Dos múltiples titulares que xerou a sesión de control ao presidente do pasado mércores ningún puido falar dos contratos asinados pola Xunta con empresas ligadas ao narcotraficante Marcial Dorado. O presidente, Alberto Núñez Feijóo, anunciara que esa quenda de preguntas na Cámara ía ser o escenario elixido para dar conta da información, toda vez que a oposición preguntara ao respecto. Os grupos preguntaron pero o xefe do Goberno non respondeu. No medio da tensión e do cruzamento de improperios a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, preguntou explicitamente polos contratos e Feijóo. "Señora, como vostede non merece ningunha resposta, remitirei os datos á Cámara, á xustiza e a Galicia", obtivo como resposta.
Vinte e catro horas despois do tensísimo pleno parlamentario o titular da Xunta respondía este xoves a outras preguntas, as da prensa despois da reunión semanal do Goberno galego, e expuxo ante os informadores as súas razóns para non cumprir o que anunciara. A oposición, argumenta, non lle "deixou". "Onte tiña tres preguntas" e "había unha sobre os contratos da Xunta nos últimos vinte anos co señor Dorado ou empresas do señor Dorado, esa pregunta era exactamente de AGE", evidencia. Entón, por que non a contestou? "Non puiden seguir contestando ás preguntas porque un deputado [Xosé Manuel Beiras] veu ao meu escano e, ademais de dicirme cousas interesantes, fixo puñetazos enriba do escano dun presidente". Polo tanto, "non puiden proseguir coa sesión de control para poder contestar".
Feijóo investiu en esixir desculpas a quenda na que anunciara que ía detallar os contratos
Responde isto exactamente á realidade? Se ben é certo que Xosé Manuel Beiras se achegou ao escano do xefe do Goberno e bateu no taboleiro mentres o increpaba, non o é menos que isto non sucedeu durante a quenda de preguntas de AGE. O líder de Alternativa ergueuse do seu asento cando Feijóo lle respondía ao voceiro do BNG, Francisco Jorquera, a quen considerou que "só lle queda sacar o zapato" ou "emocionarse" para "imitar" máis ao propio Beiras. Cando o grupo que preguntaba era AGE, por boca de Díaz, Feijóo investiu unha quenda en esixirlle "desculpas" e outra, en declararse "farto de tanta ignominia" e recriminarlle que foi "ameazado". Acto seguido, proclamou a devandita negativa a responder.
"Ningún problema" en "acreditar céntimo a céntimo"
Malia todo isto Feijóo asegura non ter "ningún problema" e mesmo sente "urxencia" por "acreditar céntimo a céntimo cales foron os contratos, as axudas, as subvencións" ás empresas de Dorado "durante os vinte anos da Xunta". Así, asevera, vai quedar "claro" que "nin adxudiquei nin asinei ningún contrato con ningunha desas empresas" nin "como secretario xeral, nin como conselleiro, non como vicepresidente nin como presidente". Neste escenario o presidente non aclara, non obstante, se o feito de que el non xestionase os contratos quere dicir que estes non se realizasen. Ao Parlamento, mantén, chegará a información "consellería por consellería" e, xusto despois, "aos medios de comunicación". Cando? "Supoño que de forma inmediata, sobre todo se me deixan traballar con normalidade e non teño que ler teletipos tan agradables como o que vostede me acaba de trasladar", respondeu aos informadores, en referencia a que Yolanda Díaz o cualificara de "macarra" poucos minutos antes.
O presidente mantén que remitirá á Cámara os datos dos contratos "consellería por consellería"
Á marxe dos contratos Feijóo aproveitou a comparecencia deste xoves para volver censurar a actitude de Beiras. "Cada galego ten o seu criterio para votar a un partido ou a outro, pero hai límites que non se poden sobrepasar", di. El, afirma, non vai "engadir máis polémica" pero "pido que non se crispe á sociedade" porque, ao seu xuízo, hai políticos que, "utilizando a súa plataforma de deputado" están a "crispar a sociedade galega aproveitando a dor de moitas familias que o están pasando mal". "Iso -teoriza- é antipolítica e un réxime carente de democracia" e por iso "eu seguirei garantindo o estado de dereito na comunidade autónoma, aínda que a algúns non lles guste".