Feijóo delega en Baltar fillo as explicacións do presunto financiamento ilegal do PP de Ourense

Baltar e Feijóo, nunha xuntanza en San Caetano © Xunta

O presidente do PPdeG e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, delega en Manuel Baltar para que dea explicacións sobre o presunto financiamento ilegal da formación popular en Ourense que denuncia o ex xerente do partido na provincia no marco da operación Pokémon.

Feijóo cre que o PP "ten que dar as explicacións que considere oportunas", pero delega estas en Manuel Baltar

Feijóo cre que o PP "ten que dar as explicacións que considere oportunas", pero delega estas no presidente dos populares de Ourense e fillo de José Luis Baltar, a quen o ex xerente Emilio Pascual acusou de financiamento ilegal e de pagarlle a el mesmo con diñeiro negro que, en algunhas ocasións, tería gardado nunha caixa forte da formación. "O PP de Ourense quere ser claro", explica o presidente da Xunta, que cre que esa claraidade acredítana as declaracións de Manuel Baltar aos medios.

"Parece que os órganos do partido se reunirán para tomar a decisión máis grave, que é acdreditar xudicalmente a súa honorabilidade", insistiu Feijóo, que cre que en política "hai que dar explicacións todos os días, e cando hai algunha dúbida hai que saír a dalas". O presidente da Xunta coincidiu con Manuel Baltar, co que coincidiu no congreso do PP de Verín para a elección do seu candidato aos comicios locais de 2015 e ao que acudiron varios alcaldes da comarca e o parlamentario Miguel Ángel Santalices, tamén sinalado nos testemuños do ex xerente dos populares ourensáns.

Ademais, e ante as peticións de explicacións da oposición, Feijóo pediu "mesura e prudencia" ao PSdeG "cando eles son os que deben explicar o rexistro da Deputación de Lugo", ordenado o pasado venres pola maxistrada Pilar de Lara.

Manuel Baltar denunciará o ex xerente do PP de Ourense por "atentado vil e absolutamente obsceno"

Pola súa banda, Manuel Baltar aclarou que denunciará o ex xerente por "atentado vil e absolutamente obsceno" contra a súa honorabilidade e a do PP ourensán. Segundo dixo, o que foi xerente ata comezos de 2010 fixo "unha serie de declaracións en sede xudicial, pero este venres fíxoas públicas, así que a relevancia, contido e repercusión, non xa local ou autonómica, senón incluso internacional, é clara".

"Foi bastante suave chamalo pésimo profesional", di o presidente do PP ourensán sobre o ex xerente

Por iso, dixo, actuará "en consecuencia, con toda a contundencia", tras remitirse aos dous comunicados que emitiu. "Alá cada un coas súas manifestacións e responsabilidades", insistiu, tras lembrar que decidiu "prescindir" dos servizos de Pascual "desde o segundo número un" da súa entrada na sede do PP de Ourense. Pero non o despediu, segundo manifestou, senón que "instou" a dirección nacional ao seu "relevo", non só "para que deixara de levar as contas, senón todas as funicóns que lle corresponden segundo os estatutos". "Foi bastante suave chamalo pésimo profesional", engadiu.

"Mentiras, mentiras e ansia de notoriedade". Así definiu Manuel Baltar as acusacións do ex xerente, que tamén terá que afrontar unha querela de Miguel Santalices, citado no sumario como suposto destintario do diñeiro irregular.

Ademais, o PSdeG exixiu a Feijóo que dea explicacións no Parlamento sobre o financiamento do PP de Ourense, mentres que o BNG condenou a "xestión corrupta" dos populares en "interese de empresas amigas" para "ter o control".

 

 

Baltar e Feijóo, nunha xuntanza en San Caetano © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.