Feijóo desenténdese das revelacións da Pokémon "ata que a Xustiza fale"

Feijóo, tras o Consello da Xunta deste xoves © Ana Varela

Non é a primeira vez que Alberto Núñez Feijóo é interpelado a respecto da operación Pokémon. Dende o mesmo estourido do caso de presunta corrupción ao presidente da Xunta preguntóuselle en múltiples ocasións polas consecuencias políticas que, ao seu xuízo, debera ter, especialmente no seo do partido do que el é máximo responsable, o PP de Galicia. Entre apelacións a "colaborar coa Xustiza" e á presunción de inocencia o xefe do Executivo daba, por veces, en acabar por pedir explicacións ás demais forzas políticas, especialmente cando as quendas de preguntas posteriores ao Consello da Xunta se convertían case nun monográfico sobre o caso Pokémon en xeral e sobre o Concello de Santiago en particular. Máis dun ano despois o levantamento parcial do segredo de sumario fixo caer sobre o presidente unha amplísima batería de preguntas que deu en responder desentendéndose das revelacións "ata que a Xustiza fale".

Visiblemente molesto polas reiteradas preguntas Feijóo insistiu en "lembrar" que "hai dous alcaldes que non están [Gerardo Conde Roa e Adolfo Gacio] e algún que houtro concelleiro que non está" por mor deste caso -en rigor, Conde Roa dimitiu pola súa fraude fiscal-. "Temos actuado en función da gravidade dos datos", di, en referencia ao xeito de proceder do PP. A partir de aí "o que me corresponde é estar atento ao que diga a Xustiza" para "actuar en consecuencia" e por iso "pido que a Xustiza nos aclare cal é ese sumario, que se publique para estar atento ao que nos diga". 

Feijóo evita pronunciarse sobre se debe cesar o edil que pediu o despido da dona dun sindicalista

Pero, alén das consideracións xerais e do "interese en coñecer que é o que a Xustiza di que é delitivo", que sucede coas condutas eticamente reprobables que xa están saíndo á luz, caso por exemplo dos enchufes, dos presuntos amaños de contratos públicos ou da petición do edil de Deportes de Santiago, Adrián Varela, para despedir unha empregada de Vendex pola vinculación sindical do seu marido? "Pedirlle a alguén qeu se pronuncie sobre un sumario parcialmente publicado non é moi razoable", reprocha, nun contexto no que o presidente chega a lanzar unha pregunta retórica: "Había persoas en Vendex que tiñan relación con sindicalistas? Non o sei, porque non lin o sumario e non teño opinión ao respecto", afirma.

Apelación a distinguir condutas

Partindo da base de que "nin lin os 9.000 folios" do sumario "nin o penso facer" Feijóo anima a prensa a distinguir entre as distintas condutas que fican reflectidas nas investigacións da xuíza Pilar de Lara, xa que "non é o mesmo recibir diñeiro" ou "ter pedido diñeiro a alguén" que "outras cuestións".  Tampouco é que esteamos a falar "de como accede un empregado á administración pública, senón de empresas privadas" que "contratan a un ou a outro en función da indicación dun político", considera, aínda que estas empresas sexan concesionarias de servizos públicos. "Como non é o mesmo, debemos ser prudentes para coñecer exactamente cales son as actuacións e circunstancias" porque, a tal punto, a documentación que xa non é segreda semella "unha habitación con pouca luz na que é difícil orientarse".

Feijóo deixa caer críticas á instrución e ao "morbo" que, ao seu xuízo, deriva dalgunhas das escoitas telefónicas

Con este marco conceptual trazado e aínda recoñecendo que "neses 9.000 folios parece ser que hai cuestións que me parecen, de demostrarse, delitivas e intolerables", o presidente aproveita para deixar caer críticas máis ou menos veladas á instrución de De Lara e, sobre todo, ao contido do sumario que xa é público. Nalgúns dos documentos que están a transcender hai, para o líder popular, "moito morbo e moitas cuestións accicdentais de conversas privadas que non teñen nada que ver nin con accións delitivas nin con corruptelas". Este é o caso, ao seu xuízo, das conversas nas que figura a voceira do seu partido, Paula Prado. "Sobre conversas e morbo eu non me vou pronunciar" porque Prado "non ten ningunha relación, de momento, igual que outros concelleiros e alcaldes, da que se poida derivar ningunha responsabilidade.

Feijóo, tras o Consello da Xunta deste xoves © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.