos e, sobre todo, da suba do paro no primeiro trimestre de 2012. "Estamos nunha situación dramática, xa temos 82.800 familias nas que todos os seus membros están no paro", alertou Pachi Vázquez; "un de cada cinco galegos en activo está sen empregou", constatou Ana Pontón. "Goberne", coincidiron en reclamar ambos voceiros. E diante destas reclamacións, ballón de culpas con dous destinatarios habituais, PSOE e Bloque, e cun novo que semella vir para quedar no argumentario do presidente: o comisario europeo de Economía, Joaquín Almunia.

As culpas tiveron dous destinatarios habituais, PSdeG e BNG, e un que semella vir para quedar, o comisario europeo Joaquín Almunia

"Hoxe a cuestión non é o que poden facer os demais por Galiza, senón o que pode facer vostede por este país", subliñou Pontón, que ve "impasíbel" ou simplemente "inútil" a Feijóo, "frivolizando mentres hai milleiros de persoas que están pasando por unha situación desesperada". Pero o xefe do Goberno, provisto dun cartafol dedicado ao PSdeG e outro ao BNG, "lamenta" que as "esixencias" dos nacionalistas non se dirixan a Almunia e que Pachi Vázquez non "colabore" coa Xunta con algo que "pode facer sen saír da sede do PSdeG": "pode falar co seu comisario socialista e dicirlle que deixe de bloquear a 14.000 familias que viven do naval" e despois "volver falar co seu comisario e que deixe de bloquear as familias que teñen preferentes en Novagalicia Banco -a regulación das entidades financeiras non depende do comisario de Economía, senón da comisaria da Competencia-". "Fale con Almunia, que nós nos ocupamos de Galicia", esixiu.

Pero non era esta a única culpa a repartir. Pontón lembraba que Feijóo "ten responsabilidades" nin sequera o conflito do naval ou o das preferentes "son culpa en exclusiva da Unión Europea". "Que está facendo o Goberno galego?", preguntouse, nun contexto no que o presidente "facasou" porque "dixo que coa austeridade se ían solucionar os problemas deste país e está provocando máis paro". "Póñase no lugar dos milleiros de persoas que non teñen traballo, recoñeza o fracaso", retou. E Feijóo respostou: "xa era hora" de que o paro "lle preocupe" á voceira nacionalista. Pero "se hai algún problema en España da burbulla inmobiliaria, da burbulla crediticia e do problema do paro chámase Partido Socialista Obreiro Español" e "en Galicia", "Bloque Nacionalista Galego".

"O mellor servizo que pode facer é marchar"

Vázquez e Pontón coinciden en reclamarlle ao presidente que "marche" se non é quen de "tomar decisións"

Fronte á atribución das responsabilidades chegadas dende a bancada presidencial, incluída a problemática inmobiliaria que os expertos coinciden en atribuírlle, en boa medida, á liberalización do solo decidida en 2002 polo Goberno de José María Aznar, Vázquez e Pontón reiteran a necesidade de que algo se mova en San Caetano e, se isto non é posible, que mude o seu inquilino. "Presidente, tome a decisión de gobernar e senón deixe paso a quen quere tomala". "Non pode continuar coa cantinela de que as cousas van mellor, a realidade é que Galiza vai mal, que vostede está fundindo este país", di Pontón. "A súa responsabilidade é poñer medidas sobre a mesa, se non está disposto a facelo, o mellor servizo que lle pode facer a este país é marchar", concluíu a nacionalista.

Entre o rebumbio das bancadas populares Feijóo negaba en rotundo. "Estamos en mellor situación" que o resto do Estado e ademais "estamos tomando decisións" que "o acreditan". "Os galegos poden estar tranquilos" porque "en plena crise" hai "máis prazas de servizos sociais, máis sanidade pública, máis educación" e "máis servizos sociais ca nunca". Mesmo "todos os barcos que se están construíndo en Galicia" fano "cun aval da Xunta". E todo isto acontece mentres "non temos que acudir ao rescate do Goberno central". "Deberían apoiar os gobernos responsables", reclamou.

Pachi Vázquez e Ana Pontón, na sesión de control CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.