Ética ou estética? O vindeiro martes o presidente da Xunta protagonizará no Parlamento a súa controvertida comparecencia sobre "medidas de impulso democrático", coa que o Goberno galego procura reemprazar as peticións de explicacións da oposición sobre casos como a trama Zeta e que, na práctica, suporá un debate monográfico a respecto da corrupción. Neste contexto, semellaba politicamente complexo que Alberto Núñez Feijóo chegase á sesión co lastre de ter un dos altos cargos mellor pagados da administración, o presidente de Sogama, Luis Lamas, coa sombra das malas prácticas sobre si despois de que o Centro Tecnolóxico Alimentario con sede en Lugo, do que é tesoureiro, lle adxudicase o contrato de asesoría xurídica ao bufete de avogados do que é socio. Neste contexto, a Xunta deixouno caer.
O contrato da Fundación CETAL -dependente do Ministerio de Agricultura-, co despacho Lucus Lex saltou á polémica pública esta semana pero remóntase ao pasado setembro, cando foi adxudicado mediante o procedemento negociado sen publicidade por "axeitarse ás condicións (...) establecidas e ser a oferta economicamente máis vantaxosa", por algo menos de 18.000 euros. Nesta conxuntura, Lamas inicialmente defendeu a total legalidade da actuación, mesmo convidando a denuncialo a quen considerase que incurrira en irregularidades: "Se é estraño o que hai que coller é ir ao xulgado e presentar a oportuna querela", retou, ironizando ademais, segundo recolleu La Voz de Galicia, coa circunstancia de que se criticase que fose asociado deste despacho de avogacía pero non do Club Deportivo Lugo ou do Club Baloncesto Breogán.
Lamas retou a que o levasen "ao xulgado" poucas horas antes de ter que dimitir por incorrer nunha incompatibilidade
"Se é ilegal, ao xulgado", reiteraba o alto cargo da Xunta, ao tempo que matizaba que "efectivamente, teño unha parte nun despacho" pero "non exerzo", porque "se exercese estaría a incumprir a lei de incompatibilidades". Ese incumprimento, precisamente, foi ao que aludiron pouco despois os grupos parlamentarios do PSdeG e de AGE para esixir formalmente, a través de José Luis Méndez Romeu e Antón Sánchez, a dimisión de Lamas. O artigo 3.4 da norma, lembraban, indica que altos cargos como o presidente de Sogama "non poderán posuír a titularidade de participacións" superiores "ao 10% de empresas que teñen concertos ou contratos (...) co sector público estatal, autonómico ou local".
O alto cargo asume a contratación a un "erro" por non estar no "día a día" do despacho de avogados do que é socio
Neste contexto, o que era resistencia e mesmo ironía a respecto dunha posible dimisión tornou en asunción da realidade cando horas despois, segundo transcendeu, foron técnicos de Función Pública da Xunta quen o informaron de que, efectivamente, estaba incurso nunha causa de incompatibilidade. A través dun comunicado Lamas definiu o acontecido como "un erro, e en política os erros hai que asumilos". Deixa a presidencia de Sogama por "dignidade persoal e política", afirma, toda vez que non está "no día a día das tarefas" do bufete, o que lle "impediu exercer un control sobre esta cuestión". Lucus Lex vai renunciar á xestión deste servizo, asegura, aínda que "o proceso de contratación se levou a cabo respectando a lei".
Así as cousas, Lamas despídese de Sogama tras seis anos nos que, afirma, "deu todo para que a compañía" chegase a "prestar o mellor servizo público posible, velando polo benestar e a calidade de vida de todo os galegos". Faino, asemade, despois de moitos meses de polémica pola suba do canon que a empresa, participada maioritariamente pola Xunta, lles cobra aos concellos. Esta polémica foi a que levou a Lamas, figura de referencia do PP de Lugo durante anos, a protagonizar controvertidos excesos verbais nas redes sociais.