Feijóo defende a "honra" de Faraldo, que será xulgada por prevaricación e falsidade

Feijóo, este xoves no Consello © Conchi Paz

Un Consello máis a falar de problemas coa Xustiza. A quenda de preguntas ao presidente da Xunta tras a reunión semanal do seu Goberno son, dende hai meses, case un monográfico a respecto dos asuntos que mesturan política e tribunais no país, especialmente a operación Pokémon e as súas derivadas. Este xoves, outra volta, a Alberto Núñez Feijóo tocoulle responder sobre a presunta trama corrupta pero tamén valorar a dimisión da súa deputada María Faraldo, que será xulgada polos supostos delitos de prevaricación e falsidade cometidos, segundo a instrución do caso, na súa etapa como alcaldesa de Betanzos. Como xa acontecera cos edís condenados en Santiago Feijóo volveu combinar unha apelación de "respecto á Xustiza" cunha defensa da incausada, que desta volta é alguén cun papel relevante na estrutura do PP da Coruña, o considerado máis próximo ao presidente.

A decisión de Faraldo "a honra", di Feijóo, "convencido" de que "non adoptou unha resolución a sabendas inxusta" e que os feitos polos que vai ser xulgada foron realizados para "tentar solucionar un problema no conservatorio de Betanzos para que os rapaces puidesen aprender música nese centro público". Esa interpretación contrasta coa do tribunal, que no auto co que procesou a Faraldo sinalou que a daquela rexedora accedeu á pretensión do director do conservatorio para "contratar un novo profesor" aínda que "en contra do que alegaba, non houbo incremento no número de alumnos". Para esa incorporación o Concello non realizou "proceso de selección nin trámite ningún" e Faraldo tomou "por si mesma, sen suxeción a expediente ou proceso selectivo ningún, un contrato verbal de prestación de servizos" pero non como profesor, senón como "reparador e afinador de instrumentos" sen que a persoa contratada fose profesional da materia. 

O TSXG valora que a xa ex deputada era "coñecedora da imposibilidade xurídica" de realizar a contratación

Todo isto, segundo o auto do TSXG, produciuse aínda que Faraldo era "coñecedora da imposibilidade xurídica de contratar en termos laborais un novo profesor". Así e todo, a xa ex deputada, que como concelleira tentou que o consistorio -agora gobernado polo PSdeG- despedise o avogado que o representa neste caso, asegura estar "tranquila", xa que "o único que tentei foi defender o interese público", solucionando "un problema formal" para "manter en bo funcionamento o conservatorio". Ela, di, ten a "conciencia tranquila" por ser este un asunto de "marcado carácter administrativo". O Grupo Popular, pola súa banda, lembra que este xuízo chega "a raíz dunha denuncia presentada polo actual alcalde socialista" de Betanzos "en plena campaña electoral".

A responsable do boicot ao dispositivo anti incendios do bipartito

Esta non é, en todo caso, a primeira ocasión que o nome de Faraldo salta aos titulares por unha cuestión espiñenta. Como relatou Praza Pública, o papel da ex alcaldesa betanceira foi determinante no ano 2006 no intento de boicot que a dirección coruñesa do PP desenvolveu contra o dispositivo contra incendios da Xunta, daquela gobernada por PSdeG e BNG. A través dun informe interno que a Cadena SER sacara á luz Faraldo, na súa condición de secretaria de organización provincial do partido, instaba os alcaldesa a desenvolver unha "estratexia baseada na dilación" para constituír as brigadas municipais de incendios.

Faraldo animaba os alcaldes a atrasar a constitución das brigadas contra o lume e atribuírlle a "lentitude" á Xunta bipartita

A propia Faraldo recoñecíalles aos rexedores que o convenio que lles propuña a Consellería de Medio Rural, na altura dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal, non presentaban "diferenzas" de "entidade" cos dos gobernos de Manuel Fraga como para non asinalos, sobre todo porque "se houbese moitos lumes, a Xunta tentaría responsabilizar o PP ante a opinión pública". O que debía percibir a propia opinión pública, dicía, era que "os concellos do PP están dispostos a colaborar a tope na loita contra os lumes" pero "a lentitude da Xunta e as variacións introducidas nos convenios alargan os procedementos e provocan atrasos de máis de dous meses".

Faraldo, nunha imaxe de arquivo © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.