Feijóo defende a Monago e non cre que teña que dimitir

Feijóo, entre Monago e Herrera nun acto do PP © PP

Feijóo defende a Monago e non cre que deba dimitir malia as polémicas que o arrodean. O presidente da Xunta de Galicia e do PP galego, non considera que o xefe do Executivo estremeño teña que abandonar o seu cargo, ao ser preguntado por esta posibilidade tras a polémica suscitada polas súas viaxes a Canarias na súa etapa de senador. Máis de trinta en menos de ano e medio para visitar a unha amiga e a cargo de diñeiro público.

Feijóo non cre que Monago teña que dimitir polas súas viaxes privadas a Canarias a costa do Senado

Núñez Feijóo expresouse así en declaracións aos informadores á súa chegada á Convención que o PP celebra en Cáceres sobre Bo Goberno nas Comunidades Autónomas. "Non o creo", respondeu o presidente da Xunta ao ser preguntado por se Monago debería dimitir ante a polémica levantada na política española.

O presidente galego foi o único dirixente popular autonómico que atendeu aos medios á entrada do Palacio de Congresos de Cáceres, onde se celebra esta convención que será clausurada polo presidente do PP e do Goberno, Mariano Rajoy. A resposta de Feijóo chega logo de que si dimitise un deputado popular que tamén viaxaba ás Canarias para visitar a mesma muller que Monago e, neste caso, a costa do Congreso.

As palabras do presidente da Xunta chegan logo de que o PPdeG xustificase presentar imputados ás listas electorais

Ademais, as palabras de Feijóo chegan un día despois de que o PPdeG xustificase presentar persoas imputadas nas vindeiras listas electorais porque "os hai de conduta intachable" e porque hai que analizar "caso por caso".

Pero o caso é que no mesmo acto deste sábado, José Antonio Monago anunciou que devolverá "ata o último céntimo" dos gastos das viaxes realizadas a Canarias na súa época de senador entre 2009 e 2011. Malia manter tan só un día antes que todos eses desprazamentos eran por motivos de traballo, agora asegura que devolverá o diñeiro.

O presidente de Estremadura asegurou, en presenza de Mariano Rajoy e da cúpula do PP, que vai pedir á Cámara Alta unha relación de todas as viaxes que se están a poñer en cuestión. E foi máis aló ao asegurar que realizou o seu traballo "honestamente" e que é "unha persoa íntegra". Ademais, anunciou que levará a cabo accións xudiciais contra os que o acusan de ter realizado viaxes privados a cargo do Senado.

Monago anuncia que devolverá os cartos malia que asegura que as viaxes foron por motivos laborais

Pola súa banda, María Dolores de Cospedal, secretaria xeral do PP, louvou  a Monago como un "referente" e acusou a oposición de "manipular" e "mentir". Rajoy, ademais, asegura que o presidente estremeño conta co seu apoio e co de todo o partido.

Feijóo, entre Monago e Herrera nun acto do PP © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.